OPINIÓN

Rato e a decadencia do sistema

O caso Rato afianza as teorías dun réxime en descomposición. Os sete delitos polos que o investiga a Audiencia Nacional configuran un mapa no que as elites políticas e as clases dominantes reflicten, en hologramas perfectamente nítidos, os efectos da súa prolongada exposición ao sol do diñeiro e do poder. A caída do exvicepresidente con Aznar, do expresidente do FMI, do expresidente de Bankia e deseguido consultor ben pagado de Botín, de La Caixa e de Telefónica, ilustra a decadencia dun sistema articulado sobre a avaricia e a falta de escrúpulos das súas clases dirixentes.

Máis alá dos acontecementos que, como na novela Os Buddenbrook de Thomas Mann, describen a viaxe cara ao abismo de quen parecía destinado a completar o xogo de tronos ao que a saga familiar de pertenza destinara diñeiros e confabulacións desde Franco ata Rajoy, o que cobra especial significación non é tanto a detención por unhas horas e o procesamento xudicial e mediático de Rato, que tamén, como a explosión do cóctel política/negocios/relacións sociais que beberon sen freo as elites que agora denominan extractivas. Falando en prata, as elites corruptas e trincadoras. As que viñeron manexando as institucións do Estado para reproducir unha especie de lei seca que servise para desactivar dereitos e aproveitar eses baleiros para os negocios e o enriquecemento rápido. Accedendo ás empresas punteiras que os seus gobernos amigos privatizaron para elas, sempre da man dos banqueiros de etiqueta e consentidos polos grupos mediáticos que recibiran deses mesmos gobernos concesións e frecuencias, hoxe en día ocupadas por esas mesmas elites sociais, políticas e financeiras. E condonándolles delitos e impostos mediante escandalosas amnistías fiscais.

Que o abandonen agora á súa sorte, sendo como foi durante tantos anos a súa principal icona, e que o expoñan ás queimaduras das cámaras e dos micrófonos, entra na lóxica do chibo expiatorio: entregar a Rato aos leóns para calmar as turbas que esixen rexeneración. Para non caeren con el.

 

Unha fosa no Mediterráneo

As institucións comunitarias veñen actuando como se as migracións –os millóns de persoas que abandonan cada ano os seus países coa esperanza de acadar unha vida mellor– foran fenómenos repentinos que emerxen, ameazantes, á maneira dun tsunami. E non. As migracións son fenómenos perfectamente insertos na estrutura dos novos sistemas económicos e políticos. Reflicten o desequilibrio do mundo, as súas desigualdades e inxustizas. Por iso, mesmo cando o Mediterráneo se converte nunha inmensa fosa común á que van parar centos de corpos sen vida, como vén de suceder unha vez máis nas costas de Sicilia e Rodas, a resposta das autoridades comunitarias non pasa de expresar a súa consternación pola traxedia e de anunciar por enésima vez a promesa de máis recursos para a vixilancia fronteiriza. Compaixón corten o paso. A única resposta.

Porén, a inmigración ten un calado social e político moito máis amplo do que un problema humanitario, de ameaza, de delincuencia ou de man de obra. Convertendo a cantos van seguir protagonizando a historia cruel deste éxodo masivo nun gravoso problema de orde pública, os gobernos nacionais da UE non farán outra cousa que cronificar o fenómeno. Por moito que os estigmaticen como se dun exército de soldados famentos e desesperados en actitude invasiva se tratase, milleiros de inmigrantes seguirán xogándose a vida por mar e por terra, aínda sabendo os riscos que corren na travesía. Non doutra maneira tenta xustificar o ministro Fernández a barbaridade das devolucións en quente. Quérese dicir, co sangue das feridas producidas na súa particular cruzada contra os espiñentos aramados de Ceuta e Melilla aínda fluíndo. Nada de asilo, menos aínda se é político, porque veñen de países en guerra ou porque escapan de réximes nos que o odio relixioso ou homófobo están case institucionalizados.

O que se deduce desa conservadora maneira que teñen as institucións europeas de encarar o fenómeno da inmigración non é senón a constatación da inexistencia dunha política común coa que encarar globalmente a complexidade coa que se manifesta o problema migratorio, entre nós e lonxe, e tamén da súa claudicación fronte ás estratexias excluentes dos estados. Un caldo de cultivo, por certo, ben aproveitado por movementos xenófobos, islamófobos e antieuropeístas, que non fan senón reforzaren un discurso de fácil deglución: son os estranxeiros os que estarán abusando dos sistemas de protección social, e para salvagardalo nada mellor que rexeitalos sen miramentos.

Porén, máis alá do que ha ser entendido e abordado na súa complexidade –é un problema global, que supera a UE e aos estados do sur e axiña tamén do leste–, porque obedece a factores igualmente complexos –as condicións de pobreza e desigualdade, de desestabilización política e de persecución relixiosa ou sexual nos seus respectivos países de orixe, como Libia, Siria, Iraq e outros africanos–, como un fenómeno estrutural que os gobernantes dos países de chegada converten en crónico, é prioritario sopesar a traxedia que abre estes días tódolos telexornais do planeta: 700 mortos nas augas sicilianas, un cento máis ás portas de Rodas. Cunha esixencia, a proposta por Amnistía Internacional despois do sucedido dous anos antes en Lampedusa: que as autoridades europeas intensifiquen a súa capacidade de busca e rescate, e tamén a cooperación con outros países do Mediterráneo, en vez de concentrar os recursos en pecharen as fronteiras. Que é xusto o que se negan a facer.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011