OPINIÓN

Xustiza, non vinganza

A pregunta que se fai en voz alta Joan J. Queralt, un dos penalistas máis prestixiados, pon os pelos de punta: Deixouse o problema da relación Catalunya/España nas mans dos xuíces para que aplicasen o dereito vixente, ou porque se sabía que innovarían as normas existentes? Á luz do auto co que veñen de ser procesados os máis significados políticos independentistas, outros recoñecidos xuristas apóñenlle ese papel innovador ao maxistrado que o asina, Llarena. A retórica coa que envolve a súa argumentación sancionadora evidencia que pode máis no seu ánimo o vingativo berro do «a por eles» que o fiel co que un instrutor dilixente e honesto mide a dimensión e o alcance dos feitos que xulgar.

O relato do seu auto convértese por iso nunha alegación ficcionada que persegue xustificar o que, movido por ese espírito inquisitorial, o leva nada máis e nada menos que a innovar o catálogo de delitos. Se os feitos non dan para o máximo castigo, porque ninguén viu neles o «alzamento público e violento» que comportaría o delito de rebelión, dramatízaos ata facelos aparecer transidos de violencia. É así como actos de resistencia pasiva nos que o maxistrado deposita toda a carga da proba –as concentracións do 20-S diante da Consellaría de Economía e do 1-O nos colexios electorais– pasan a ter no seu relato a iconografía violenta de milleiros de asaltantes, con reféns e tiros ao aire, ou de dous millóns de cidadáns amosando as súas papeletas coa finalidade de provocar o furor policial.

Fracasado o procés, a estratexia do Estado non se limita a buscar canles de diálogo e negociación para resolver o contencioso. O último auto do maxistrado Llarena, e as ordes/euroordes de detención e encarceramento provisional, confirma os peores agoiros. Non é a persecución dos delitos presuntamente cometidos polos urdidores e xestores do procés o que verdadeiramente se pretende, senón a liquidación dunha opción política tan lexítima como calquera outra, a do independentismo. Sen que importen os atallos. O máis perigoso de todos, aquel que forza estados de excepción –o de Catalunya, co 155 entrando no santuario dos dereitos políticos e cívicos como elefante nunha cacharraría–, encargándolle ao Goberno dos xuíces a persecución e progresiva liquidación do disidente. Independentistas agora, rebeldes de toda condición despois.

Se o auto de LLarena nos escandaliza, a pasividade coa que de Despeñaperros abaixo se segue o acontecer catalá aínda tería que escandalizarnos máis. Porque cando a vinganza substitúe a xustiza, a política e a democracia acaban prostituídas. E todos os demócratas con elas.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011