OPINIÓN

Presidente oco. Goberno inútil

Xabier Macías

A sobreactuación de Feijóo é directamente proporcional á do caudillo do seu partido, Aznar. Ambos os dous resoan á nada intelectual canto máis enfatizan o discurso. Revisten de pose reflexiva proclamas ultraconservadoras. Non son cribles como seres pensantes pero resultan temibles pola súa obcecación dogmática. Integristas ao cabo, defenden as posicións máis extremas sexa no ultraliberalismo económico sexa na unidade española.

Aznar quedou como novo rico e conferenciante ben remunerado pero a Feijóo sufrímolo: despois de dous anos de desmontar os avances introducidos polo bipartito aplica últimamente a tesoira a todo o que se mova con aire social ou galego.

Tras a lingua, o ensino, a cooperación, ou o audiovisual –entre outros sectores!- tocoulle agora ás asociacións e fundacións culturais. Eliminar 300.000€ a distribuir en dúas anualidades entre unhas 70 entidades -de máis de 200 solicitantes- representa outro inequívoco desprezo desta Xunta de Galicia pola cultura galega. Fundacións como a Penzol, Laxeiro, Antón Fraguas, Pedrón de Ouro, Vicente Risco, Curros Enríquez, Manuel María ou Galiza Sempre; asociacións como AGAL, AS-PG, Nova Escola Galega, Amigos dos Museos, Mulleres rurais, Asociación de Gaiteiros, Aula Castelao de Filosofía, a Federación de Cineclubs, a Polifónica Follas Novas ou o Coro Cantigas da Terra pasaron o choio de documentar en xuño a súa actividade nunha convocatoria de axudas que un goberno inútil convirte en inservible catro meses despois.

Mal se comprende a capacidade dunha Xunta e dunha Consellería chamada de Cultura se non son quen de dar resposta a súa propia razón de ser, garantindo, neste caso, uns recursos mínimos para a promoción da nosa cultura, mentras consinten o expolio doutros patrimonios galegos como está a acontecer coas caixas de aforro e a súas obras sociais.

Váianse pronto, por favor.

Avatar of Tempos Dixital

Edición dixital da revista Tempos Novos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011