OPINIÓN

Pin&Pon van votar

Iolanda Veloso

Unha destas tardes de chuvia estaba na casa coas miñas crianzas que vían unha canle de televisión infantil onde xa comezan a bombardealas cos anuncios dos xoguetes que teñen que pedirlles, segundo as súas preferencias, a Papá Noel, ao Apalpador ou aos Reis Magos (van nomeados por orde cronolóxica). Igual lles chegan os agasallos que pediron en máis dunha data, igual non lles chegan en ningunha delas e aparece calquera outro xoguete máis accesible. A cousa sempre foi así, tamén entre as crianzas hai diferenzas e nestas datas poden ser crueis. O que si é común a todos os nenos e nenas é que, ao final, acaban xogando coas caixas, así que por eles non ha de ser.

O caso é que mentres preparaba as merendas chamoume a atención un anuncio, o do “Centro comercial de Pin & Pon”. Case morro co invento. Un centro comercial para xogar a ir de compras. Superada a clásica froitaría onde mercas as mazás ou a leituga, chegamos aos modernos templos do consumo onde atopas “superprobadores” e pagas coa tarxeta de crédito saias realmente baratas. Logo merendas e volta a mercar. Pin & Pon, sexa cal sexa cada unha delas, cargan o coche de bolsas e marchan do centro comercial que “es ideal” (non vos perdades o anuncio aquí). Como xogo para crianzas pareceume, a verdade, algo perverso.

Esa mesma tarde estaban non os centros comerciais senón os mercados completamente revolucionados. Eu, de feito, pensaba que os mercados eran unha versión obsoleta e cutre dos centros comerciais, onde podes comprar peixe pero non saias modernas co 50 por cento de desconto pagando con tarxeta de crédito no canto de co anithixiénico billete, pero resulta que non, que son os que deciden que as nosas crianzas xoguen no centro comercial como actividade educativa. A razón do seu alboroto era a atroz posibilidade de que nun país democrático da Europa moderna, do lado privilexiado do mundo, a cidadanía puidese decidir sobre como saír da crise económica que eles mesmos, os mercados, lle provocaran. Afortunadamente agora xa poden durmir tranquilos, non só conseguiron evitar tal desgracia senón que xa puideron actuar noutro estado que ía polo mesmo camiño antes mesmo de que xurdise a ameaza. Son poderosos os mercados eses, ao fin e ao cabo non esquezamos que en dúas patadas conseguiron que dimitira un presidente que seguía no seu sitio logo de falcatruadas de toda caste que non o levantaron do asento nin política nin xudicialmente. Será por iso que este mes de decembro as crianzas poden xogar no centro comercial de Pin & Pon e non a “Pin & Pon van votar”. A iso, en todo caso, xogará algún adulto o 20 de novembro.

Iolanda Veloso Ríos

Iolanda Veloso é concelleira do grupo municipal do BNG en Vigo. Na anterior lexislatura foi concelleira de Igualdade, Normalización Lingüística e Mocidade. É tradutora.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011