OPINIÓN

Pormos os marcos

Xoán Antón Pérez-Lema

A transversalidade e a centralidade como eixos do novo galeguismo

Os grupos e persoalidades individuais adscribíbeis no galeguismo están a vivir un proceso de debate e análise do que podería sai a formulación política do novo proxecto galeguista. Participan deste debate persoas que militaron até hai pouco (noutros casos até hai algún anos) no BNG xunto con outros sen militancia anterior notoria ou mesmo próximos e/ou até de agora integrados noutras forzas políticas estatais.

O debate, arestora, deriva nomeadamente en dúas cuestións esenciais: a orgánica e a ideolóxico-programática. É dicir, a determinación da tipoloxía e fasquia da futura organización política galeguista xunto cos alicerces da súa oferta política e programática á sociedade galega.

Deixar de considerar ao BNG un referente en negativo. Normalizar as relacións co BNG.

É xeralmente coñecido o relativo peso e relevancia que moitos antigos militantes e mesmo antigas correntes do BNG teñen neste proceso de debate, polo que, de primeiras, resulta lóxico en termos psicolóxicos que estas persoas tenten marcar as distancias coa súa pasada militancia e mesmo xustificar as decisións adoptadas nos últimos meses. En non poucos casos mesmo existen tensións anímicas que cómpre ir resolvendo de xeito individual e colectivo.

Mais é absolutamente preciso que o novo proxecto nacionalista poida nacer independizado do BNG como referente en positivo e-máis aínda-en negativo. No proceso político da estruturación deste novo galeguismo partillan e partillarán sectores e sensibilidades que nunca militaron no BNG. E, o que é moito máis importante, a oferta política a definir e concretar tería de se afastar tanto do escisionismo como da consideración de que o BNG é o adversario na desputa dos votos. O novo proxecto nacional requiriría dunha nova mensaxe e cultura políticas e dunha anovada praxe para poder ser competitivo na centralidade do espazo social e electoral galego. E, para competir coa abstención, co PP e co PSOE, a sociedade habería advertir a radical novidade do proxecto e o seu afastamento de todos os actuais modelos partidarios. Doutro xeito, o novo galeguismo sería outra vaca no millo, a desputar os votos da esquerda co PSOE e BNG e non pagaría a pena o inxente esforzo que milleiros de persoas están dispostos a desenvolver.

Ao tempo, urxiría normalizar as relacións políticas co BNG, para que de hoxe en diante ambos os dous proxectos poidan concorrer con pleno respecto e conciencia da estabilidade e permanencia de ambos os dous. As agresións orgánicas e mediáticas só danan a todos.

A transversalidade do novo proxecto

Os axentes deste debate insisten ás veces na pluralidade e existencia de distintas sensibilidades nesta concorrencia galeguista, o que é un feito positivo e evidente. Agora ben, trátase dunha pluralidade creativa e integradora ou existen incompatibilidades na conformación dunha única forza política?

Baixo o foco dos acordos programáticos, semella que a transversalidade daríalle largura e densidade social ao proxecto, sen xerar tensións inaturábeis. Os puntos básicos do programa do novo proxecto nacionalista nos vindeiros anos focalizaríanse na defensa e ampliación do autogoberno, na afirmación política da plurinacionalidade do Estado, na reivindicación dunha Unión Europea federal que mire polos cidadáns e garanta o control dos chamados “mercados”, na afirmación dos servizos públicos e do Estado do Benestar como garantías da inclusión e cohesión social , na aposta polo territorio e polo desenvolvemento sostíbel no marco dunha economía social de mercado, na regulación como garantía dos dereitos e intereses das maiorías sociais, na aposta pola extensión da educación e da innovación tecnolóxica, na reforma local e administrativa…Transformar para construír unha Galicia autónoma e estimuladora do emprendemento social e empresarial que regule e corrixe o mercado para garantir unha sanidade, unha educación, uns servizos sociais e un ambiente natural de calidade. Máis Galicia, máis Europa e menos España. Democracia de calidade, transparencia e afondamento na garantía real dos dereitos e liberdades públicas. Velaí os vectores unitarios.

Importante sería, tamen, transmitir as ideas e solucións galeguistas dun xeito directo, sinxelo e comprensible. E, sobre todo, en positivo. Cumpriria fuxir dos “antis”, das mensaxes en negativo, para amosar a capacidade de concibir, construír e axuntar. Sería preferibel definirmos como pacifistas que como antimilitaristas e, tamén, definirmos a prol da defensa dos dereitos dos consumidores e da regulación da libre concorrencia ca definirmos antimonopolistas.

Semella que unha tal oferta programática, presentábel polo miúdo con máis acento aquí ou acolá, sería asumíbel por moitísimos galeguistas e, o que é máis importante, por sectores moi variados e relevantes da sociedade galega.

A transversalidade, deste xeito, viría garantida pola recondución á unidade de acción programática e de praxe política dunha grande pluralidade de persoas con diferentes sensibilidades que, porén, partillarían un programa e unha acción política comúns. A sociedade require solucións moi actuais e pragmáticas, require moitas veces solucións eclecticas que combinen solvencia técnica e profesional,coñecemento da realidade e pragmatismo alicerzado en valores.Non semella, pois, bo momento histórico para que os dogmatismos arruinen a converxencia.

Mais, mesmo para aqueles que teimen en definirse en clave ideolóxica, o novo proxecto galeguista habería incluir dende o centro-dereita até a esquerda non dogmática.É dicir, nin máis nin menos cá as tres sensibilidades fundadoras do Estado do Benestar europeo (democracia cristiá, radicais e liberais-progresistas e socialdemócratas), canda a sensibilidade pacifista, ecoloxista e feminista do movemento verde que abrollou na Europa e na Galicia dende os anos 70 do século pasado. Só as opcións totalitarias, autoritarias, neocom e, en xeral, de dereita conservadora e de esquerda dogmática haberían ficar “extra muros” do novo proxecto. Como,tamén, as sensibilidades abertamente antisistema.

A centralidade do novo proxecto

Porque fulcral na nova estruturación do galeguismo político habería ser a súa centralidade, non entendida como centrismo ou neutralidade aséptica, senón como proximidade ás pulsións vitais e á evolución social das maiorías sociais, con nomeada atención aos novos sectores sociais emerxentes. E esta vocación obriga tanto a refugar das políticas que só miran polas elites privilexiadas como a refugar dos reducionismos de clase. O galeguismo só pode ser praxe politica de inclusión, cohesión e integración, polo que as visións politicas abeiradas na loita de clases teñen outros lugares onde se desenvolver.

A transversalidade e pluralidade do novo galeguismo non pode ignorar, porén, onde habería estar o centro das súas políticas, malia que tenten integrar a sensibilidades máis sociais, máis liberais, máis ecoloxistas ou máis alternativas. E este centro de gravidade haberíase alicerzar nas devanditas políticas progresistas, de afirmación dos servizos públicos e sociais, de xestión transformadora, eficiente e transparente, de acollida ao emprendemento empresarial e social, de afirmación e ampliación do noso autogoberno nacional. Xusto as políticas que levaron ao SNP escocés, de ter o 13% dos votos no 1974 a acadar hoxe en día a maioría absoluta no actual Parlamento de Holyrood.

Pormos os marcos

Do até aquí dito tírase que a capacidade integradora deste proxecto sería amplísima. E moi potente a súa capacidade de competitividade social e electoral, dirixida aos electores mudábeis, á abstención e voto en branco e nulo e, tamén, ao electorado dos tres grandes partidos, proporcionalmente a cadansúa largura electoral. Velaí que os marcos a pormos haberían ter a flexibilidade de acomodar a base social do novo galeguismo á evolución dunha sociedade moi parella a outras sociedades europeas e, xa que logo, constantemente suxeita a remudas.

Mais ten de haber límites á cualidade do novo galeguismo para abranguelo todo. Xa falamos antes dalgúns deles. En xeral, semella que podería participar todo o que acredite no País e na necesidade de políticas transformadoras e equilibradas. E, pola contra, estarían de máis os que insistan en privilexiar os intereses das elites sobre as clases medias e as maiorías sociais e os que non aspiraran á transformación do actual marco institucional, social e económico, senón a súa radical e integral demolición.

Organización de adscrición individual

Canto a sua autoorganización, desbotada a fórmula frontista o novo proxecto tería varias alternativas: federación de partidos, coalición ou organización partidaria propia.

A solución definitiva haberíase axeitar ás avantaxes e inconvenientes que cada formula presente para garantir a convivencia de todos e a meirande eficiencia institucional e electoral. Mais semella conveniente estudar formulas que posibiliten a disolución efectiva “de iure” e “de facto” de cantos grupos e partidos se integren no Novo Galeguismo para tentar unha organizacion de adscricion individual como garantía da meirande transparencia e eficiencia democráticas. Sen dúbida as distintas sensibilidades agromaran no futuro de xeito cotián ou recorrente, mais esta estrutura de adscrición persoal permitiría priorizar as pulsións cooperativas sobre as centrifugas e por en relación de igualdade e susceptibilidade de traballar en rede a todos os axentes, asociados e partícipes no marco dunha organizacion que habería ser, por forza, moito mais horizontal e participativa ca piramidal e xerárquica. Un proxecto que habería concibirse moi inclusivo e participativo no proceso de analises e recollidas de opinións, moi democrático na adopción das súas decisións e moi executivo e eficaz na real implementación destas.

Conclusión: A institucionalización de Galicia

Este novo proxecto fracasaría se non recollese a experiencia das mobilizacións do 15M e senon mantivese e estruturase unha intensísima capilaridade social. Mais non sería bó que desprezara as posibilidades do marco institucional que é onde, nomeadamente, vai desenvolver a súa acción política. O novo galeguismo habería ser fondamente institucional dende a súa apertura e proximidade sociais e habería tentar facer das Institucións ferramentas participativas, democráticas e eficaces para xerar calidade de vida e benestar público e social.

Os axentes que enfronten o reto de estruturar o Novo Galeguismo desenvolverían un labor difícil, mais apaixoante. E, de moi probábel éxito se fan coexistir os valores de inclusión e cohesión cos de participación e eficacia. Se reconcilian os sectores urbanos e emerxentes coa necesaria potenciación do medio rural e a atención á terceira idade e aos sectores en risco de exclusión. Se saben ser populares sen caer no populacherismo demagóxico.

 

Xoán Antón Pérez Lema

Avogado de profesión. Foi secretario xeral de Relacións Institucionais durante o goberno bipartito, baixo a dirección de Anxo Quintana.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011