Moonrise Kingdom
Temas: Bill Murray, Bruce Willis, Comedia, Edward Norton, Frances McDormand, Moonrise Kingdom, Wes Anderson, Xuvenil

Cibrán Tenreiro
Wes Anderson é algo así como o tipo máis cool do mundo. Só fai falla ver un plano calquera de calquera das súas películas. O seu universo persoal desborda clase: ten a actores marabillosos (desta, Bruce Willis, Edward Norton, Frances McDormand ou o seu fetiche Bill Murray) facendo papeis marabillosos en escenarios marabillosos (aquí, unha illa de Nova Inglaterra). E os personaxes fan cousas incribles e teñen obxectos e roupas preciosas. Desborda estilo, e ese podería ser o problema. O risco de converterse nun esclavo da súa propia maneira de facer as cousas. Pero, en xeral, sempre acaba por funcionar, porque esa estética preciosista non é baleira e ten algo detrás. Non é só saber facer encadres perfectos, senon usar todo o estilo e os guiños pop ó servizo da historia. Os movementos de cámara definen ós espazos e ós personaxes como un todo, hai tanto humor nos diálogos como na imaxe e sabe facer avanzar a historia brillantemente e sen esforzo.
Nos planos iniciais de Moonrise Kingdom preséntase á familia de Suzy. Queda claro xa o seu carácter disfuncional, e faise unha inversión de roles que soe ser habitual en Wes Anderson: os nenos compórtanse como adultos, e os adultos como nenos. Os seus conflitos xiran arredor da inmadurez e dos problemas que se ocasionan cando non se cumpren as expectativas que un tiña na vida. Pasaba en Fantástico Mr. Fox, en Academia Rushmore… Aquí os dous protagonistas escapan xuntos, literal e metaforicamente, dos seus entornos, onde ninguén os entende. E provocan unhas consecuencias que revolucionan eses entornos.
Tal como é o estilo de Anderson, unha historia xuvenil encaixa perfectamente con el, xa que o habitual é que traten de rapaces que teñen que asumir responsabilidades de “maiores”. Aquí están os elementos clásicos: enfrontamento entre xeracións, lugares polos que perderse a vivir aventuras e, en xeral, cousas fascinantes do seu mundo excéntrico (unha casa nunha árbore, scouts que montan en moto e usan armas, nenos que tocan instrumentos). Pero, tal como os usa, non cae na fórmula. Ten a sensibilidade suficiente para conseguir facer un retrato precioso do descubrimento do amor: a primeira mirada, as cartas que se envían, os primeiros bicos, a primeira man nun peito e a promesa de que van medrar, o baile. Ó mesmo tempo, ten a honestidade de presentar problemas reais e serios nos adultos (infidelidades, apatía, decepción). Hai humor, pero moitas veces cun poso dramático ó remitir á realidade que intuímos que hai detrás deste universo.
E todo isto, por suposto, da maneira máis cool posible. Con cancións preciosas, momentos épicos, xiros imprevisibles, romanticismo, Bruce Willis desfacendo o seu estereotipo e Bill Murray celebrándoo. Para os nenos, non debería ser difícil deixarse levar diante da historia e as imaxes. Para os adultos, é a oportunidade de recuperar un pouco a perspectiva e guiarse polos soños e as paixóns máis poderosas.













Deixa un comentario
Únete ao debate!A publicación de comentarios está suxeita a moderación.
Enter your WordPress.com blog URL
http://.wordpress.com
Proceed