OPINIÓN

O final das caixas (1ª parte)

Sergio Barbeira

O final das caixas. O tamaño si importa (1ª parte)

Para os que aínda non se decataron: o tamaño importa, e cada vez máis. Hai algo máis de dous anos dicíanme que as caixas españolas tiñan que fusionarse. O principal (e único) argumento era a necesidade de gañar tamaño para que as entidades resultantes fosen máis competitivas. Hoxe rímonos desa explicación, aínda que algúns (eu, entre eles) dubidamos no seu día de algo tan simple e que, agora, parece ridículo. Pero antes non o era tanto para os que presumían de expertos. Por que?

A resposta é moi simple: porque non falaban como expertos, senón como verdugos de políticos con intereses. Nin tan sequera o gobernador do Banco de España, Miguel Anxo Fernández Ordóñez, foi capaz de subtraerse dese vórtice. O día da súa marcha, hai apenas uns días, lamentábase diso e era, case en exclusiva, o seu único queixume. En Galicia eu defendín a fusión galega, aínda que comandada por xente experta e sen ambición de conservar a poltrona. A pesar das duplicidades, conseguiuse unha entidade financeira forte e sólida, como se conseguiu coa integración das caixas comarcais e provinciais no pasado. Pero importaba máis a poltrona. Agora Anticorrupción os busca…ao final, todo chega.

Dicía xusto fai un momento que os que defendían entidades máis grandes eran aqueles que servían a uns intereses políticos. Pois ben, eses intereses responden a unha forza centrípeta que empezaba a configurar un poder financeiro de solidez máis que dubidosa (Bankia é un claro exemplo), un poder cuxo epicentro era, como non podía ser doutra forma, Madrid. Para os que len isto, que se desengañen: non era casualidade. Oxalá a vida fose máis inxenua e máis feliz, sobre todo para aqueles que pertencemos ao que aínda chaman a periferia.

Dicíase que a grande caixa galega sobreviviría como caixa e como galega precisamente polo seu maior tamaño (risas). Hoxe nin é caixa, nin é tan grande como se esperaba e…seguirá sendo galega máis aló duns meses? Que curioso que as poucas entidades financeiras que seguen sendo galegas e que aguantarán sendo galegas por máis tempo son as pequenas: Banco Etcheverría e Caixa Rural Galega. Non importaba o tamaño para sobrevivir?

Pasada a tormenta, tentarán facernos ver (eles xa saben quen son) que todos vivimos nun mesmo territorio, que todos somos iguais…pero o bo quédomo eu e contróloo eu, non vaia a ser. Un loitador dicía unha vez que así é como se fai a paz: comprando escravos. Logo aderezámolo todo cun pouco de fútbol e música cañí e listo. Aquí non pasou nada. E pouco servirá lembrar, porque a maioría, ese ente que todo o decide cada catro anos, esqueceuno. Só uns poucos lembrarán que o tamaño só importa se se sabe utilizar. Todo o demais é unha carreira cara a adiante.

Sergio Barbeira Blanco

Xornalista experto en economía
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011