OPINIÓN

O dilema do 20N

Xesús Veiga

Algúns analistas afirman que estamos diante da campaña electoral mais importante dos últimos anos. Non atopo razóns que xustifiquen semellante contundencia valorativa. A menos que queiran destacar o contexto –inédito- de grave crise económica no que se celebran… e o clima –tamén relativamente atípico- de forte desconfianza social a respeito da elite política. Pero estas circunstancias, xa coñecidas e debatidas dende hai meses, non imprimen un carácter de maior relevancia e/ou calidade á confrontación electoral.

Reparemos no que fan os dous principais protagonistas deste singular teatro político que precede ao 20 de Novembro. Aínda que sexa por razóns diferentes, Rubalcaba e Rajoy practican unha retórica defensiva. Un porque carece da credibilidade necesaria para avalar algunhas das propostas novidosas que formula neste momento (aprazamento ate o 2015 do requisito dun déficit do 3% do PIB, promoción dun plano de investimentos públicos na UE, insinuación dunha redución do gasto militar).O outro porque pretende chegar á Moncloa cun cheque en branco que permita demorar as previsíbeis frustracións provocadas polas duras restricións que padecerán os gastos produtivos e sociais nos vindeiros orzamentos.

A palabra “cambio” é a nai de todos os equívocos. O candidato do PSOE non pode pronunciala nin sequera como invocación nominalista porque está pagando a grave hipoteca contraída por Zapatero en Maio do 2010.Daquela, formaba parte dun goberno que aceitou o diktat de Merkel, Obama e Sarkozy no canto de elixir o camiño dunha convocatoria electoral anticipada. En troques, o candidato do PP cabalga sobre o desexo social de mudar o actual estado de cousas para concluír que a solución está nun goberno con novas caras aínda que practique vellas políticas. O cambio que propón Rajoy é a consecuencia do absoluto simplismo argumental que supón colocar a orixe principal da crise económica na deficiente “xestión” do actual goberno do Estado.No particular mundo feliz de D. Mariano non existen as hipotecas lixo, as axendas ocultas ou explícitas dos especuladores, as políticas do FMI ou as directrices económicas emanadas do tándem Merkel-Sarkozy.

Estas eleccións poderán ser cualificadas como históricas se permiten visibilizar o medre de políticas alternativas ante o derrubo do benestar social que estamos vivindo. Máis do mesmo ou transitar por un camiño diferente. Velaí o verdadeiro dilema do 20-N.

Xesús Veiga Buxán

Profesor de Económicas na USC. Membro do Consello Nacional do BNG, foi deputado do Parlamento Galego e asesor económico da Vicepresidencia durante o goberno bipartito.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011