OPINIÓN

Johnny and the Ticks

Mario Pais

Johnny and the Ticks. Así, de primeiras, seguro que este nome non vos di nada. Así que vouno resumir brevemente: sinceridade e diversión. Sinceridade porque estes rapaces fan o que lles peta, sen pensar nas consecuencias directas; diversión porque compoñen para eles, e nótaselles tanto que co primeiro acorde o sorriso aparece na cara de todos.

Influenciados polo rockabilly dos 50, o seu son ten ese toque sureño capaz de transportarte a un lugar cálido e seco, brindando así a súa particular homenaxe a aqueles virtuosos que, alá polos 50, comezaron con esto do rock. Gene Vincent, Jerry Lee Lewis, Eddie Cochran ou o mesmísimo Elvis soan cada vez que estes rapaces se poñen a elo. Amadeo e a súa guitarra acústica por un lado, con ese son rasgado, como se nos atopásemos á beira do Mississippi, atópase perfectamente acompañado pola guitarra eléctrica que, manexada polas prodixiosas mans de Tomás, arregla e pule o sonido das cancións, proporcionándolle ese toque que fai que sintas as cancións falar. Jacobo ao baixo e Alfredo á caixa e charles completan o sonido deste cuarteto con liñas pulidas e simples, desas que non notas ata que faltan, desas que deixan bo regusto, como o bourbon.

Estes picheleiros de pro comezaron a súa andadura neste verán de 2011. Amadeo, o único que non tocaba nun grupo anteriormente (Tomás e Alfredo forman parte do trío Sinestesia, mentres que Jacobo toca en Glasgow) aburríase un rato (a verdade, non sei por qué, co excelente tempo do que disfrutamos os da costa…), así que convenceu a Tomás para empezar a tocar algúns temas que el mesmo compuxera. O caso é que a cousa non quedou ai: Alfredo e Jacobo enteráronse deste proxecto, gustoulles e uníronse. Fixeron un par de ensaios e grabaron o seu primeiro tema, totalmente caseiro. Non contentos con isto, decidiron envialo ao concurso de maquetas do festival Brincadeira. Debeulles gustar a cousa á chavalada de Ordes, porque Johnny and the Ticks conseguiu un sitio no escenario do xoves 11. Despois, dous concertos máis, un no Babilonia, en Noia, e outro no Matadero, Santiago. Esperemos que pronto poidamos voltar a rir e bailar con eles.

Avatar of Tempos Dixital

Edición dixital da revista Tempos Novos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011