OPINIÓN

Xestionando o medo

As razóns de seguridade funcionan como un argumento de autoridade para cortar de raíz o debate democrático, e poder impoñer así medidas que non serían aceptadas doutra maneira. Tiran del gobernos con pedigrí autoritario, maiormente cando están sustentados nos seus respectivos parlamentos por unha maioría absoluta. Por caso, o que en España preside Mariano Rajoy. Esa publicitada obsesión pola seguridade, un concepto de aparencia anódina pero que en realidade parece haber suplantado calquera outra noción política, esconde múltiples trampas. Todas baixo o común denominador de se converter en paraugas autodefensivos contra canto poida poñer en risco a súa continuidade no poder. Porque o que realmente producen eses dispositivos de seguridade é un proceso de despolitización cidadá: a cidadanía asume pasivamente esa súa condición, limitándose a un status xurídico e ao exercicio dun dereito de voto que cada día se asemella máis a unha sondaxe de opinión.

Despois de dous anos anoréxicos, nos que os gobernos de Rajoy e Feijóo ensaiaron perigosos experimentos de adelgazamento do noso estado social, víronse na urxente necesidade de crear cordóns sanitarios que serviran para cercar e acoutar as previsibles ondas de contestación e protesta. Eis a dobre estratexia ideada polo PP para a segunda parte da lexislatura: propaganda redentora para anestesiar conciencias, por unha banda, e xestión do medo prefabricado por eles mesmos ou sobrevido a través de factores que poñen a proba a nosa capacidade de resistencia e subsistencia, pola outra.

Sérvense da crise para trasladar desde as institucións e desde os medios que multiplican o eco ata enxordecer as voces críticas –teñen o sistema mediático español e galego a soldo–, mensaxes edulcoradas coas que xustificar e lexitimar a necesidade de acoutar dereitos e liberdades. Nada como construír para iso un discurso cunha liña argumental que consiste en convencer os cidadáns de estaren gravemente ameazados por unha serie de riscos. A partir de aí, ao tempo que buscan tódolos subterfuxios para gañar tempo en medio da treboada, aplícanse en xestionar o medo.

Vía libre para abrir a caixa de Pandora con iniciativas lexislativas que Rajoy lles ten encomendadas aos ministros Fernández Díaz e
Gallardón. Falan dunha suposta espiral de violencia practicada polos que denominan colectivos antisistema que estarían practicando técnicas de guerrilla urbana. Como salvar a cidadanía dese inimigo interior senón retorcendo os protocolos de represión policial sobre calquera tipo de manifestación ou concentración contra a eliminación de dereitos sociais. Resultáralle ben ao PP instrumentalizar politicamente o terrorismo mediante a perversa, por falsa, teoría do todo é ETA, e queren instrumentalizar
agora os escasos e febles conatos de violencia para aporlle a canto se mova fóra do relato oficial –quérese dicir, o que narran eles mesmos e reproducen como papagaios a inmensa maioría dos medios de comunicación– o sobrenome de antisistema. A técnica, pois, non é nova no currículo gobernamental e partidario do PP. Como tampouco o é no currículo dos servizos de intelixencia, e da policía, que tan ben saben prefabricar escenarios conflitivos, canto máis alarmantes mellor, para condicionar ao seu favor os estados de opinión e así conseguir a benevolencia social cando leven a cabo esa operación que preparan sabendo que ten un difícil, ou imposible, axuste constitucional.

A intención que teñen eses dous ministros, e o presidente que os avala, é a de facelo posible mediante un ben trabado plan de
aterrecemento lexislativo. Velaí os cambios que van endurecer o Código Penal e a lei de axuizamento criminal, ademais da nova Lei Orgánica sobre Protección da Seguridade Cidadá, que entre outras cousas podería incluír como delito de integración en organización criminal alterar gravemente a orde e o chamamento a concentracións de protesta por calquera medio de comunicación, como Internet e as Redes Sociais. Aínda máis. Introducen como delito de atentado contra a autoridade a resistencia activa ou pasiva ante as forzas de seguridade. Por máis que envolvan ese paquete de medidas no celofán salvífico –eis a mesma
denominación do anteproxecto de lei que se tramita no Parlamento español–, en canto sentan nun estudio de televisión amiga non se resisten a confesar o verdadeiro obxectivo: para que os antisistema –en realidade, os colectivos que se mobilizan para deter a sangría no corpo de dereitos– lle teñan máis medo ao sistema.

Con esa carga represivo/punitiva, calquera cidadán que tuitease unha convocatoria do 15M, ou dunha das moitas plataformas reivindicativas creadas como barreiras de contención contra o proceso de deconstrución social, que rematasen en acampada nunha praza ou parque público podería ser considerado membro dunha organización criminal. E tamén podería ser condenado por atentado calquera persoa que simplemente non atenda unha orde policial de abandonar un determinado lugar ou de disolver unha concentración. A sorprendente detención de tres mozos acusados de utilizar Twitter para facer apoloxía do asasinato de Isabel Carrasco, presidenta da deputación de León –dúas vingativas militantes do PP acabaron coa súa vida a tiros– non se explica
se non é nese contexto político/represivo. Á parte de ordenar de motu propio un varrido policial da rede co obxectivo de politizar uns comentarios, certamente noxentos e reprobables, o ministro Fernández aproveita para dar un paso máis nesa carreira por adelgazar, sempre no nome da sacralizada seguridade, o sistema de liberdades, entre elas a de expresión e de manifestación: levará ao novo Código Penal que a utilización das redes sociais para a comisión de delitos xa existentes sexa considerada un agravante. Quérese dicir que polo feito de facer apoloxía a través de Twitter, Facebook, YouTube ou calquera outra rede social, un condenado recibiría unha pena superior que a imposta a un culpable de homicidio. Sen necesidade de modificar o texto legal. Está claro
que queren poñerlles mordazas ás redes sociais.

Tamén utiliza este goberno o argumento do medo para mentalizar sobre outro tipo de riscos que non dubida en converter en ameazas, buscando lexitimar políticas que son incompatibles coa Constitución e cos tratados internacionais de dereitos humanos. Os sucesos de Ceuta e Melilla non son senón o trasunto dun pensamento xenófobo que o presidente Rajoy, primeiro –aquel contrato identitario que nunca se atreveron a reflotar–, e o ministro Fernández, agora, tentan validar apelando á racionalización do Estado social. Que o fenómeno da inmigración sexa preocupante non quere dicir que estea xustificado instrumentalizalo a gusto do consumidor. Neste caso, a gusto dun goberno que en ausencia dunha extrema dereita xenófoba e ultranacionalista acepta e recolle, na súa condición de partido escoba, a quen se autolocaliza nesa zona de sombra.

Todo no nome da seguridade.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011