OPINIÓN

A outra devaluación

Xesús Veiga

Aínda que, a esta altura, non resulta orixinal dicilo convén lembrar que a crise económica está alterando gravemente as condicións de vida de millóns de persoas e abrindo fendas importantes na confianza social depositada, dende a metade do século XX, no sistema económico dominante nas sociedades europeas occidentais. Ocorre, poren, que esta desfeita tamén está provocando serias consecuencias no funcionamento do propio sistema democrático. Asistimos a unha dupla e preocupante depreciación: medra o empobrecemento de amplos sectores sociais e perden peso e vigor algúns dos instrumentos de representación da vontade da cidadanía.

Os exemplos percorren dende hai meses a xeografía da UE. Papandreu, sendo primeiro ministro de Grecia, quixo someter a consulta popular o plan de rescate adicional esixido pola “troika”. Non foi quen de executar tal anuncio ante a radical oposición de Bruxelas e tivo que deixar paso a un goberno presidido por un técnico da máxima confianza do BCE. Berlusconi abandonou o seu esperpéntico mandato e no canto de convocar eleccións anticipadas aceitou ser substituído por Mario Monti, outro técnico formado na “escola” de Goldman Sachs, ese banco de investimento no que tamén estivo Mario Draghi –o actual director do BCE- e que, no seu día, asesorou ao goberno grego para agachar o déficit existente nas contas públicas. Dende aquel momento, Italia vive nunha situación excepcional, dirixida por un executivo “tecnocrático”, conformado para aplicar as políticas de axuste deseñadas nos organismos dirixentes da Unión.

O caso español tamén ofrece exemplos paradigmáticos. No mes de Maio de 2010, Zapatero cambiou substancialmente o programa de goberno para executar medidas que non figuraban na súa axenda electoral e que, anteriormente, foran rexeitadas dun xeito explícito. Xustificou tal involución no ultimato formulado por Merkel e renunciou a facer o que debe figurar no abecé de calquera dirixente político democrático: deixar nas mans do electorado a decisión definitiva sobre o emprazamento enviado dende Berlín. No pasado verán, o ex -presidente aceitou reformar o texto constitucional para consagrar a disciplina orzamentaria e garantir o pago prioritario das débedas contraídas mediante un procedemento urxente que violentou o propio espírito da norma básica do Estado. A poucos meses das eleccións xerais e sen acudir ao referendo expreso do corpo social, PSOE e PP asumiron unha elevada hipoteca antidemocrática para satisfacer a uns mercados que non fixeron caso de tal ofrenda e seguiron practicando a mesma lóxica agresiva.

A pesar de que só leva seis meses no exercicio do seu cargo, Mariano Rajoy xa realizou aportacións relevantes a esta preocupante tendencia involucionista. Primeiro foi a negativa contundente á investigación parlamentaria sobre o sucedido en Bankia e no conxunto do sistema financeiro. E agora, hai poucos días, rexistrase un feito inédito: o partido que dispón da maioría absoluta no Congreso non quere que haxa o habitual debate sobre política xeral.Precisamente cando mais se está utilizando o mecanismo do decreto- lei e cando hai un evidente déficit de transparencia na xestión das medidas económicas que se están adoptando, non resulta aceptábel a suspensión desa cita parlamentaria e a consecuente degradación da institución basilar na arquitectura democrática.

Ao cabo, a chamada devaluación interna non é só unha trécola económica para reducir o nivel de vida das maiorías sociais senón que, desgraciadamente, leva aparellada unha diminución da calidade do sistema democrático.

 

 

Xesús Veiga Buxán

Profesor de Económicas na USC. Membro do Consello Nacional do BNG, foi deputado do Parlamento Galego e asesor económico da Vicepresidencia durante o goberno bipartito.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011