OPINIÓN

O público… a que prezo?

Xurxo Borrazás

Avanzan as obras do novo hospital de Vigo. Con paróns e crebas, con escándalos na contratación de traballadores e fiascos de
planificación, con incógnitas sobre a súa viabilidade e debate arreo sobre a súa titularidade. É ben choqueiro iso da “titularidade”. É choqueiro e lémbranos que un título é apenas iso. Pensade en A agardar por Godot: quen era Godot? Ou n’A cantante calva de Ionesco: Onde estaba esa cantante calva? A interpretación é libre. Pois neste caso igual, a explicación máis absurda ábrese paso nos medios e nos discursos oficiais con total naturalidade. Vai o novo hospital ser público? Público… en que sentido? De que público? A que prezo?

O criterio mobiliario

Sabedes como é unha Escola Pública no Reino Unido? Adoitan ter máis de cen anos e localízanse en edificios históricos, dispoñen de internado e adican atención especial ás capacidades do alumnado para argumentar e expresarse en público. Fomentan un patriotismo asentado no imperio, a insularidade, unha visión do comercio solapada coa piratería e un tradicionalismo a ultranza. Esixen o uso de uniforme e, sobre todo, son caras, carísimas, e polo tanto elitistas.

Nestas escolas fórmanse as xeracións novas das clases dirixentes, case todos os gabinetes dos gobernos británicos pasaron por elas. Ata hai ben pouco eran ademais exclusivamente masculinas e practicaban o castigo corporal, pero xa non. Agora son coma o Hogwarts de Harry Potter e aceptan nenas e muggles, familias sen pedigree: nos criterios de admisión substituíron os méritos nobiliarios polos mobiliarios. A máis famosa é Eton, a carón do castelo de Windsor, e tanto esta coma o resto, por se non quedou claro, son privadas. Pero chámanse “públicas”.

Este é sen dúbida o modelo de escola pública de, por exemplo, Esperanza Aguirre, diredes. En absoluto. Se o uso do termo “público” nas escolas británicas pode levar a engano, a cousa complícase nas axendas e idiolectos do neoliberalismo actual. O ideal da Sra. Aguirre comparte o gusto pola estratificación e a “excelencia”, seguindo ao pé da letra o manual dos think tanks americanos, pero o que ela faría sería construír as escolas, dotalas de persoal e, cando funcionasen de xeito modélico, “transferir o modelo de xestión á iniciativa externa”. Non privatizalas, as escolas seguirían sendo 100% públicas. De feito, se algo fose mal, aí estaría o Estado para corrixir calquera desviación e asegurar o modelo e a sostibilidade, a sostibilidade da xestión externa. Así, paradoxos da vulgata reaccionaria, o modelo absolutamente privado británico é moito menos oneroso para a cidadanía que o “100% público” da ultradereita de FAES.

O esforzo do salmón

Volvendo ao hospital de Vigo, trátase dunha operación fundamental para a Xunta. Tanto é así que o PP de Vigo estalle a dar votos e apoio ao PSOE para que nun quid pro quo tácito o concello non lle boicotee a obra. O PP cualifica o hospital como 100% público pero ese debate ten solución doada. Quen está a pagar as obras? Os bancos que financian ás construtoras? Pois poñédelle o título que queirades pero eses bancos, privados, son os propietarios. Cando o hospital comece a funcionar, se as cousas non mudan, non será a Xunta a que lle outorgue ao consorcio privado unha concesión de décadas. Será o consorcio quen lle alugue o seu hospital á Xunta, polo prezo que lle pete e facendo presión ao inquilino con desafiuzalo como se fai cun piso. Ou vai alegar a Xunta que tan caro non, e que vai buscar quen llo deixe máis barato? A bolsa de hospitais en alugueiro é limitada.

Imos ver. Se os bancos financian as empresas confiando en que a Xunta pagará e é de fiar… por que a Xunta non pediu que os mesmos bancos avalasen directamente o seu proxecto de hospital, sen o intermediario do consorcio? A pregunta é retórica, pero hai máis: Por que agora que en Madrid, en Boqueixón e na China se demostra que a xestión privada é máis deficiente e máis cara, nos embarcamos en Galiza nun barco para remar décadas contra a corrente? Os salmóns fano, certo, pero a meta do seu esforzo é a morte río arriba. Neste caso o sistema de saúde tamén ten trazas de ir acabar con nós.

Cales son os argumentos do PP para convencernos de que ir contra a lóxica é o que nos convén? Pois os que se empregan en calquera campaña publicitaria: se temos un produto que vender e non existe a necesidade de mercalo, hai que crear esa necesidade. Todas as chatas que lle poñamos ao financiamento do hospital novo disólvense cando nos din que as listas de espera
medran e os pacientes enchen os corredores porque o sistema non dá abasto. Cando se desvía a atención especializada cara a Compostela, cen quilómetros, argumentando que a área de Vigo non é quen de atendela. Cando no Hospital Xeral, e sobre todo no Meixoeiro, se pechan o dez por cento das camas porque dentro chove e corre o aire e a Xunta reacciona cun “si, hai que arranxalo, a ver como facemos. Haberá que falar coas aseguradoras, terá que vir o perito, a ver se para de chover, vaia inverno levamos. Pensabamos afrontar a obra en baleiro, despois do traslado ao hospital novo, pero visto que a cousa é urxente, a ver se este ano nos poñemos…” “Este ano!!??” alármase a xente. “A situación é insostíbel! Por Deus, que rematen o hospital novo xa! Custe o que
custe!” E velaí: agora o consumidor xa compra o proxecto coa furia dun primeiro día de rebaixas.

Amor ou sexo?

Ademais… que carallo! o hospital vai ser 100% público. Se de algo sente orgullo o PP na súa xestión da crise é de ter salvado a educación pública e a sanidade universal, gratuíta… e pública. A titularidade pública é esencial. Si, amigos, o amor que a esquerda profesa polos servizos públicos é simple romanticismo, unha abstracción idealista. Pola contra, a atracción que a dereita lle profesa ao público é algo físico, material, non se trata de romanticismo sensibleiro senón de voracidade sexual. O público son
orzamentos e os orzamentos non dan a felicidade, pero axudan.

A privatización é o peor: é traumática, ten mala prensa e deixaría os empresarios desamparados fronte ao devalar caprichoso da economía. Un “grupo emprendedor” non sabería de antemán cal vai ser o balance da súa xestión, se vai gañar ou perder, imaxinades o caos? A quen se lle ocorre a toleada de que investidor se poida lanzar a unha iniciativa da que pode saír con menos do que entra? O capital intelixente non quere arrebatarlle a titularidade ao sector público, nin sequera en réxime de monopolio. O que quere son concesións con cláusulas de compensación que lle garantan que vai gañar moitísimo de maneira segura, e que se non gaña, o Estado achegue o que falta para manter o superlativo ben alto: moitísimo.

O cordón umbilical

Pensade na AP 9, que estrangula transversalmente as posibilidades de crecemento do noso país. Pensade nas concesións da ORA en todas as cidades, quitado Pontevedra. Pensade nas recollidas do lixo. Pensade nas concesións da ITV. Pensade na proxectada substitución do Rexistro Civil, que non tiña ningún problema de funcionamento, polos rexistradores da propiedade. Pensade na privatización da esterilización do material hospitalario: 165 millóns de euros ao ano. En todos eses casos e noutros moitos o traballo da concesionaria limítase a recadar e repartir o botín dos nosos impostos. Viva a iniciativa e o risco empresariais! Fóra a mamandurria e a acomodación funcionarial!

Vedes agora por que o cordón umbilical entre o público e o privado debe manterse custe o que custe? Feijóo defende a sanidade pública a morte e mata dous paxaros dun tiro sacando unha lei para garantir que ninguén agarde máis de sesenta días para ser intervido. Como? Pois se no seu hospital non é posíbel, dándolle ao paciente a liberdade de ser intervido noutro, mesmo un privado. Polos pacientes da sanidade pública… o que faga falta. O decisivo para as empresas que fan da saúde un negocio non é ser propietarias de máis hospitais, o negocio non está aí: o prioritario é a carteira de clientes. E xa de paso, coa medida de Feijóo inoculamos a falacia de que onde a ineficiencia pública se atoa, a eficiencia privada sae ao rescate.

O novo hospital de Vigo proxectouse cos mesmos obxectivos que a morea deles construídos pola comunidade de Madrid, ou de Valencia: para primeiro engordar as carteiras dos construtores amigos, despois fachendear de dotación durante cinco anos e por último seren envurullados para agasallo e transferidos aos recadadores aínda máis amigos. Esperanza Aguirre ocupouse das dúas primeiras fases, o investimento e o fachendeo e, por se acaso as cousas se torcían, quitouse do medio para que alguén co lombo ben ancho apeitase coa fase crítica, a da entrega pola porta de atrás. As cousas torcéronse. E agora que a xustiza cualifica a manobra coma fraude que? Agora que aquí e acolá as administracións tentan ir recuperando concesións porque o sector público as
xestiona mellor e a menos prezo que? Agora que a corrupción das concesións nos rebenta as costuras e nos sae polas orellas que? Pois aquí polo visto nada. Aquí… para adiante, ata o infinito e máis alá.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011