OPINIÓN

A caixa `b´ dos orzamentos

A tres meses das urnas, e forzando o calendario das vacacións, o goberno de Rajoy leva ao Parlamento un proxecto de orzamentos que, como sucede co financiamento oficial do PP, tamén ten a súa caixa ‘b’. Antes de nada, é preciso subliñar a dificultade que ofrece a súa presentación á hora de coñecer e avaliar as cifras por capítulos de ingresos e gastos. Unha boa parte da información está incompleta, confusa e desordenada. Pero non tanto como para comprobar que non hai cambios significativos na filosofía e na estratexia política dun partido e dun goberno que miden a saúde do Estado e o benestar da xente con rapadoiras neoliberais. Volven ter na austeridade, á que se pregaron seguindo as directrices da Troica, o dogma ao que fían vidas e facendas. Sen importarlles nada que, como sucede en todos os países da UE, a economía estea no inicio dunha fase expansiva –o crecemento do PIB achegarase ao 6,5% en termos reais no bienio 2015-2016, segundo as previsións do propio Goberno. Así, a dieta que propoñen é ben coñecida: recortar servizos e prestacións para reducir o gasto público.

Por máis que pinten de rosa a caixa ‘a’ –aducen que son uns orzamentos expansionistas e sociais–, unha simple pasada do documento pola sala de resonancia baixo a atenta mirada dos expertos explicita o que os seus autores enmascaran ou ocultan na que identificamos como a súa caixa b. Todo para desdebuxar a evidente contradición entre a fase de crecemento que con tanto ardor electoralista predican Rajoy e o PP por televisións e todo tipo de redes, por unha banda, e a súa non translación a un incremento semellante dos ingresos públicos, condición sine qua non para aumentar o gasto e poder recompoñer pouco a pouco as desfeitas nos servizos públicos e nas prestacións dos últimos anos, pola outra. Para nada tentan abrir outras vías de ingresos como a da persecución efectiva da fraude ou a dos beneficios fiscais das grandes empresas, esas que utilizan todo tipo de escaramuzas para evadir impostos. Así é como os ingresos consolidados do Estado apenas medran o 0,2%, o que significa segundo os analistas a súa redución en termos reais, porque o IPC (índice de prezos ao consumo) vai quedar nun 1,5% cando remate o exercicio. A marxe do Estado para aumentar o gasto non financeiro quedará practicamente a cero. É por iso que a maquillaxe –a subida do 1% en inversión pública, a das becas nun 0,2%, a das retribucións a empregados públicos do 1%, ou a das pensións nun raquítico 0,25%, entre outras– non resiste o fogonazo do incremento dos prezos. Todas esas porcentaxes quedan abrasadas polo IPC.

As rebaixas fiscais que anuncian e propagandean non son máis ca anzois electorais que, sen capacidade real para reducir as capas de sufrimento social, contribúen a agravar as contas que, por estaren sometidas ao obxectivo sacrosanto de reducir pese a quen lle pese o déficit, nunca van poder inclinar a balanza no gasto. Velaí polo que se recortan en nada menos que 5.483 millóns de euros as prestacións por desemprego, co que a taxa de cobertura vai quedar xa por debaixo do 50% das persoas que conforman o exército de parados que este goberno non foi quen de desactivar durante estes últimos anos. Desde que gobernan os conservadores, o gasto por desemprego reduciuse en nada menos que 12.000 millóns. E cando di Montoro que o resto do chamado gasto social vai aumentar un 3,5%, oculta que se trata dun incremento ligado exclusivamente ao capítulo de pensións, o que obedece non a un acto de xenerosidade por parte do Goberno, que case as conxela, senón porque aumenta o número de pensionistas.

A débeda pública, a outra andrómena orzamentaria. Malia que só en maio se incrementou en oito mil millóns, non por iso o Goberno se viu liberado de seguir reducindo o Fondo de Reserva para poder pagarlles aos pensionistas os case catro millóns da extra de xullo. Serán exactamente 33.514 millóns de euros o custo en intereses do colosal endebedamento ao que nos levou Rajoy desde que está no poder. Constatando como as amortizacións da débeda seguen financiándose con máis débeda, o que impide de feito a súa redución cuantitativa. O retorno dos ingresos por débeda aos mercados financeiros no mesmo exercicio chega ao 80% desta (os xa citados miles de millóns por intereses e 84.302 millóns por devolución da débeda acumulada). É a débeda a que segue equilibrando o déficit público, o saldo negativo por activos financeiros e as amortizacións.

Con todo isto por diante, u-los orzamentos expansivos e sociais? Máis do mesmo. Demostrando que, con ou sen crise aguda, ao PP e a este Goberno –co de Feijóo seguíndolle os pasos en Galicia– vailles a marcha –a da austeridade, a da sobrecarga ás costas dos máis necesitados, a da complicidade cos máis fortes, a da humillación sociolaboral e o cinismo electoral.

Visto o visto, o que aflora da filosofía que os envolve e do tufo electoral que desprenden é unha concepción absolutista e irresponsable da política. Traduce unha moi escasa ou nula dimensión democrática, un reforzamento dos privilexios económicos e unha nova recaída da redistribución do excedente.

Se esta é a oferta política do PP, como tivo o descaro de confesalo Montoro, o lóxico e prioritario é cambiar de locomotora.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011