OPINIÓN

Compromiso (económico)

Sergio Barbeira

Compromiso (económico) por Galicia

Antes de nada, quero dicir que non me considero unha persoa nacionalista, aínda que en ocasións o pareza. Esta vai ser unha desas ocasións. Explícome. Pese a ter a nacionalidade española, eu considérome galego, non por un capricho rebelde ou por odio ao resto de españois. Non, simplemente porque é o que sinto e enganaríame dicindo o contrario. Ningúen nos pode impoñer o que somos. Ninguén. Dito isto, é necesario destacar que Galicia hoxe é unha comunidade autónoma que forma parte do Estado español, mais non sempre foi así. Durante 170 anos foi un reino independente, aínda que certo é que xa choveu dende entón. Sen embargo, ao longo dos séculos, incluso dos coñecidos como séculos escuros, non mudou ese sentimento de pertenza á terra, non desapareceu esa identidade, conformada, sobre todo, arredor do idioma. Son moitas as persoas que loitaron por manter e impulsar esa identidade. Creo que sobra dicir quen.

Hoxe en día, non podemos dicir que o galego sexa un idioma que se atope no seu mellor momento, pero polo menos ten máis arraigo social que o vasco, que está moi lonxe do número de galegofalantes, pero que sen embargo conta con máis presencia institucional e empresarial. É dicir, o poder económico respalda, en gran parte, a cultura vasca. En Galicia non podemos dicir o mesmo, por desgracia.

Polo tanto, o reto parece evidente: Galicia precisa dun despegue económico evidente, afastado da cultura da subvención. Galicia ten os recursos e o potencial suficientes para conseguilo, incluso en pouco tempo. O que se precisa é máis vontade económica e política.

Non é casualidade que destaque a vontade económica sobre a política. Todos coñecemos aos políticos e, para que nos imos a enganar, hoxe non temos entre nós a Castelao. Excepto no caso de que emerxa unha figura política destacada, a opción máis sensata é actuar no terreo económico en primeiro lugar. ¿Como? Boa pregunta.

Moitos dirán que abondaba contar con catro empresas como Inditex para que respetaran a Galicia no resto do Estado. Eu creo que iso é pedir demasiado, sobre todo nos tempos que corren. Pero a solución non vai por aí. Galicia está chea de emprendedores e esa mentalidade é un dos principais activos que temos como país (si, dixen país). Para alguén que coñeza a mentalidade empresarial da primeira praza financeira e económica do Estado, Madrid, saberá que o que digo ten todo o sentido. Con menos poder político como respaldo e menos privilexios herdados dun imperialismo que se desfixo a si mesmo, os galegos nunca se rendiron e seguiron enchendo o mundo enteiro coas súas iniciativas. O malo deste emprendemento é que a maioría das veces xerou riqueza máis alá das nosas fronteiras, quedando a nosa terra como un destino de vacacións dos emigrados.

Co avance da globalización, os Estados máis fortes consolidarán cada vez con máis forza unha resistencia fronte a pobos pequenos cunha idiosincrasia propia. Pero a realidade é que eu non pido ningunha escisión, senón un maior respeto. Eu non deixo de formar parte da miña familia por vivir autonomamente nunha casa distinta. Para quen pense que fago demagoxia, velaí vai un exemplo: Escocia forma parte do Reino Unido tras a firma da Acta de Unión de 1707, pero está considerada no dereito internacional como unha entidade xurídica distinta. Isto é así pola conciencia dos escoceses, que sempre tiveron moi claro o que eran. E, no canto de emigrar, crearon as condicións no seu territorio para converter a Edimburgo no sexto centro financiero de Europa. Case nada. Por iso precisamos un compromiso (económico) por Galicia.

Sergio Barbeira Blanco

Xornalista experto en economía
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011