OPINIÓN

A VÍA PORTUGUESA

A alianza de esquerdas, que lle garante ao goberno do socialista António Costa a estabilidade política que necesita para romper coas políticas de austeridade, está dando a badalada en Portugal. No mundo do brexit, de Trump de Marine Le Pen e de cantos coma ela aproveitan a desfeita que esas políticas produciron nas capas sociais máis desfavorecidas para seducilas e lexitimarse, Portugal convértese nun inesperado baluarte e insubmisión política e  resistencia antipopulista. Tamén nunha sorprendente reserva da socialdemocracia europea, que vive a maior crise da súa historia., talvez porque non foi quen (os casos grego e francés son os máis evidentes) de afrontar unha alternativa dese calibre para Europa.

Demostra que  o proceso de contestación e rexeitamento das ordenanzas neoliberais impostas pola troica é incompatible coa maior baixada de déficit en corenta anos e tamén co crecemento económico (Eurostat). Neste primeiro ano e medio de lexislatura, os portugueses víronse rehabilitados socialmente grazas ao cumprimento das medidas escrituradas polos tres partidos no pacto de lexislatura que botou do poder á dereita e a quen, como Passos Coelho, interiorizou e executou, o mesmo que Rajoy es España, o mandato dos mercados. Demostra, ademais, que esa alternativa pode vir da man das esquerdas, sen que se teña cumprido ningunha das pragas destrutivas que a dereita política, económica e mediática vaticinara urbi et orbe.

Pero o Portugal que renace tras a súa pasada polo inferno da crise, do medo e da desesperanza tamén  dá testemuña da eficacia coa que é posible resistir os embates do populismo que agocha, cunha linguaxe enmascaradora das súas verdadeiras intencións, a extrema dereita europea. Son os partidos de indudable factura democrática, e de esquerdas,  os que en Portugal lideran e fan operativo o movemento de conbtestación que as clases máis desfavorecidas, e unha grande parte da clase media, protagonizan contra as políticas do austericidio. Non abandonaron o seu espazo de resistencia, como sucedeu naqueles paises veciños onde a socialdemocracia cedeu ADN e proxecto emancipador, e impediron desa maneira que ese oco fose ocupado polos émulos de Macron ou de Le Pen.

Cheira mal tanto silencio sobre os resultados positivos en que está dando, da man da alianza de esquerdas, a insubmisión portuguesa. Medo ao contaxio? É o que parece. Pero ese debera ser o camiño. Tamén para España.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011