OPINIÓN

Feijoo non ten ofertas

Xesús Veiga

De aquí ao 21 de Outubro asistiremos a unha confrontación argumental que presenta varias certidumes e algunha incógnita. Sabemos que o PP de Alberto Núñez Feijoo vai concentrar todo o seu arsenal mediático na descualificación da alternativa gobernamental que puideran construír as forzas da oposición e vai capitalizar as marxes de confianza que destilan os inquéritos existentes a respeito da propia figura do actual presidente do executivo galego. Na sala de máquinas que pilota Alfonso Rueda son conscientes das eivas básicas que deben aturar nestas semanas: a carencia de resultados substantivos na xestión realizada dende San Caetano e a grave hipoteca que supón a presenza de Rajoy na Moncloa por mor das políticas destrutivas do benestar social conquistado nas últimas décadas.

O principal activo que exhibe Feijoo son as cifras do déficit galego nunha comparativa cos rexistros análogos existentes noutros territorios. O pretendido mérito de ter un ollo aberto cando case todos os demais fican cegos está construído sobre tres circunstancias que non se queren recoñecer:as prácticas contábeis pouco ortodoxas (pechar a execución orzamentaria o 30 de Setembro) para agachar os pagos pendentes; o espectacular medre da taxa de desemprego rexistrado nesta lexislatura e a suba moi notábel experimentada no nivel de endebedamento (case tres veces mais que o acumulado no ano 2009). Mais alá da disputa polas cifras macroeconómicas a cuestión básica que debería figurar no debate preelectoral é a evidente perda no nivel de riqueza e benestar que padeceu a maioría da poboación galega nos últimos tres anos e medio. A menos que se profese un fetichismo co nivel de déficit, o balance en termos sociais non certifica as medallas que queren colocar os apoloxetas do goberno de Feijoo.

Se o pasado está cheo de buratos, o futuro non permite escenificar a cerimonia clásica das promesas electorais. O programa de Feijoo para os vindeiros anos xa está escrito nos despachos da Moncloa e nos memorandos que poda emitir a Comisión Europea.Por mais que Rajoy non estivera presente na proclamación formal do candidato á Xunta, ambos saben que están metidos no mesmo barco e sometidos a unha estrita xerarquía na toma de decisións. As peticións de Alberto Núñez para que se lle xulgue á marxe do seu “primo de Zumosol” non deixa de ser unha conmovedora expresión de impotencia ante a evidente equiparación creada na opinión pública por tantas campañas de interesada identificación promovidas nos tempos do “malvado” Zapatero.

As baterías argumentais do PPdG van disparar sobre a situación que presentan as forzas da oposición: a división interna do PSdG e a debilidade do seu candidato; o desgaste padecido polo BNG despois da súa Asemblea de Amio e a presenza –tamén polémica e confrontada- de novas siglas electorais no espazo da esquerda e do nacionalismo. Neste apartado xoga un papel destacado a caricatura que se fai do bipartito xurdido no 2005, debuxado como un presunto exemplo de malgasto e ineficacia cando, precisamente, todos os indicadores económicos e de benestar daqueles anos superan amplamente os rexistrados na recente lexislatura. Neste combate verbal, PSdG e BNG sofren os efectos negativos do silencio que mantiveron nos últimos anos a respeito da súa experiencia de goberno compartido. A pesar das indiscutíbeis aportacións positivas daquel executivo dirixido por Touriño e Quintana, o PP e as principais terminais mediáticas da dereita conseguiron instalar unha imaxe negativa que agora dificulta a creación da expectativa de cambio que reivindican as forzas que protagonizaron aquela histórica coalición.

 

Xesús Veiga Buxán

Profesor de Económicas na USC. Membro do Consello Nacional do BNG, foi deputado do Parlamento Galego e asesor económico da Vicepresidencia durante o goberno bipartito.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011