OPINIÓN

Onde hai educación non hai distinción de clases (Confucio)

Noemí Fernández

«Os profesores toman a rúa», «Educación recorta un 23% en abandono escolar», «En só dous anos recortouse un 26’7% en formación do profesorado» ou «Educación pecha aulas públicas» son só algún dos titulares cos que os galegos almorzamos todas as mañás.

Este ano contaremos en Galicia con, nada máis e nada menos que 200 “aulas mixtas”, aulas onde se mesturan alumnos de distintos cursos cun único profesor encargado de todos eles. Curioso o caso do colexio Ben-Cho-Shey, onde por «falta de presuposto» estudarán xuntos alumnos de quinto e sexto a pesares de que os representantes da ANPA, co aval de profesores e sindicatos, ofreceron á Consellería a alternativa de renunciar a un dos dous titores a cambio de que evitasen esa clase mixta e mantivesen a aula que pecha. Curioso tamén porque nesa mesma localidade si hai orzamento para abrir dúas aulas nun centro concertado, claro que con declaracións e opinións como as do Delegado da Xunta de Ourense, Rogelio Martínez, entendemos moitas cousas: «manter un profesor impartindo dous cursos distintos ao mesmo tempo e na mesma aula non afecta á calidade do ensino».

Situación complicada tamén a que está a vivir o colectivo de profesores e docentes. Os esforzos do Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, por desprestixiar e desacreditar sistematicamente o profesorado, tradúcense agora en tratar de ocultar o descenso real de mestres. En varias declaracións, Jesús Vázquez, recoñeceu que este ano perderanse en Galicia 422 prazas de profesores -parece que o señor Conselleiro suspendeu en matemáticas-  pois non son 422 senón que serán 923 as prazas de profesores menos cas que contaremos en Galicia este ano (1080 docentes menos segundo FETE-UGT). Creo, que neste punto é preciso recordar que o número de escolares lonxe de diminuír aumentou. E tamén quero destacar a desatención que sufrirán os nenos con necesidades “especiais” ao non lles poder dedicar a atención que precisan.

E máis complicada aínda se presenta este ano a promoción do uso da lingua galega e a edición de libros de texto en galego, pois as convocatorias publicadas en marzo para as subvencións e axudas directas quedaron sen efecto.

Todo isto lévame a preguntarme se realmente a educación pública en Galicia corre serio perigo, e a verdade é que as conclusións ás que chego son nefastas. Ou verdadeiramente non valoran a tarefa dos nosos mestres “non afectará á calidade do ensino” “dúas horas na semana apenas se notarán”, ou declaracións como as de Mariano Rajoy (Sevilla, xaneiro de 2010) «no me cansaré de decirlo, este país será mejor y los niños del mañana serán mejores y los jóvenes también, cuanto más sepan, cuanto más formados estén, cuanto mayor sea su visión del mundo, hablamos de la calidad de la educación, es inaceptable lo que está pasando en España, más del 30% de fracaso escolar y abandono escolar, en la cola de todos los índices de todos los organismos internacionales” se refiren a educación privada, porque non imos a ser malos e a pensar que o candidato do PP e un “falabarato” que sube a un atril e di cousas que non pensa.

Só me queda por dicir que oxalá todos compartiramos a frase de Ángel Gabilondo, ministro de Educación, “investir en educación é caro, pero non investir é carísimo”. De feito os clásicos tíñano bastante claro:  “O máis importante e principal negocio público e a formación da xuventude”, dicía Platón.

Avatar of Tempos Dixital

Edición dixital da revista Tempos Novos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011