OPINIÓN

A privatización da maternidade

Iolanda Veloso

A Xunta presentou no parlamento galego un plan de dinamización demográfica para o noso avellentado país no que non está garantido o relevo xeracional. É lóxica a súa preocupación aínda que me gustaría darlles algúns argumentos para que non se preocupen demasiado, que os vexo algo agobiados co tema da reprodución. Nun tempo de recortes nos servizos públicos básicos, onde sobran profesoras, investigadoras, estudantes… tampouco é preciso esforzarse demasiado en ter moitos fillos a menos que teñamos garantido que van ser banqueiros, que é o que necesitamos para saír da crise. Vaia, iso deduzo eu, visto que dedicamos todos os cartos públicos a salvar bancos, incluídos os cartos que outros lles prestan que se non os devolven non pasa nada, xa os devolvemos nós. Eu creo que co que aforramos en educación e sanidade aínda tiramos uns anos “nacionalizando” bancos privados.

Este plan debe de ser froito da inercia. Os gobernos do PP están dedicados en corpo e alma a “nacionalizar” as responsabilidades e repartir, sempre cara ao mesmo sitio, as consecuencias. Se Bankia ten débedas “nacionalizámolas”, é dicir, pagámolas entre todo o mundo porque os bancos son necesarios para saír da crise, se pechan estamos perdidos (por min, que lles debo máis do que eles a min, que pechen) pero se teñen beneficios que queden con eles para poder darnos créditos cobrándonos xuros polos cartos que nós lles demos antes. Co asunto do crecemento demográfico pasa igual. Se precisamos ter máis fillos e fillas para garantir o relevo xeracional e non ter un país cheo de persoas maiores improdutivas e cunha esperanza de vida inasumible para o actual “estado do benestar” todo o mundo temos que asumir a tarefa de reproducirnos. Obviamente isto vai por nós, claro, polas mulleres, porque hoxe en día a paternidade aínda é optativa. Ás crianzas, logo de concibilas e parilas hai que darlles de comer, ofrecerlles coidados médicos, educalas… unha chea de cousas que custan cartos pero que tamén temos que asumir cada quen.

Eu pensaba que a crianza se desenvolvía nunha sociedade determinada, nun tempo e nun espazo, e como tal é un labor colectivo pois está guiada por unha serie de valores que non son individuais senón compartidos. Pensaba que garantir os dereitos fundamentais que lles recoñecemos aos nenos e ás nenas era unha responsabilidade social que debía materializarse polo estado e os gobernos elixidos democraticamente. Pensaba que os organismos internacionais se dirixían aos gobernos dos países non desenvolvidos ou non democráticos para esixirlles que se garantan os dereitos das crianzas porque era responsabilidade súa facelo. Por sorte para min, o goberno galego quitoume do meu erro. Igual que coas débedas bancarias, nacionalizamos os problemas pero privatizamos as solucións, cos beneficios para uns e as cargas para outras. O relevo xeracional temos que garantilo as mulleres galegas, as cargas son para nós e os beneficios para os de sempre. Co que nós aforramos en servizos públicos os bancos seguirán gañando cartos. E se non saen ben educadiñas será culpa das nais que pretendemos andar todo o día por aí perdendo o tempo en traballar no canto de quedar na casa ocupándonos dos nosos labores de nais. Non será porque viven nun país no que os banqueiros que nos levaron á ruína, auténticos delincuentes, non van presos senón que reciben unha chea de cartos por xubilarse como señores.

A Xunta quere concienciarnos de que temos que reproducirnos. Que curioso, non sei como puido chegar ata aquí a especie humana antes do nacemento do señor Feijóo. E eu que pensaba que o da reprodución era unha cuestión de supervivencia da especie e que o problema era precisamente el. Menos mal que, de novo, sacoume do meu erro.

Iolanda Veloso Ríos

Iolanda Veloso é concelleira do grupo municipal do BNG en Vigo. Na anterior lexislatura foi concelleira de Igualdade, Normalización Lingüística e Mocidade. É tradutora.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011