OPINIÓN

Con data de caducidade

Alguén escribiu que a proclamación do rei Felipe VI é a última emanación do mito fundacional da Transición. Subscribímolo. E a abdicación previa do rei Juan Carlos, o seu epígono. Máis alá do debate entre monarquía ou república, inevitable a partir de agora na axenda pública, o que subxace é unha máis ca necesaria e urxida remuda de lexitimidade na xefatura do Estado. Baseándose niso, o pacto político que consensuou o deseño da Constitución do 78, e con ela a monarquía juancarlista que impuxera o ditador, non ten máis percorrido. Afanarse en instrumentalizalo politicamente no medio dun escenario que non resiste a máis mínima comparación co da época, pode servirlles momentaneamente de lancha salvavidas aos que o fan, pero saben que o resultado ten data de caducidade. Agarrarse como fixeron Rubalcaba e o seu sanedrín socialdemócrata a ese pacto para xustificar a complicidade do seu partido no proceso sucesorio ao que se viu forzada a Monarquía, non deixa de ser por iso unha escusa de mal pagador.

Non se trataba de abrir de súpeto un novo proceso constituínte que comportase a convocatoria instantánea dun referendo sobre monarquía ou república, agora xa sen as ameazas guerracivilistas que obrigaran a mutar ruptura por pacto entre as elites políticas e a oligarquía franquista. Si de establecer un calendario inapelable que os englobara sobre dous grandes principios: o de que a soberanía reside no pobo –é o verdadeiro soberano–, polo que nalgún momento terá que retomar e exercer, sen as ameazas e os medos de hai corenta anos, o dereito a decidir sobre o modelo de Estado; e o de que nada que non pase polas urnas pode ter lexitimidade para administrar todo o que comporta, en dereitos e obrigas constitucionais, esa soberanía. A complicidade entre a Juan Carlos, Rajoy e Rubalcaba, para os que todo iría a peor se non activaban o piloto automático da sucesión monárquica, fíxoo imposible. Aínda á custa de evidenciar o que era para eles, e moi especialmente para o líder socialista, a trabe argumental coa que sustentar a estratexia acordada: a ruptura definitiva do pacto da transición, do que se separaron as esquerdas alternativas e os nacionalistas.

Na vertixe propagandística á que se entregaron os grandes medios de comunicación, coa inestimable colaboración da flor e nata de analistas e tertulianos, entrecruzáronse dúas liñas defensivas que a prensa estranxeira se encargou de abortar. A do sobresaliente cum laude –Juan Luís Cebrián dixit– para o rei abdicado, atribuíndolle a Juan Carlos I a exclusiva da estabilidade democrática e das transformacións operadas durante os últimos 40 anos en España –todo isto por certo en aberta contradición con como os mesmos políticos, xornalistas e analistas cortesáns xustifican agora o ton retórico e politicamente correcto do discurso pronunciado por Felipe VI no acto solemne da proclamación–, e a de que agora non tocaba mover os marcos.

A sobreabundancia de ditirambos monárquicos, todos coa intención de cercar cun correúdo e impenetrable cordón sanitario a operación sucesoria, contrastou de maneira ben evidente co relato que sobre o que sucedía en España neses quince días de infarto deu a prensa estranxeira máis influente, tanto a norteamericana como a europea. Quedou así ao descuberto a parcialidade coa que a prensa española de referencia, e non só a afiliada ao nacionalismo mediático español, analizou a figura do rei na súa despedida, caída ou claudicación. O silencio que impuxeron sobre as amizades perigosas, con empresarios, comisionistas e banqueiros, ou sobre todo o que a Casa Real mantivo e mantén baixo sete chaves a respecto das finanzas -as contas que apareceron en Suíza e todo o que, segundo a extensa e inquietante reportaxe que sobre os negocios do rei e sobre o seu oculto patrimonio publicou o The New York Times, daría na avultadísima cifra de 1.800 millóns de euros-, desbordou tódalas liñas vermellas dun xornalismo responsable e xa que logo obxectivo.

Que non era o momento ou que non tocaba tampouco se sostén, a non ser para forzar a persistencia do statu quo no que as elites e os poderes oligárquicos garanten a súa propia estabilidade, e non tanto a da democracia. Velaí polo que nunca poderían darlle o plácet ao relato que obxectivamente merecerían os últimos anos do juancarlismo, nos que se amosou moito máis preocupado pola supervivencia da Coroa que pola supervivencia da democracia. Outra constatación da distancia que se agranda entre as elites e a cidadanía, que desde hai vinte anos veu descrendo na utilidade da Casa Real e na persoa de quen a encabezou durante 39 anos ata chegar, como certificou o último barómetro do CIS, a suspendelos cun 3,72 puntos sobre dez. Se os premiou durante unha boa parte dese período foi polo importante papel que a monarquía coprotagonizou na difícil e complexa arrancada da transición á democracia, que todos lle recoñecemos. Porén, a madureza democrática e política da cidadanía, por unha banda, e un historial de progresivas derivas monárquicas inzadas de malas prácticas persoais e cívicas, de corrupción familiar, de amizades pouco recomendables pero produtivas, pola outra, romperon con ese estado de graza.

Apoiado só polos maiores de 65 anos, de dereitas e en grande parte votantes do PP, a única saída que lle quedaba era a de abdicar antes de que o incendio –e a progresiva aceptación do ideal republicano polas novas xeracións e da República como modelo de Estado– dera cabo da Casa. Xusto no momento en que aínda tiña do seu lado a quen en pouco tempo poderían perder os escanos que veñen de apoialo no Parlamento. O adeus do rei deixa a PP e PSOE como únicos representantes do modelo e do pacto nacidos en 1978, pero tamén con menos do 49 por cento do electorado, en datos do 25-M. Coas imputacións de Urdangarín e Cristina, coa trama Gürtel e os papeis de Bárcenas, co caso dos ERE en Andalucía e o municipalismo corrupto de Galicia acosándoos, coas súas elites pactando e repartíndose cargos, institucións e prebendas, utilizando os seus máis emblemáticos militantes as portas xiratorias que engraxaran previamente desde o poder, en plena crise de liderado e identidade, desfondados como están os do bipartidismo polas crises da crise e polo desafío independentista de Catalunya agora e de Euskadi deseguido, nada como conxurarse a Casa Real, Rajoy e Rubalcaba en apancar a monarquía a partir da abdicación. Entre outras cousas, para que nada cambie.

Co prezo de verse obrigados a desbordar tódalas fronteiras constitucionais e institucionais para inmunizar a quen, perdida a inviolabilidade, puidese ter que responder a inesperadas –¿ou talvez non tanto?– demandas tanto penais como civís como calquera cidadán normal, que é o que sucede en países con monarquías parlamentarias como Bélxica e Holanda. Felipe VI, que ha ter que afrontar unha remontada de credibilidade sobre os restos nada exemplares dos últimos 20 anos, e coas mareas da dignidade buscando e reivindicando o dereito a decidir, a apertura dun novo proceso constituínte que inclúa o deseño dun Estado federal, a blindaxe do Estado de Benestar e a institucionalización de novos mecanismos de participación social e democrática, non puido haber comezado con peor pé.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011