OPINIÓN

É o poder, estúpido!

Francisco Martínez Hidalgo

O mundo rebélase contra as elites. As rúas énchense de pancartas e berros de protesta. Cada vez máis xente esixe de volta o poder que a democracia lles prometeu e do que nunca fixeron exercicio de forma directa… agás co voto. E precisamente aquí, na satisfacción co acto de votar, na confianza coa clase política como representante do poder das persoas, reside o principal problema. Pois as democracias representativas son, en teoría, mecanismos coordinadores das vontades dunha cidadanía plural que é a fonte de todos os poderes, e unha clase política que é consecuencia da súa vontade e o seu poder.

O aceite desta correa de transmisión, que vai dende a cidadanía á clase política, reside na lexitimidade: na aceptación maioritaria dos mecanismos de creación e transformación das decisións que a clase política toma en nome da cidadanía. E a correa non é débil que digamos pois, de feito, a teoría da democracia incorpora dende o seu comezo a existencia, dentro das sociedades representadas, de grupos desinteresados coa política ou descontentos co goberno. A obrigatoriedade do voto non é propia das democracias consolidadas –si o é das incipientes, tampouco rompe a democracia coas altas cifras de abstención, nin erosiona a súa solidez co descontento violento. Entón, que novidade representa o 15-O que tanto parece preocupar ás clases dirixentes do sistema?

As principais novidades do movemento 15-O son o seu carácter global e a súa sólida mensaxe política e democrática. Global, porque paseniño foi quen de saír de Sol e articularse transcontinental e transculturalmente. En sistemas políticos distintos, en culturas políticas diferentes, o 15M se estende, calla e ten posibilidades de permanecer e consolidarse. De seguir este proceso, de pasar das rúas e prazas a unha reivindicación organizada, moitas cousas poderían cambiar. Sobre todo, a impunidade coa que as autoridades globais manexaban o sistema de gobernanza, en canto non existe aínda un actor global que controle e serva de contrapeso ao seu exercicio do poder.

A súa mensaxe, por outra banda, non nega a política, senón que a reivindica; non nega a democracia, senón que recupera o seu discurso orixinario. O 15-O lembra os termos do pacto e o funcionamento do mecanismo de delegación de poderes: a clase política debe obedecer ou arriscarse a ser substituída. A correa de transmisión funciona mentres a forza do motor se transforma e chega como debe, senón rompe. A lexitimidade democrática funciona exactamente igual: ou a clase política defende honestamente os intereses da cidadanía titular do poder, ou a cidadanía buscará outro a quen cederllo. Esa é a forza radical do 15-O, capaz de cambialo todo (o status quo), sen cambiar nada (as bases da democracia).

Así e todo, non se pode negar que, en canto radicalmente política, a mensaxe do 15-O non ten a capacidade de chegar transversalmente a toda a sociedade, de representar a toda a cidadanía. Lóxico é pensar que os elementos conservadores ou reaccionarios sexan os seus principais antagonistas. Como lóxico é pensar que, no intento do 15-O por trasladar a política das urnas á rúa, as forzas transformadoras sexan as súas colaboradoras e integrantes naturais. Dito isto, e para as citas electorais que virán, as consecuencias parecen obvias: mentres o descontento do 15-O afectará negativamente ás forzas progresistas gobernamentais –percibidas como parte do problema, farao positivamente ás non gobernamentais que decidan incorporar as súas reivindicacións –percibidas como parte da solución.

En base a isto, e mirando cara ao longo prazo, as forzas políticas da esquerda están obrigadas a transformarse radicalmente. A mensaxe do 15-O posúe un centro neurálxico democrático que será cada vez máis decisivo para as forzas progresistas que queiran facer política a partir de agora: se a esquerda fundamenta a súa diferenza en ser mellores en termos éticos e democráticos, para ser esquerda unha forza política ten que exercer de facto unha política radicalmente ética e democrática. Cada vez serán menos válidos os discursos carentes dunha práctica coherente. A política progresista verase obrigada a practicar co exemplo, a vivir o que di. Déixenme engadir: ¡xa era hora!

O movemento desleixa a loita do poder polo poder, gañar pola única derrota do rival, e sen que importe (ou importe pouco) o que se di ou o que se fai para conseguilo. Non se trata unicamente de transformar o sistema en termos de democracia e representatividade, senón a práctica política en canto reflexo do que se é e o que se quere ser. O poder permite transformar as cousas e construír un mundo diferente. E o 15-O parece decidido a que o poder político se exerza efectivamente para articular ese cambio. Enténdase, por se aínda quedan dúbidas, como unha mensaxe motivadora e vitamínica. Se se quere, pódese. Eu tamén o creo.

 

Avatar of Tempos Dixital

Edición dixital da revista Tempos Novos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011