OPINIÓN

Rescue me!

Francisco Martínez Hidalgo

A loita contra a palabra “rescate” leva varios días mobilizando á dereita española. Ninguén a quere pronunciar. Ninguén a quere escribir. Ninguén a quere recoñecer. Para substituíla téñense dito numerosos eufemismos: “apoio europeo”, “préstamo solidario”, “axuda comunitaria”… Algún xornalista de medios que si a escriben, con grandes titulares, ten padecido estes días pasados algún xesto maledicente por parte de Luís de Guindos e de Mariano Rajoy. Todo vale para que pareza que non, que este caso non é como os demais. O choteo en Twitter acadou o seu grao máximo co hashtag #EspañanoesUganda… aínda que ás veces poda parecelo.

Sen embargo, as realidades e os feitos son teimudos, e a prensa internacional tense botado enriba de Rajoy para denunciar o seu intento de ocultar o que, fóra das fronteiras do estado, se cualifica unanimemente como (1) o rescate dun sistema financeiro insolvente; (2) asumido polo estado a través do Ministerio de Economía (de quen depende o FROB); (3) con consecuencias máis alá do sistema financeiro –como anunciou este luns o comisario europeo de Economía Joaquín Almunia; e (4) entre as que se atopa unha nova perda involuntaria de soberanía co sometemento aos poderes internacionais.

A vantaxe comunicativa para o goberno español está en que, mentres as auditorías non estean listas e non se decida entón cantos cartos se van pedir prestados, se pode xogar ao despiste sobre que supón ou deixa de supoñer o rescate do sábado pasado. Cando o ruxerruxe domina a comunicación, quen ten maior poder comunicativo pode acabar impoñendo a súa perspectiva, e o goberno xunto coa dereita mediática xogan con esta ventá de tempo ao seu favor. Ademais da escasa permeabilidade na opinión pública española da comunicación internacional, unanimemente crítica coa actitude e a xestión do goberno de España.

A bomba de reloxería acabará por estoupar, con todo, antes ou despois. As consecuencias do préstamo acabarán por chegar e, cando iso pase, volveremos novamente a ter este tema na axenda. Disto se percataron ben os mercados que o luns, tras unha breve caída, volveron levar cara arriba á Prima de Risco española; síntoma da incerteza sobre as condicións opacas que se lle impoñan e a capacidade de España para asumilas de forma completa e efectiva. E consecuencia, claro, dunha estratexia comunicativa gobernamental errática, improvisada e carente de todo rigor e claridade nas mensaxes que transmite á sociedade.

Con todo, preocúpame a extraordinaria capacidade do bunker conservador para impoñer a súa visión da realidade. Este episodio debe servir como advertencia para darnos conta como, no control da axenda política, ata a sucesión de feitos máis evidente pode poñerse en cuestión cunha estratexia comunicativa axeitada e unha mensaxe ben elaborada. Os spin doctors conservadores traballan sen descanso porque a crise faga o menos dano posible á solidez do goberno español. Mentres no outro lado da balanza, non existe unha mensaxe ou estratexia que contrapoñer con certa posibilidade de éxito. Ironicamente, sómente a voracidade dos mercados por recuperar a súa parte do botín están poñendo coto á súa capacidade.

Cando esa voracidade se aplaque, outros deberán asumir o seu rol coa mesma eficacia, se non queremos que a nosa democracia perda calidade. Como cidadáns tócanos a nós mover ficha para defender e rescatar á nosa confiada vontade de quen tanto a maltrata.

Avatar of Francisco M. Hidalgo

Licenciado en Filoloxía galega e Ciencias políticas. Profesor asociado na USC e especialista no campo da Comunicación Política. O seu twitter é @frmartinezh
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011