OPINIÓN

Onde foi a ideoloxía?

Francisco Martínez Hidalgo

Nunca a ideoloxía estivo tan viva coma hoxe. Tras os chamamentos ao sacrificio imprescindible de medidas impopulares (e antisociais) se oculta a ideoloxía. Tras a criminalización dos funcionarios, sen nunca pensar que os seus xefes son os políticos que eliximos entre todos, se oculta a ideoloxía. Tras o indubidable sacrificio do benestar colectivo e a igualdade social, en beneficio dun sistema financeiro voraz e insolidario, se oculta a ideoloxía. Mesmo tras as afirmacións que renegan da política ou acusan de ‘partidistas’ certas decisións, se oculta a ideoloxía.

A única diferenza con antano é que, mentres antes as ideoloxías se anunciaban sen rubor con altofalante e estandarte, agora a forma de comunicarse pasou a ser tan sibilina que mesmo se agochan tras a súa propia negación. O truco perfecto: comunicar a mensaxe ideolóxica negando que sexa ideoloxía. Algo tan vello como darche o aceite de fígado de bacallau (que tanto horrorizaba a Zipi e Zape) dicíndoche, sen embargo, que se trata de zume de laranxa. O feito de que as ideas sexan inodoras e insípidas axuda, claro, a velar o engano, pero non por iso o engano deixa de producirse, e as súas consecuencias son menos dolorosas.

Por iso non me gusta nada o concepto de “antipolítica”. Non creo que exista. Simplemente é unha forma sibilina de afastar á xente do campo social da información e da decisión. Darse conta só require pensar que, se o decisor evita que a xente lle vaia a preguntar todos os días sobre o que fai, máis liberdade terá para facer o que queira sen control de ningún tipo. Por iso os mal chamados poderes “antipolíticos” conducen indefectiblemente ao totalitarismo: pois conceden aos persuasores (de que algo non é ideolóxico ou político cando si o é) o máximo poder coa máxima discrecionalidade posible.

A mensaxe apática calla e, por tanto, o risco dun poder omnímodo crece tamén en correspondencia. A UE pecha o búnker comunitario con debates que poñen en risco as liberdades básicas e os dereitos fundamentais conquistados nos lustros pasados. A clase política española apunta cara a unha concentración sen o previo paso polas urnas, pisando a liberdade cidadá para a deliberación e a decisión, menosprezando a democracia en aras duns beneficios opacos e silenciosos. Os próximos meses e quizais anos, os dereitos e liberdades conquistados se enfrontan a un dos seus maiores retos e, polo lido e oído, non podemos permitirnos o luxo de caer na trampa da “antipolítica”. A presión na súa defensa resulta a única saída posible.

Sen embargo, os actores que máis teñen loitado pola súa defensa se atopan nunha grave crise de popularidade e lexitimación social. A propaganda ideolóxica maledicente lanzada durante estes anos pola caverna mediática, e moi debilmente contestada cando había que facelo, amosa agora os seus maiores efectos; xusto cando máis imprescindible vai resultar contar co apoio social. Optimista como son, penso que cunha boa estratexia aínda resulta posible corrixir o rumbo e tomar impulso. Por tres motivos: (a) o contexto estimula a maior información; (b) do lado dos dereitos e liberdades aínda resta moito que dicir; e (c) a razoabilidade da xente volverá facer relucir as verdades.

Saber comunicar convértese en máis importante ca nunca. A tempo se está de comezar a chamarlle ás cousas polo seu nome outra vez: ideoloxía, política e intento de explotar á xente fomentando a apatía a través do asco e do silencioso. Non podemos permitilo.

Licenciado en Filoloxía galega e Ciencias políticas. Profesor asociado na USC e especialista no campo da Comunicación Política. O seu twitter é @frmartinezh

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011