OPINIÓN

A cólera popular

A vitoria de Trump, como sucedeu antes co Brexit, non fai senón confirmar o prognóstico. A economía das grandes desigualdades, as insoportables débedas e un moi baixo nivel de produtividade levan a que a xente vote a prol de desmantelar a orde imposta pola globalización. Un fracaso en toda regra do neoliberalismo. Dixérao ben en alto Cornel West ante un auditorio que se propuña escoitar o descabalgado nas primarias dos demócratas Bernie Sanders: «Non se pode deter a catástrofe neofascista co desastre neoliberal».

Velaí a chave que abre a comprensión do sucedido. Non se explicaría emulando o desenfoque co que actuaron durante a campaña pola casa Branca todos os grandes medios de comunicación. Centraron a súa atención nos ruxidos do león republicano, certamente desafiantes, e ignoraron o estado miserento e depresivo de millóns de estadounidenses, que se sentiron seducidos por quen dicía rebelarse contra a elite financeira de Wall Street e a política de globalización, causantes do gravísimo risco no que están as súas vidas e a súa identidade. Non só os traballadores brancos do Rust Belt, o cinto industrial en decadencia do Medio Oeste, que sufriron o trebón ao que os someteu Bill Clinton asinando acordos que deslocalizaron millóns de empregos con salarios decentes. Tamén moitas xentes do rural e de cidades pequenas asentadas entre Pensilvania, no leste, e Iowa, no oeste.

Mal o tiña, pois, Hillary, a candidata demócrata: se por un lado non podía escapar ao seu pasado, encargándose o director do FBI de recordalo en campaña, nin ao de Clinton, polo outro non podía senón facer seus os fallos e os incumprimentos de Obama coa clase traballadora e coa clase media desa periferia, na que finalmente se decidiron as eleccións. Lonxe de buscar con eses votantes unha empatía solidaria, fixo todo o contrario: meteunos no «saco de xente lamentable» (sic) composta por racistas, sexistas, xenófobos e islamófobos. Os do país profundo. Trump apostou en cambio por aumentar a súa vantaxe entre os brancos non hispanos (obreiros e empregados con poucas titulacións), que representan un 70% do electorado, meténdolles no corpo o medo a que unha afluencia de inmigrantes provoque inseguridade e disolución identitaria, pero tamén dándolles esperanza coa promesa de recuperar o tecido industrial e de romper os acordos comerciais asinados polos seus antecesores. E gañou.

Porén, o excéntrico Donald Trump non é senón un produto do Estado de cousas que desde os anos do binomio Reagan/Tatcher tomou por asalto o mundo. Un escarvador nas miserias e nos medos das grandes maiorías sociais ás que a política neoliberal e a globalización deslocalizadora puxo en corentena. Sen outra intención que a de pescar no río revolto da pospolítica, esa que nace do descontento e da indignación, esa que crece, se reproduce e aviva con descargas emocionais. Nada como entrar nese areoso terreo á maneira dunha tuneladora. Un ruído infernal grazas ao cal o trumpismo consegue dous obxectivos polo prezo de un. Porque se por unha banda atrae con el os millóns de indignados que ven no establishment unha ameaza dos de arriba á democracia, pola outra consegue atraer os que habitan no lado escuro coando o discurso ultra da relixión, da patria e da moral como se non ocasionara igualmente unha ameaza contra os fundamentos da democracia. Camaleónico e amoral, Trump vestiu para os primeiros a roupaxe dun autsider no tempo da pospolítica, e para os segundos non tivo ningún receo klu-klux-kándose, de momento sen capirote, en racista, xenófobo e sexista.

Visto o sucedido o pasado día 8, un non pode senón admirar as dotes proféticas de Fukuyama cando adiantou nun artigo preelectoral publicado en Foreign Affairs o que os elefantes brancos de Wall Street ou Silicon Valley e os grandes medios de comunicación foron quen de prever: que a democracia estadounidense funciona porque responde á cólera popular, desmonta a dinastía Clinton, humilla os baróns republicanos e coloca no centro das eleccións a cuestión das desigualdades, do proteccionismo e da industrialización. Un retrato cadrado. Iso si, cun minotauro con ínfulas de anxo exterminador, sempre impredicible e de costumes tóxicas sentado no despacho oval da Casa Branca.

Non obstante, sempre é un recurso intelixente volver a Hegel. Deixóunolo á man: o moucho de Minerva só emprende o voo coa chegada do ocaso. Tras o Brexit e a vomitona contra o establishment estadounidense, actos de rebelión e de cólera popular que teñen na cruzada neoliberal do tatcherismo e reaganismo a súa raíz, o único que cabe é levantar o voo. Difícil si que é, porque as ás están ensopadas de chapapote, e o descrédito da política impide de entrada xerar movementos que transversalicen a reinvención da política e da democracia participativa. Pero non é imposible. O fenómeno do trumpismo é tan líquido como o dos populismos de dereita e esquerda que se dan no mundo. Cantos desprezaron a idea dunha ameaza existencial –que ten nos plebiscitos do 4 de decembro en Italia e Austria un novo desafío– e non souberon crear e dimensionar a tempo un sistema alternativo, tal e como fixeron os seus antecesores na época de Roosevelt e Keynes, saben que non queda outra que facelo.

Non sabemos –velaí o drama– canto do que anunciou en campaña vai finalmente acabar na axenda do novo presidente. Empezou a recuar en asuntos tan cruciais como o de revogar a reforma sanitaria de Obama. Non obstante, segue decidido a romper co acordo de París contra o cambio climático, e os primeiros nomeamentos de confianza, como o do activista ultra Stephen Bannou, ou mesmo o de representantes dalgúns dos máis potentes lobbys, fan pensar no peor.  Precisamente por iso é necesario un novo relato común que remonte sobre as cinzas dun sistema fracasado, o da globalización neoliberal, que poña a defensa da interconexión global, a tolerancia étnica e a igualdade (económica, sexual…) no centro de todo.

Europa non pode seguir poñéndose de lado. Medraron dentro dela demasiados dinosauros e populistas de extrema dereita. Tanto en EUA como en Europa son minoría. Podemos e debemos derrotalos. Pero desandando o que desde os 80 só serviu para alimentar as elites e desabastecer as maiorías sociais. Con máis democracia. E con máis política descastada.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011