OPINIÓN

España e Galicia, de parto

Está en perigo o sistema que desde o 78 veu dándolles cobertura, e mesmo impunidade, a cantos acabaron facendo da política unha profesión, e das institucións o seu búnker. Con eles nese estado de interesada hibernación, nada que viñera do frío con bitola neoliberal ía ter resistencia. Así é como a política foi perdendo a alma, ao tempo que permitía a invasión dos mercados, que non tardaron moito en fixarlles a axenda a gobernos e institucións. Coa crise económico/financeira do 2008, todo foi in crescendo. Ata estoupar en crise política e en crise social. Sen que a política, e os políticos, puideran facer outra cousa que botar balóns fóra. Contando, iso si, coa complicidade dos grandes medios de comunicación, as primeiras vítimas, que de maneira maxistral pero perversa instrumentalizaron as trampas da linguaxe para enmascarar a raíz do mal. Todo para xustificar que a austeridade se convertese na dieta forzosa da maioría social, con tantas vidas destruídas, e a disciplina económica no dogma desa nova relixión.

Poñámolo en clave de proximidade. Sen esa contextualización previa, non se podería entender nada do que agora mesmo está poñendo o sistema contra as cordas. Ese que se instalou no Estado mediante un pacto de poder, vixiado de preto polo exército, coas elites que medraran no tardofranquismo. Unha transición interruptus, en definitiva. Porque os factores que o teñen acurralado manteñen liña directa coas derivas en que deu esa crise de crises. O sufrimento e a humillación, a degradación social e a desesperanza, a constatación da orfandade política e institucional, cos gobernos, partidos políticos e medios de comunicación entregados á causa do enmascaramento, moveron á rebelión. Espontánea, poliédrica, pacífica. Xa dera a cidadanía signos de alerta cando a catástrofe do Prestige, na que confluíran todas as variables especulativas do capitalismo neoliberal, con Fraga Iribarne fondeado definitivamente fóra do poder, e rompeu finalmente augas un 15-M con aquel «non nos representan».

España e Galicia están agora con dores de parto. Por iso e por como a viñeron maltratando nos últimos anos os gobernos conservadores do PP, así en Madrid como en Galicia. Con esoutro engadido de non menor valor que ten no socialismo organizado un factor máis de extravío ideolóxico e institucional. Na quenda da alternancia non foron quen de romper amarras. Pola contra, os seus dirixentes engancháronse a elas e acabaron sendo vítimas propiciatorias desa treboada perfecta. Resistiron a contracorrente nas eleccións que deron pé ás dúas investiduras falidas, pero os quendistas de sempre saíron tocados. O bipartidismo xa é historia. Amais diso, a práctica marxinalidade na que estas dúas forzas tradicionais se ven obrigadas a sobrevivir no espazo político e social de Catalunya, territorio no que van a contrapé das maiorías sociais, abócaas a un estado de permanente e progresiva anorexia política. Mentres se envolvan na bandeira e se enroquen na lei como resposta ao desafío territorial, a tensión irá en escalada. Mal presaxio.

Ás portas dunha nova convocatoria electoral, Galicia está sometida a factores, externos uns e internos outros, que a espremen e desecan (somos dependentes no económico malia a súa riqueza potencial, e suicidas no demográfico e social), tendo demostrado os seus gobernantes actuais que se por unha banda actúan con desamor e sen fe no autogoberno –Feijóo limítase a ser un xerente sen alma–, son incapaces pola outra de afrontar cun mínimo de eficacia os retos nesta hora de crises e sobresaltos. Nestes últimos oito anos, non todo o que foron os efluvios da crise esgota as causas da derrota que experimentamos no noso contorno socioeconómico, lingüístico e cultural, e na nosa condición de cidadáns galegos. Bebendo do servilismo austericida e do autoritarismo ideolóxico que nesta última lexislatura caracterizou a gobernanza de Mariano Rajoy, o balance co que Núñez Feijóo chega ao 25S déixao unha vez máis en coiros. Por máis que os medios de comunicación que tan ben controla oculten ou manipulen a realidade –a compravenda de información escritura en millóns de euros un dos capítulos de corrupción político-empresarial máis escandalosos–, a día e hoxe e en relación con como os encontrara no 2009 todos os indicadores macroeconómicos e sociais son negativos.

En medio do estado de corrupción que corroe o partido do que é dirixente, e xa que logo corresponsable, o pecado político e tamén social que o marcará en vida –esa amizade e esas andanzas na compaña do contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado, testadas nas fotos que o diario El País publicou en 2013– volve ter en quen aspira por terceira vez a presidir o goberno do país un máis que razoable argumento de peso para que os electores o contabilicen cando voten. É certo que ten a súa orixe a mediados dos 90, cando Feijóo era a segunda autoridade da Consellería de Sanidade, pero tamén o é que nunca asumiu responsabilidades, que sería o habitual en países de tradición democrática. Algo así nunca debe quedar impune. Por hixiene democrática. Se xa serviu para cortarlle o paso a Madrid, con maior razón debera servir para inhabilitalo en urna como candidato á presidencia da Xunta.

Claro que tanto no espazo da política española como no da política galega hai outras causas pendentes. A chamada cuestión moral non se esgota no feito de que, se na política hai ladróns, corruptos e chantaxistas, se faga imperativo desenmascaralos, denuncialos e metelos no cárcere. Hoxe en día e entre nós, a cuestión moral ten a ver tamén coa ocupación do Estado e de todas as súas institucións por parte moi especialmente dos partidos gobernamentais. Se o PP de Rajoy levou ata o extremo esa estratexia de ocupación, o PPdeG de Feijóo, unha máquina de poder e de clientelismo, reproduce a escala esa ocupación, que no reinado medievalista dos Baltar comporta ademais dereito de pernada. Contan un e outro coa obediencia debida dos medios de comunicación públicos, e coa inducida vía concesións de emisoras e contratos dos medios privados (os do duopolio televisivo e as grandes cabeceiras, españolas e galegas, entregados á causa), nos que se impuxo o pensamento único e o cinismo, que entre nós adquiren tonalidades case delituosas.

É nesa clave como hai que interpretar o acoso político-mediático, con ramificacións nos altos despachos do Ibex 35, nos das portas xiratorias e nos da xudicatura, que revisten de patriotismo e de celtibérico españolismo, impoñéndolle ao numantino Pedro Sánchez unha cesión contra natura para que Rajoy e o PP revaliden o goberno. Porque o fan a sabendas de que, de conseguilo, o líder socialista sería cómplice no obxectivo buscado: ensanchar as tragadeiras da cidadanía para aceptar a inmoralidade na política. Desactivada esa resistencia, nada que temer. As elites económico-financeiras e mediáticas asegurarían o estatus no que as instalou o réxime do 78. Aínda que para iso teñan que branquear a Rajoy e á troupe de solemnes corruptos que o rodean.

O 25-S pode actuar de curtocircuíto. Galicia ten a oportunidade de romper todos os clixés se, á maneira doutro Nunca Máis, fai que as urnas castiguen a mala xestión e a inmoralidade política de Feijóo durante os seus oito anos de goberno. Dando pé a unha alternativa de fondas raíces democráticas e morais. Co país de nós coma único obxectivo.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011