OPINIÓN

Despotismo iliterato

Paulo Carlos López

A naturalidade coa que os diversos mandatarios europeos (sen distinción de ideoloxías), criticaron dun xeito estremadamente belixerante a en boa medida lóxica decisión de Papandreu de convocar un referendo sobre o acordo acadado arredor das medidas de rescate da UE ten, certamente, que preocupar. Primeira conclusión deste feito: a soberanía nacional grega non é tal e os cidadáns voltan á súa condición de súbditos.

Non debemos facer pasar como unha anécdota sen importancia esta reacción, xa que tras ela agóchase unha nova concepción da democracia, moito máis verticalizada e onde a ausodía dos primeiros ministros de consultar ao pobo pode acabar politicamente con eles: logo de moitas presións, Papandreu xa presentou a súa dimisión e os seus últimos esforzos camiñan cara a aprobación dese Plan de rescate e negociar coa oposición un goberno nacional de concentración antes das próximas eleccións.

Os mercados, noutra hora sixilosos e invisibles compañeiros de viaxe dunhas supostamente robustas democracias occidentais, nese binominio tautolóxico da teoría política liberal (non hai democracia sen mercado, e viceversa), están a mostrar a súa verdadeira faciana e dando a razón aos que afirmaban de que se segue a existir democracia é a pesar dos mercados, ou mellor dito, deste tipo de mercados. Por moito que Merkel e Sarkozy se esforcen, ningún argumento (xa sexa o socorrido pragmatismo, o da resposta rápida para ofertar certidume e confianza aos inversores, tanto ten!) xustifica sustraer un dos principais elementos de calquera democracia que se prece: a de preguntar ao pobo. As elites económicas e políticas europeas, encapsuladas no poder, ensimesmadas en facer o que os tecnócratas de Bruxelas e o FMI din unha vez mais outra, están a perder de xeito definitivo a referencia desa maioría social que, supostamente, pretenden salvar da máis absoluta das ruinas. Salvala sen nin tan sequera perguntarlle se quere ser salvada. Segunda conclusión: democracia e mercado (cando menos este tipo) non son compatibles.

Así, o anuncio da intención da frustrada consulta popular grega agravou as tensións económicas en Europa, disparando a prima de risco de Italia e España, tinxindo de vermello as bolsas, irritando a Alemaña e colacando no disparadero a un Papandreu que, segundo a profeta Merkel, estaba a suicidarse politicamente: o referendo en Grecia vencellería de xeito sibilino a aprobación das medidas de axuste á continuidade no Euro do País Heleno. E seica, todo isto provocaría un efecto dominó.

Parecen esquecer moitos e moitas que unha saída social á crise implica corresponsabilizar á cidadanía na toma de decisións e na acción gubernamental. O contrario provocará unha diverxencia de tal magnitude que, no hipotético caso dunha resolta crise económica, aínda ficará unha enorme quebra social de impredecibles consecuencias, dinamitando o necesario proceso de construción europea que só sera e funcionará se descansa sobre a vontade cidadá.

Esta crise está deixando ao descuberto as vergoñas e as miserias desta nosa democracia, que, se ben é a mellor que tivemos, non é, dende logo, a mellor das posibles neste momento. É xa ben coñecido por moitos un concepto político xurdido no século XVIII dentro das monarquías do Antigo Réxime: o despotismo ilustrado, onde as decisións tomábanse de xeito absoluto, mais guiadas pola razón, piar básico da Ilustración. Todo para o pobo, pero sen o pobo.

Quen ía pensar que varios séculos despois atopariamos un método de gobernación tan semellante nesta Europa que non se recoñece a si mesma, aturdida por momentos, abatida, derrotada. Unha Europa que aplica un despotismo que nin tan sequera chega á categoría do Ilustrado de Luis XV, de Carlos III, de Catalina II ou de Federico II de Prusia. Estamos camiñando cara unha democracia de cartón-pedra onde cómpre dun xeito urxente devolverlle á cidadanía a súa capacidade de decisión sobre o seu futuro, o seu dereito de libre determinación. Terceira conclusión: estamos a camiñar cara unha nova forma de goberno, o despotismo iliterato. Non ilustrado e sen razón. Nada para o pobo, e sen o pobo.

Paulo Carlos López

Xornalista, politólogo e investigador. Doutorando en comunicación política.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011