OPINIÓN

Arma de dobre fío

O tantas veces temido choque de comboios –coa DUI proclamada no Parlament e co 155 CE aprobado nun arrebato de aplausos polo Senado, por unha banda–, e a apertura de máis de medio cento de procesos xudiciais, pola outra, evidencian o fracaso da política. Un verdadeiro drama. Porque o autogoberno de Catalunya pasa a depender do vicerrei Mariano Rajoy, nun asalto autoritario de moi dubidosa constitucionalidade, e porque as eleccións que impuxo para o 21-D non van ser a medicina que suture a fractura producida polo colapso das vías de circulación. Serán en todo caso unha arma de dobre fío para todos. Para os independentistas, que afondarán en contradicións, para os unionistas (a frente nacional ou o mix de civismo/partidismo patriótico e brazos en alto cantando o cara al sol) e para quen acabou investido para gobernar a Generalitat sen pasar polas urnas.

Os despropósitos desbordaron a realidade. Non só a lei e os pactos constitucionais. Os que activaron o dereito a decidir, lexitimados por un movemento transversal de masas que o demandou Diada tras Diada, non calcularon ben a correlación de forzas. O Estado e a estrutura de poder que se alimenta do demacrado Réxime do 78 (a Coroa, o bipartidismo, o IBEX 35, unha parte importante da xudicatura e empresas de comunicación convencionais) é un Goliat que fai da violencia institucional o seu sistema de resistencia. A Moncloa instalouse nesa lóxica sen reparar en nada que non fose a rendición incondicional de Puigdemont.. Era, pois, fundamental non renunciar á activación do 155. Convocara ou non eleccións o President.

Con outras miras estratéxicas de moito maior alcance. Co PSOE de Pedro Sánchez entregado á causa sen condicións, nunca o PP tivo ocasión mellor para asentarlle ao nacionalismo catalá un puntillazo de morte. Nin para aplicar as teses recentralizadoras de Aznar, aproveitando para retomar a emenda españolista de Fraga que fora derrotada na comisión constitucional do 78. Un retroceso democrático en toda regra. Nesa lóxica do todo ou nada, a DUI fíxose definitivamente inevitable. Entraba nos cálculos. Xa se encargaría a prensa monolítica española, abandeirada do a por ellos, de xustificar o que para o Goberno e o partido da Gürtel era o si ou si da súa estratexia: a toma de Catalunya interpretando o 155 ao seu gusto.

Pero Rajoy e o PP necesitan superar o listón de participación tanto no referendo ilegal do 1-O como nos comicios do 2015 (un 77,4%) que lle deran a maioría absoluta ao independentismo e un 80% dos votos aos partidarios do dereito a decidir. De conseguilo, o 155 converteríano nunha rebarbadora do estado autonómico, e da democracia, aínda á custa de ulsterizar Catalunya –porque as eleccións non sufocarán o maior e máis persistente movemento de masas que coñeceu Europa desde as súas orixes–, e tamén no antídoto que os atrincheirados no Réxime do 78 necesitan para deter acometidas como as do 15-M e do procés catalá. De non conseguilo, como parece probable, a Rajoy e ao seu goberno responsabilizaranos os poderes fácticos de teren fracasado en impedir a proclamación da República catalá –malia que non se implementase– e en blindar a lexitimidade e o poder do Estado en Catalunya.

Ese será o momento no que o Réxime do 78 entre verdadeiramente en crise. Con referendo pactado e legal incluido.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011