OPINIÓN

Máis alá do escándalo

A filtración dos chamados “papeis de Panamá” pon ao descuberto de maneira descarnada a conexión entre o poder, a corrupción e o capitalismo. Vai, xa que logo, moito máis alá do escándalo que comportan as revelacións sobre a evasión fiscal de centos de celebridades e a corrupción de políticos de todo o mundo. Focalizar exclusivamente nesa espectacular nomenclatura todo o que traducen eses once millóns e medio de documentos, detraídos dos arquivos do bufete de avogados Mossack Fonseca e analizados durante todo un ano polo Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación, sería enmascarar en boa medida o que supera a casuística e constitúe unha rede de múltiples e globais complicidades. Poñer na picota mandatarios e políticos pillados coas mans na masa –coas primeiras vítimas preto de nós do primeiro ministro de Islandia Gunnlangsson e o ministro español José Manuel Soria–, ou mesmo centos de personaxes famosos ou de familias podentes, é en si mesmo un exercicio de transparencia, denuncia e profilaxe social. Mesmo pode provocar morbo e regodeo, pero non esgota o caudal de exposición e análise de canto fixo e segue facendo posible esa rede.

A significación da filtración tampouco se esgota no importante tema da evasión fiscal. Entre outras cousas, porque ten pouco de nova. A polémica tanto sobre a persistencia dos paraísos fiscais e a opacidade financeira que aqueles aseguran como sobre as consecuencias, por caso en termos de desigualdade económica, xa vén de lonxe. A investigación LuxLeaks revelou en 2014 que as multinacionais non pagan impostos en Europa grazas ás súas filiais de Luxemburgo. Tamén eran coñecidas as cifras da fraude, uns 200 mil millóns de dólares anuais, segundo os estudos realizados polo profesor Gabriel Zucman, autor do libro A riqueza oculta das nacións. Á parte diso, quedármonos varados nesa perspectiva, no que abundan certamente as filtracións panameñas, non daría pé a algo máis que a monitorizar o que significativos grandes medios de comunicación –por caso, o Wall Street Journal e o New York Times– subliñan estes días a partir delas: que os gobernos son corruptos e que o negocio das empresas offshore vese ameazado por mor do escándalo, o que é ‘unha mala noticia para a economía mundial’ (sic).

Talvez non vaian máis aló eses e outros moitos medios, mesmo algúns dos asociados ao Consorcio Internacional, por razóns que teñen máis a ver coa autocensura –para protexerse a si mesmos e a cantos os protexen e son actores protagonistas da rede societaria e bancaria– que coas rutinas produtivas de información e análise.

O mapa da delincuencia financeira, que ten en preto dun cento de paraísos fiscais espallados por todo o mundo a súa blindada rede de operacións fraudulentas, cando non abertamente criminais, é a fotografía non só da inmundicia e a cobiza de milleiros de estafadores e evasores de impostos, ou a secuencia das imaxes máis porcas da pornografía financeira nas que se retrata o mundo dos ultra-ricos, senón tamén e sobre todo o escenario múltiple no que se manifesta corrupto e podrecido o sistema legal e económico que o facilita e normaliza. Por enriba da casuística coa que nos queren engaiolar os grandes medios de comunicación, o que verdadeiramente traducen os “papeis de Panamá” é, como aducía o recoñecido filósofo esloveno Zizek no último número da revista Newsweek, que “a corrupción non é unha desviación continxente do sistema capitalista global, é parte do seu funcionamento básico”. E o sistema xurídico que lle dá amparo non pode entenderse na súa dimensión máis fundamental senón como a corrupción legalizada.

A realidade que proxecta ese sistema no que o capitalismo financeiro e global ten a súa base alimentadora é a da división de clases. Velaí, como tamén subliña o filósofo, estoutra lección dos documentos filtrados: amosan como os ricos viven nun mundo separado no que se aplican regras diferentes, e no que o sistema legal e a autoridade se inclinan ao seu favor e non só os protexen, senón que sempre están preparados para torceren sistematicamente as leis para acomodalos. Velaí a demostrada capacidade que nese sistema acabou tendo o sector financeiro, pois que é quen impuxo a escala internacional a desregulación financeira e bancaria, abrindo a porta á arbitraxe e á especulación. Sendo os bufetes de avogados como Mossack Fonseca, que traballan cos máis importantes bancos do mundo, os que teñen como misión construír a infraestrutura legal –velaí a chamada industria offshore– para obter os froitos da especulación financeira a escala mundial.

Esas empresas offshore non serven só e primordialmente para a evasión fiscal. Pola contra, serven para todo tipo de actividades, moitas delas relacionadas coa especulación financeira, ademais de ser a plataforma chave para involucrarse no mercado mundial de divisas e para os fluxos de capitais, o azoute de calquera economía.  A estela destrutiva deses fluxos de capital bloquea a posibilidade dunha política macroeconómica anti-cíclica e socialmente responsable. De onde senón deriva o déficit público e as ameazas que penden sobre o Estado de Benestar?

Que a UE debe poñer fin aos paraísos fiscais que alberga no seu propio seo, é indiscutible. Como tamén o é que os gobernos deben negociar un acordo internacional que acabe con paraísos fiscais como Panamá, impoñendo sancións económicas a aqueles países que os manteñan. E tamén situar baixo control público aqueles grandes bancos e aquelas institucións financeiras que dominan o mundo e que lle proporcionan servizos á elite de ricos e corruptos. Porén, o verdadeiro desmantelamento desta rede deberá partir de cuestionar o sistema de raíz, e en concreto o sistema xurídico capitalista e global que legaliza a pornografía e a industria financeira para poñelas ao servizo do capital. Froito todo iso do chamado período neoliberal, que somete o público ao privado, e fai da globalización un exculpatorio de explotación e desigualdade.

Os “papeis de Panamá” teñen a virtualidade de desvelar esa lóxica macabra. Que ten a súa casuística –a das celebridades e a dos políticos evasores de impostos–, pero que se ha de analizar noutra vertente moito máis desveladora da súa raíz (a conexión entre poder, corrupción e capitalismo) e consecuencias: a dun mundo cada vez máis clasista, inxusto e desigual.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011