OPINIÓN

A trampa meritocrática

Fran M. Hidalgo

Poucos conceptos hai máis enganosos na ideoloxía económica ca “mérito”. Lingüisticamente definido como a acción ou o efecto realizado por [alguén] e recoñecido por [outro] con premio ou eloxio. O uso económico común ten deturpado, sen embargo, o seu significado por completo. Tanto que, mentres domina case en exclusiva a primeira dimensión do concepto: a acción ou o efecto conseguido co facer –contra o non facer, desaparece tamén case por completo segundo: o proceso de recoñecemento do mérito desa acción ou ese efecto por outra persoa ou actor –quen decide qué se fai e/ou cómo debe ser o efecto conseguido para que poda ser recoñecido con premio ou eloxio.

Así facendo, o mérito percíbese unicamente, cada vez máis, como o único resultado do facer, da acción. Nesta sociedade contemporánea de crecemento desmedido e inconsciente, de aceleración sen dirección, perde toda importancia o sentido da acción: para qué nos poñemos en marcha, qué queremos conseguir ou qué resultados nos pode dar. Tampouco parecen relevantes as implicacións da proposta de acción: o fondo ético ou moral do que se fai, se estamos de acordo co que se nos propón. Nin se queira as consecuencias para a nosa homeostase: a satisfacción persoal con nós mesmos e a nosa vida, coas consecuencias que a proposta de acción pode ter para nós e os nosos.

O mérito entendido exclusivamente como acción impón o si a facer calquera cousa: o que sexa, sen mirar prezos nin consecuencias. Aínda máis, quen amosa dúbidas ou críticas á acción é discusivamente tachado de indolente, de vago, de covarde, de ser pasivo ou inútil. O único camiño para o recoñecemento é o facer, calquera cousa, logo xa se xulgará se foi boa ou mala, innovadora ou corrente, meritoria ou non. Non facelo significa non só optar pola non acción, senón demostrar a incapacidade para aspirar a unha vida mellor, e mesmo a negativa a buscar o propio benestar. Xa se sabe, os vagos son todos uns parasitos aproveitados ou uns residuos imposibles de reciclar. En todo caso, xente á que deixar de lado no tirar do carro colectivo, da que non preocuparse, e á que non dedicar un só pensamento ou recurso.

Agora fixémonos no mecanismo oculto do mérito: o status quo é quen define o actual criterio do mérito. O capitalismo ten conquistada a posición de marcar o qué facer e o cómo facelo. El é quen impón as decisións sobre o que é meritorio ou non. Deste xeito, o corsé da acción átanos, escravízanos, sométenos ante a maquinaria da acción e ante quen a controla; que é quen define os requisitos da acción e as regras do mérito. O actual status quo mantense porque a súa maquinaria se garante sempre, así facendo, carnaza nova e, ademais, imposibilitada pola escravitude do mérito a opoñerse ou tan se queira criticar ou discutir as condicións para a acción.
Como sabemos, no noso facer, qué nos pode achegar ese recoñecemento ou non? E, quizais máis importante, ¿cando se nos permite decidir se queremos ou non o mérito que o camiño de acción nos ofrece? Unicamente podemos dicir si. U-la liberdade pretendida e anunciada pola meritocracia?

O mérito implícito da acción non permite a discusión nin dos obxectivos que premia, nin das accións que alenta, nin das consecuencias que provoca. Por exemplo, durante moitos anos os directores de sucursais dos bancos percibiron importantes premios por vender hipotecas, cantas máis mellor. A acción meritada era a venda de hipotecas e, na busca do premio, sen escrúpulos nin reflexión, enganouse a moitas persoas e familias sobre as súas posibilidades de vida, ao tempo que as entidades acumulaban débedas de difícil pago por préstamos inconscientes e irresponsables. ¿Cantas veces non se escoitou a frase “a vivenda non baixará”? A meritocracia foi a fonte de fortes desgrazas.

O mérito e a oferta de emprego

Outro exemplo dáse na oferta de emprego. Nas actuais condicións de crise o sistema económico ofrece postos crecentemente precarios. De feito, a aceptación de moitos traballos implica o sometemento a condicións de traballo indignas, inhumanas ou claramente perigosas para a saúde ou a vida das persoas. A meritocracia esixe a aceptación da acción, do traballo, sen discutir o máis mínimo sobre a súa oferta. O propio sistema ten un mecanismo para alentar isto: non podemos negarnos máis de tres veces a aceptar un posto de traballo ofrecido polo INEM, mentres o INEM non controla as condicións reais nas que se desenvolve o traballo. Ou sexa, o INEM obriga a asumir unha oferta de traballo que non controla nin garante. Que o posto resulte digno ou apropiado non importa, o importante é que o posto deixe de quedar vacante. Como o director da sucursal, o INEM persegue cumprir co mérito de reducir as cifras de desemprego sen mirar cómo nin con qué consecuencias para o sistema laboral ou para a persoa traballadora.
No punto final de todo isto debemos preguntarnos: que mérito? Para que? Quen o decide? Porqué este mérito e non outro? Preguntas actualmente tabús, prohibidas por un sistema acelerado que só busca facer o de sempre desprovendo ao mérito da ideoloxía que o define, da subxectividade que o constrúe, e das características que intrinsecamente o limitan. O mérito véndese como equivalente a bo traballo. Pero, ironicamente, non só non se reflexiona sobre a veracidade deste paralelismo, senón que se obvia a enorme e crecente evidencia acumulada que o desminte.

Os méritos de onte trouxéronnos a crise económica internacional de hoxe. Os heroes modernos que representaban o paradigma do crecemento e do ben feito, son os culpables da crise actual: directores de sucursais, xestores de caixa, políticos. As hemerotecas do CIS amosan un 2000 onde a economía e a política eran os piares dunha cidadanía optimista e exemplar para Europa, o 2010 devólvennos a imaxe daqueles piares como os dunha sociedade pesimista e temerosa dunha longa recesión. Os heroes da meritocracia son, hoxe por hoxe, os culpables da desfeita. Sen embargo, o discurso que os fixo posibles segue aínda moi vivo.

O desterro da meritocracia esixe desvelar a súa máscara de obxectividade e despolitización. Se un concepto precisa da ideoloxía e do subxectivismo para definirse ese é, precisamente, o de “mérito”. Mentres precisemos da aceptación de alguén, do recoñecemento dun terceiro para sentir que a nosa acción é digna de “mérito”, non somos libres no noso facer, senón escravos das regras que outros impoñen para que nós as sigamos. O recoñecemento esixe a aceptación, a resignación, o fin do espírito crítico en beneficio dun sistema do que non somos parte integrante, senón recurso en uso –de usar e tirar. ¿Cantos directores de sucursal e cantos traballadores non foron despedidos despois de cumprir meritosamente coas accións esixidas polo sistema?

Máis ca nada, dóeme ver ao liberais e ao libertarismo (que non o liberalismo), forza progresista e xeradora de crítica social, asumir acriticamente un concepto que os encerra na incoherencia, e case que os fulmina como proxecto político viable. Dende que a meritocracia libertaria desvincula o mérito, por unha banda, e os obxectivos do traballo nunha sociedade libre, por outra, unicamente consegue servir ao reaccionarismo e ao conservadorismo na súa intención e fosilizar as actuais condicións de dominación, desigualdade de oportunidades, e carencia de dereitos e liberdades reais para todos/as. O libertarismo traballa de cómplice case sen remisión.

Nada hai perdido definitivamente. O futuro inmediato achéganos as condicións para a reflexión e a recuperación do concepto de ‘mérito’ en todo o seu sentido. Agora podemos recuperar a vinculación do concepto coa ideoloxía, a ética e a moral, e decidir qué queremos recoñecer como meritorio, como eloxioso, como realmente bo. O capitalismo amosounos que o beneficio non é o camiño máis ca para máis pobreza, inseguridade e miseria. Na nosa man está iniciar a descuberta de novos camiños e novas vías de futuro.

Avatar of Francisco M. Hidalgo

Licenciado en Filoloxía galega e Ciencias políticas. Profesor asociado na USC e especialista no campo da Comunicación Política. O seu twitter é @frmartinezh
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011