OPINIÓN

O voto das narices

Xosé Febrero

A democracia é o mellor sistema para resolver os problemas sociais. É o mellor por que é o máis eficiente, pero tamén, e fundamentalmente, é o máis xusto. Significa o goberno polo pobo… a través dos medios dos que se dota, e a favor dos intereses do propio pobo, e da sociedade na que está implementada.

Para que a democracia funcione, isto é, para que sexa realmente democrática, os seus resultados teñen que responder realmente á vontade da xente, da propia cidadanía. A democracia presupón que cada un dos cidadáns reflexiona activamente, participa, e nas eleccións, compara os distintos programas electorais, e elixe aquel máis semellante a si mesmo, e máis favorable para os seus intereses particulares, e para os intereses colectivos.

Porén, cando chegan as eleccións, cada un de nos tenta maximizar en todo o posible o seu voto, tentando conquerir a máxima rendabilidade da opción electoral elixida, e descartamos opcións máis próximas aos nosos ideais en prol de opcións máis alonxadas, pero as que lle atribuímos maiores posibilidades de éxito.

Ehí está primeira e íntima traición que lle facemos á democracia, e que nos facemos a nos mesmos. Non podemos estar satisfeitos co funcionamento do sistema democrático dado que renunciamos á nosa opción e optamos por outras opcións que nunca nos satisfarán, pero pensamos que esas opcións son como un mal menor, diante de outras que provocan o noso rexeite máis vivo.

Optamos por outras opcións, por considerar que teñen máis posibilidades de éxito, e tamén por que desexamos que unha determinada opción non trunfe, é o chamado voto negativo. Nestas eleccións moitas persoas votarán polo PP como voto de vinganza contra o PSOE, e outros votarán polo PSOE para minimizar a previsible victoria do PP. Tamén hai xente que votará ao BNG por entender que é a opción ‘galega’, a pesar de estar completamente alonxados do seu discurso nidiamente esquerdista. O certo é que entre a gran masa de votantes, vai haber moitos que votarán sen ilusión, e sen esperanza de que gañe quén gañe, a sociedade poida evoluir no memo sentido que os seus intereses, e os seus máis íntimos desexos.

E esta íntima traizón se fai en base ao chamado voto útil. Esta apelación ao voto útil a está a facer o BNG co seu lema secundario “O único voto útil na Galiza”, pero tamén o está a facer o PP, pedíndolle á xente que se sume a un cambio, pero sen explicar en qué consiste ese cambio ou por que a xente debería estar ilusionada con un determinado cambio. A apelación ao chamado voto útil tamén o está a facer o PSOE, cando se presenta como dique para defenderse do PP, co lema batallador de Pelexa polo que queres.

Pois todo é unha gran mentira. Todos saben e todos sabemos que o único voto útil é o voto decisivo: esto é, aquel voto emitido entre distintas opcións políticas, cando se produza unha situación de empate. Tal circunstancia é altamente improbable, e na democracia española non se ten dado. Pero ademáis, o chamado voto útil, é o máis inútil de todos: o votante emite unha mensaxe distinta do que prefire en realidade, e por tanto, nas futuras citas electorais, o sistema e os políticos poderán seguir actuando como si ese votante non tivera voz, dado que en realidade non a tivo.

O único voto realmente útil é o voto reflexivo, realizado por unha opción política que responda aos íntimos intereses e necesidades do votante. O único voto útil é o realizado a prol de quen lle saia das narices ao votante, con total e absoluta independencia de supostas estratexias mentais.

Por que non votamos a quén nos sae das narices? Eu creo que por que lle temos medo ao fracaso, e temos medo a ser nos mesmos, e a ter que xustificar unha opción que pode ser minoritaria, e asimilamos dita opción que pode ter remotas posibilidade de éxito con perder, sen decatarnos que perdemos cando investimos o noso voto en algunha opción que verdadeiramente non é a nosa escolla.

O único voto útil é o realizado por unha forza política que se pareza ao votante, aceptando que na confrontación política esa opción pode ser ou non maioritaria, pero que o auténtico democráta aceptará os resultados cando sexan adversos, e tamén os aceptará cando a súa escolla sexa maioritaria. Só que, en ese caso, as medidas políticas que tomará a súa escolla política serán as que considere máis axeitadas para os seus intereses persoais, sociais e colectivos.

Avatar of Xosé Febrero

Avogado de profesión. Xosé Febrero foi candidato ao Congreso por Ourense nas listas de Converxencia XXI.
Artigos relacionados

Un comentario en "O voto das narices"

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011