OPINIÓN

Pés de barro

O panorama non deixa lugar a dúbidas. No brutal salto que está a dar o Estado de Dereito cara ao Estado penal, reaparece o franquismo baixo todo tipo de roupaxes. Enmascaradores uns –moitas das togas e non poucos uniformes. Empoderados e militarizados os outros –españoleando nas feiras de abril ou desafiando con acenos fascistas aproveitando a máis violenta das marchas procesionais. Todo vale contra calquera signo de disidencia. Non só para descabezar e eliminar independentistas en Catalunya, cos axustes finos que a Fiscalía borda e o xuíz Llarena recrea nos seus alambicados autos. Tamén para poñer as liberdades de expresión, información, creación e manifestación aos pés dos cabalos.

      E o máis grave aínda. Esa deriva autoritaria, da que se vangloria este goberno, ten a complicidade do rei, da cúpula do poder xudicial, dos banqueiros e grandes empresarios do Ibex, dos neofalanxistas de C’s, da xerontocracia do PSOE, e dun belixerante sistema mediático que a administra á carta. A raíz franquista e opusdeiana de moitos servidores públicos contribúe a facer o resto. Ás veces váiselles a man, e provocan poeiras que ese bloque compacto se ve forzado a sufocar, pero sen modificar o statu quo. A que asentou sobre o ceo de Catalunya e está a ser cada vez máis visible, e preocupante, alén dos Perineos e do Estreito. A dos pensionistas, para os que de súpeto sacaron diñeiro de onde non había. E nos últimos días, a que levantou a escandalosa sentenza que bonifica os violadores de La Manada.

       Neste caso, para calmar o populacho, prometen un parcheo no Código Penal. Que medo! O do 2015 serviu para que os do bipartidismo estenderan o delito de terrorismo máis alá da ETA, que acaba de facerse un tardío haraquiri. Así é como unha pelexa de madrugada pode comportar ata 60 anos de cárcere para os mozos de Alsasua que están sendo xulgados como etarras. Teño para min que o que acaba escandalizando non é o código, e si a interpretación ideolóxica que dos feitos fagan determinados xuíces. Polo de pronto, é sospeitoso comprobar como a deriva antisocial e autoritaria dos partidos dese bloque compacto –os do artigo 135 e 155– non se viu na maior parte dos casos contrarrestada senón ratificada polos xuíces.

      Llarena, que nunha cea de amigos afirmou que o mellor regalo de Deus é o de nacer español, é o síntoma dese proceder por antonomasia. Pero outros non o deixan tampouco mal. Velaí os que só viron abusos e non violación nos cachorros asilveirados, cun terceiro dos xuíces que os quixo absolver porque o que viu nunha intimidada rapaza de 18 anos non foi unha vítima senón unha adicta que gozou en manda do que describe –a perspectiva propia dun obseso– como un jolgorio.

       Hai que ir á raíz ideolóxica para explicar tanto despropósito. E seguramente tamén ás raíces dun réxime, o do 78, que ten cada vez máis os pés de barro.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011