OPINIÓN

O verdadeiro reto

Un feixe de grandes corporacións controlan as canles de televisión, os medios de comunicación, as estacións de radio, os motores de busca e as plataformas de redes sociais. Isto deulles ás persoas e organizacións ricas un grande poder político e económico, e permitiulles distorsionar o panorama dos medios para adaptalo aos seus intereses e puntos de vista persoais. Desta maneira xustificaba a coordinadora de grupos de cidadáns Media Reform Coalition a súa campaña a prol da regulación dos medios de comunicación en Gran Bretaña. Nunca tal se deu en España. Porque estamos mellor? En absoluto. Pero é algo que se lle escapa a unha grande parte da sociedade.

Abonda con botar man dos últimos estudos, como os do prestixioso Pew Research Center, para comprobalo. A día de hoxe, a maior parte da cidadanía española ten no duopolio mediático Atresmedia e Mediaset (17 canles de televisión) a súa fonte prioritaria de información. De existir en España unha plataforma reivindicativa como a inglesa, estaría poñendo a caldo a quen desde o poder político (os gobernos de Zapatero e Rajoy) consentiron semellante nivel de concentración. Toda unha bomba de reloxería contra o pluralismo informativo, o fermento e a argamasa dunha democracia consolidada. Se, ademais, os grupos cívicos que a integrasen descubrisen que ese duopolio audiovisual acapara case o 90% da contratación publicitaria en aberto, a protesta atronaría. Porque ese e non outro é o mellor camiño para deteriorar e desactivar os medios públicos de radiotelevisión.

RTVE, en primeiro lugar. A cambio de liberdade para informar, Zapatero prohibiulle contratar publicidade. Ese foi o pacto coas plataformas privadas, que se verían compensadas a maiores nos seguintes anos con novas licencias TDT. Son por iso unha rémora para a supervivencia doutras alternativas, tal que as públicas –a estatal e as autonómicas– e as comunitarias (neste caso, nin iso, porque as obviaron os gobernos, que é polo que o comité de Dereitos Humanos da ONU mantén aberta unha investigación). E nestas, chegaron Rajoy e o PP. Resultado? Sete anos de manipulación e afogo.

Con eles na Moncloa e Torrespaña, RTVE volve ás catacumbas. Non só porque se converteu nunha centrifugadora propagandística –branqueadora– ao seu servizo, espantando desa maneira as audiencias: o seguimento dos seus informativos non pasa a día de hoxe do 13% da cidadanía, a unha enorme distancia dese 48% que segundo o Pew ten a BBC británica. Tamén porque se mantén a prohibición publicitaria, e os orzamentos non dan para competir co duopolio das privadas, que aínda por riba se ve favorecido polos gobernos con novas licencias TDT, a cambio de que os medios públicos vexan cada vez máis reducida a súa capacidade operativa no convulsivo tempo tecnolóxico da dixitalización.

En Gran Bretaña teñen na BBC o mellor antídoto para contrarrestar os efectos perversos da concentración mediática denunciada pola aludida plataforma cívica. É o modelo de corporación pública de radiotelevisión en Europa e no mundo, pola súa independencia do poder gobernamental, pola liberdade de acceso e por dispoñer dun sistema de financiamento –o canon e a publicidade– que asegura a súa capacidade competitiva. Á parte diso, os ingleses veñen de dotarse dunha lei reguladora do funcionamento dos medios, penalizando os excesos nos que puidesen incorrer as plataformas privadas.

De todo iso carece España. Non é, xa que logo, a solución volver sen máis á RTVE de Zapatero, como se escoita dicir desde dentro do PSOE. Nin se salva o servizo público de radiotelevisión, un dereito da cidadanía, removendo os seus directivos. Moito menos se Sánchez e Iglesias o fan, de entrada, seguindo o modelo Losada/Salgado no bipartito galego: repartíndose os cromos. A lei consensuada no 2017 pode servir para desgobernamentalizar e democratizar os medios públicos estatais, empezando por establecer un corpo directivo e de xestión por concurso público. Imprescindible, sen dúbida. Pero iso non pasaría de ser unha venda na ferida, se os grupos parlamentarios, urxidos desde dentro polos profesionais e desde fóra pola sociedade máis concienciada, non son quen de abordar o futuro dos medios públicos (estatatais e autonómicos) dándolle unha volta de torca a todo o entramado audiovisual. Ese é o reto

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011