OPINIÓN

A batalla do aborto

Aborto é sagrado!, levaban escrito no ventre e berraban as mozas de Femmen que sorprenderon a Gallardón nas Cortes españolas hai agora un ano. O daquela ministro, ascendido hoxe a Conselleiro da CC.AA. de Madrid con mellora incluídas as condicións salariais, escandalizábase pola presenza de corpos espidos de mulleres no templo das mentiras en que se ten convertido o lexislativo español, mais tamén polo sacrilexio inaudito de mesturar dous significados aparentemente tan contraditorios, aborto/sagrado. Ao utilizar este lema, as Femmen buscan escandalizar na mellor tradición do feminismo, e tamén sitúan o debate nun lugar que, visto o resultado final, é do máis adecuado. A metáfora do aborto sagrado, como a da Constitución sagrada que defende Rajoy, pretende atribuírlles a esas instancias unha calidade (sagrada) de extraordinaria dignidade e necesaria protección ao estilo durkheimniano.

Á vista dos feitos, podemos pensar que tiñan máis razón as Femmen que Rajoy na cualificación. Hoxe en día, o consenso social arredor do aborto é bastante maior ca o que concita a Constitución do 78. O PP decide en setembro retirar o anteproxecto de contrarreforma ante unha realidade sociolóxica: unha maioría social, que inclúe ás súas votantes, considera o status do aborto intocable (sagrado, se queremos volver á metáfora). Un triunfo do movemento feminista e a constatación dun cambio social a prol dos dereitos das mulleres, así como do poder da opinión pública para modelar a acción de goberno cando esta se orienta ao cálculo de riscos para a popularidade ou a reputación, especialmente nos tempos preelectorais nos que andamos.

Un triunfo das mulleres, un recoñecemento dos seus dereitos sexuais e reprodutivos, e un símbolo do que a mobilización pode lograr. Mais a guerra dos dereitos non está gañada, apenas unha batalla. Fican na axenda perigos a considerar, algúns con efectos cualitativamente semellantes e con menos visibilidade, o que dificultará a mobilización social para frealos. Concretémolos.

A privatización. A exclusión económica pode ser tan efectiva como a penal. O ‘decretazo’ de 2012 permite excluír o IVE da carteira de servizos sanitarios. Hai que lembrar que en Galiza só dous hospitais públicos realizan IVE, e son as clínicas privadas as que cobren o 93% dos abortos (3.396 de 3.655 en 2012) cun custo de entre 400 e 750 euros. Isto é fundamentalmente motivado pola obxección de conciencia do persoal sanitario, un tema non resolto adecuadamente na actual lei de 2010. A eliminación do IVE da carteira de servizos eximiría ao SERGAS de facelos e de financialos. As mulleres con recursos poderían pagar, pero que pasaría coas mulleres sen recursos? Estarían as clínicas tan mobilizadas como estiveron até agora a prol do dereito a decidir?

A clandestinización dos abortos de menores. Fálase de recuperar do anteproxecto a posibilidade de esixir autorización paterna ás mozas de 16 e 17 anos, volvendo a consideralo unha excepción da lei de autonomía da doente, que fala de consentimento informado dende os 16 anos. Move ao debate, sen dúbida. Porén, sen entrar en que esta obriga tería efecto non só para evitar abortos, tamén para obrigar a esas mozas a abortar, cómpre entender que falamos de casos moi contados. En Galiza houbo en 2012 un total de 109 abortos de mozas de 16-17 anos, maioritariamente con coñecemento e apoio da familia. A que estariamos abocando ás mozas que deciden abortar sen contalo na casa? Poñeríanse fóra da lei?

A sentencia do TC sobre os recursos do PP e o Goberno de Navarra. A retirada da lei devolve protagonismo ao TC. Logo de catro anos de espera, unha sentenza favorable aos argumentos do PP podería facerlles retomar total ou parcialmente o proxecto se senten que esa lexitimación pode compensar a tendencia contraria da opinión pública. Temos que lembrar que o recurso pendente afecta a varios puntos da lei, un deles o da autorización para as menores, pero tamén outros como o da propia condición de lei de prazos.

Alén disto, os datos dos informes anuais do Ministerio de Sanidade mostran cantas cousas se poden facer, dentro do actual marco, para reducir o número de abortos, se fora iso o que en realidade lles preocupa. Das 3.655 mulleres que en 2012 abortaron en Galiza, 1.477 non usaban métodos anticonceptivos. O Goberno galego, Sanidade e Educación, deberían en realidade ocuparse en proporcionar unha boa información afectivo-sexual dende a pre-adolescencia e acceso doado á anticoncepción.

Por non falar das condicións socio-económicas que pesan na decisión de abortar cando aínda non está satisfeito o desexo de maternidade, como mostran as enquisas. Máis que unha ‘red madre’, precísase un Goberno ocupado en mellorar as condicións de vida das familias para facer viable unha crianza digna, en evitar a pobreza infantil, en perseguir as empresas que despiden as mulleres logo da baixa maternal, ou en condenar as empresarias que prefiren contratar mulleres en idade non fértil.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011