OPINIÓN

O test do 25 de xullo

Xesús Veiga

Tradicionalmente, o Día da Patria é un test que serve para coñecer as propostas que formula o nacionalismo galego a respeito dos problemas que ten o País e permite, ao mesmo tempo, medir o nivel de resposta popular que é capaz de concitar en cada conxuntura anual.

Nesta ocasión, o contexto económico, social e político resultaba moi singular. O estancamento da economía galega e os graves impactos sufridos pola maioría da poboación como consecuencia dunha crise que naceu lonxe do espazo territorial da nosa nación certifican a evidencia dun balanzo moi mediocre do goberno de Núñez Feijoo. A chegada de Mariano Rajoy á Moncloa e a rápida aceleración rexistrada na destrución de elementos básicos do Estado de benestar rematou coa simulación practicada polo presidente da Xunta durante a lexislatura de Zapatero. A partir de Novembro do ano pasado Rajoy demostrou que está disposto a utilizar o shock da crise para recentralizar o Estado e fixar unhas novas regras nas relacións entre os poderes territoriais. Nesta nova distribución de cartas, Feijoo ficou sen discurso e sen personalidade diferenciada fronte ás directrices da rúa Génova.

Por primeira vez nos últimos anos, o nacionalismo galego anteriormente unificado no seo do BNG concorreu dividido á cita do 25 de Xullo por mor do proceso de escisión rexistrado nos primeiros meses do presente ano. O nacemento de novas siglas leva aparellada, habitualmente, unha esixencia de sobreactuación partidaria que atranca seriamente calquera tentativa de acción unitaria. Neste caso concreto, non era verosímil pensar nunha convocatoria conxunta entre BNG, Compromiso e Anova debido, entre outras razóns, ao pouco tempo transcorrido dende a propia fragmentación. Mais si resulta sorprendente constatar a inexistencia dun acto unificado entre as dúas formacións recentemente creadas. As explicacións dadas por Xosé Manuel Beiras relativas á dificultade imposta polo calendario para artellar unha resposta desas características non se compadecen coas importantes concordancias programáticas existentes entre ambos grupos e cos chamamentos que el mesmo realizou a favor da unidade do nacionalismo e da esquerda para combater aos gobernos do PP.

As circunstancias vividas neste 25 de Xullo cuestionan unha boa parte dos argumentos exhibidos polos sectores que decidiron abandonar o BNG despois da Asemblea de Amio e, ademais, tenden a diminuír a credibilidade acumulada polo nacionalismo galego nas últimas décadas. Precisamente agora, cando a realidade proporciona notábeis oportunidades para ofrecer unha alternativa que conecte con amplos sectores da cidadanía en base a tres piares básicos: a defensa do autogoberno como peza fulcral no desenvolvemento de Galiza como nación no concerto europeo; a concepción da política económica como unha ferramenta ao servizo do benestar da maioría social e unha aposta pola substantiva corrección do proceso de construción da UE para evitar a lóxica economicista e xerarquizada na que hoxe se atopa.

Despois do sucedido neste Dia da Patria, semella pertinente afirmar que o nacionalismo galego ten un desafío de grande envergadura: non permitir que as vellas liortas familiares arruínen a esperanza dun cambio político tan necesario como urxente.

Xesús Veiga Buxán

Profesor de Económicas na USC. Membro do Consello Nacional do BNG, foi deputado do Parlamento Galego e asesor económico da Vicepresidencia durante o goberno bipartito.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011