OPINIÓN

A traizón dos medios

Son moitos os factores que puxeron os medios de comunicación na tesitura existencial do ser ou non ser. Perderan parte da alma cando se viron arrastrados polos movementos de concentración e mercantilización que todo o fían á rendibilidade do produto. Abríronse en canal para deixarse invadir pola fascinación tecnolóxica e a progresiva deshumanización dos seus laboratorios xornalísticos. E para mellor competir no mercado promiscuo da comunicación e da información, endebedáronse xogando a un tempo todas as barallas. A crise económica sorprendeunos medio en coiros: afogando en créditos e desacreditados.

Nunca estiveron en peor estado para poder resistir a batalla das opas foráneas. Nunca, así mesmo, en mellor situación para romper definitivamente coas esixencias sociais e democráticas derivadas de constitucionalizar e pensar a información que producen como un ben público. Axiña foi por iso un escuro obxecto de desexo para todo tipo de especuladores e poderes na sombra. Con éxito. Os grandes e os pequenos grupos de comunicación, coa chamada prensa de calidade á fronte, acabaron vítimas do estrés de supervivencia que os ata a banqueiros, empresarios do IBEX35, fondos de investimento, gobernos protectores e políticos lobbystas.

Como queira que o sistema de subsistencia está xeneralizado e as ataduras teñen as mesmas ancoraxes, a produción de información xornalística está sometida a un proceso de perigosa darwinización. O quiosco leva a engano se unicamente atendemos o avultado número de cabeceiras expostas. Pode suceder outro tanto se tamén medimos desa maneira as ofertas do dial radiofónico, ou as canles televisivas que rastrexamos co mando a distancia. Os números, o mesmo que as estatísticas, enmascaran a realidade, que quedará ao descuberto en canto a actualidade cuestione as prácticas sociais deses poderes salvavidas, fixados como están xa nos consellos de administración mediáticos.

Sucede a diario, pero sobre todo en momentos politicamente tensos, cando se toman decisións que afectan directa ou indirectamente os seus intereses de clase ou corporativos, sexan os económico/financeiros sexan os políticos. Xusto cando os medios, a información e a democracia configuran unha tríade que debera estar a salvo de toda contaminación. Por caso, en campañas electorais, como a que precedeu en Galicia ás eleccións do 25S, e en escenarios postelectorais que dramatizan un prolongado corpo a corpo polo poder entre a dereita e a esquerda, como sucede en España desde o 20 de decembro do 2015.

A información flúe entón nunha única dirección, parecéndose as portadas, os titulares e os enfoques duns e doutros medios de comunicación como pingas de auga. Coa cooptación que fan de comentaristas e analistas fixos para que acheguen opinión escrita, ou voceada en faladoiros radiofónicos e estudios de gravación, constrúen a liña de pensamento único que complementa e garante a unidade de acción e a interpretación global e única do sucedido. O rastrexo ao que os directivos dos medios someten as informacións redactadas ou editadas polos xornalistas, e os filtros de selección e vixilancia establecidos antes e durante as emisións audiovisuais, reforzan a seguridade que necesitan para non poñer en perigo o estatus deses poderes fácticos, e en consecuencia, o seu propio estatus.

En que condicións mediáticas se produciron en Galicia as eleccións do pasado 25S? Para enfocalo ben, é preciso partir da fórmula de Alfred Sauvy: ben informados, os homes son cidadáns; mal informados, convértense en súbditos. A información independente, non contaminada, é a base para que a cidadanía poida activar con liberdade o seu dereito a participar e decidir en democracia. Pois ben, dificilmente se poden conciliar democracia e información cando a oferta procede dun sistema de medios directa ou indirectamente controlados polo goberno de Feijóo. Os públicos, TVG e Radio Galega, porque os dirixe co mando a distancia. Os privados, porque os mantén untados (convenios, publicidade institucional e subvencións millonarias sen apenas oferta pública) e a maior parte deles subsisten grazas a el. Durante a campaña, todos a unha inseminaron o corpo electoral co mantra «ou Feijóo ou o caos», liña argumental que secundaron a case totalidade dos seus comentaristas e analistas. Se con esa estratexia de choque aseguraban a concentración do voto das dereitas, coa cociña demoscópica e a representación maléfica de En Marea conseguían a desmobilización das esquerdas. Funcionou.

Se os medios galegos son a acoirazada para salvar o soldado Feijóo da corrupción do seu partido, dos seus devaneos co narco Marcial Dorado e da súa mala xestión, os que se autodenominan nacionais son a brunete mediática (en feliz expresión de Xavier Arzalluz) para salvar o que queda do réxime do 78 e con el o establishment político, económico e mediático no que se instalou e medrou. Aínda que para iso lle teñan que dar o poder ao partido da corrupción e a un presidente, Rajoy, o voluntarioso executor das políticas de sufrimento e ao que os da trama Gürtel están poñendo contra as cordas no xuízo da Audiencia Nacional.

Significativo é o caso de PRISA e o diario El País, ata hai ben pouco o buque insignia da progresía española, hoxe convertido nun relicario da política conservadora. Na conspiración contra Pedro Sánchez, os medios do holding foron o fío condutor que a inspirou e acompañou. A gran banca –HSBC, Caixabank e Santander–, Telefónica, varios fondos voitre, un sultán de Qatar, os mexicanos de Herradura Occidente e outras multinacionais, comparten accionariado co que queda dos Polanco. Un conglomerado de intereses que ordena e manda. De vivir nun estado de graza durante os anos do bipartidismo poderían pasar a sobrevivir con sobresaltos se Podemos e as súas confluencias chegan ao poder. Non o poden consentir.

Niso coinciden con Felipe González, que canda Rubalcaba forma parte do Consello Editorial do grupo, e con Juan Luís Cebrián, o ex–director e actual presidente executivo. Son eles os que dan o sinal de alarma, porque Sánchez buscaba a última hora un pacto de investidura con Podemos e os nacionalistas. As portadas e os editoriais de El País –con forte eco a través da SER– son a crónica máis completa do acoso ao que estiveron sometidos os membros da executiva socialista desde o 20D, e da conspiración que finalmente se encargaron de executar os baróns socioliberais do partido da rosa, coa andaluza Susana Díaz á cabeza, nun esperpéntico e cainita Comité Federal.

O sucedido o 25S e o 1 de outubro último ratifica o grao de dependencia e perversión ao que chegaron os medios que así actúan. Distorsionan o campo de xogo nos procesos electorais, e degradan a democracia nos procesos conspirativos.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011