Tempos Dixital | «Están Ustedes Unidos»
OPINIÓN

«Están Ustedes Unidos»

Fermín Bouza

Eu xa quedara prendado con «Esto que tienes delante» (Grabaciones en el mar, 2007) onde Eladio amosábanos unha estupenda sensibilidade pop con cancións tan redondas como «Al Himalaya» ou «Espanha a las 8″, ademais dunha enorme carga lírica sen necesidades rococó de ningún tipo, facendo as cousas como e mais difícil facelas: sinxelas, fondas e poéticas.

Pois ben, son estas mesmas calidades as que fan que «Están ustedes unidos» (Esmerarte / Altafonte, 2011) estea sen dúbida algunha entre os discos do ano para un servidor.

Desta vez Eladio (Eladio y los seres queridos) ataca cun disco que soa a clásico canción por canción, e que trae lembranzas do mellor Antonio Vega, mostrando unha bagaxe tan potente como o espírito de incerteza que rodea as cancións do álbum. Incerteza tal vez provocada polo contraste dun mundo interior en certa calma rutineira, que é o de Eladio, que anda baténdose en duelo cun mundo exterior que corre a toda velocidade e onde a telebasura repártenos o opio necesario.

"Están Ustedes Unidos"

O disco abre con «La cruz», un corte con mais escuridade da esperada e mais electrónica da prevista, cunha letra hermética que basea o seu encanto na paradoxal frase » yo soy un suicida enamorado de la vida», perfectamente en sintonía coa sucesión de acordes en tonalidade menor. Un xa sabe neste intre que está a escoitar algo especial pero é que, ademais, o disco non deixa de medrar cualitativamente en ningún intre, dende a reflexión identitaria de «Están ustedes unidos», á mordaz e, ao mesmo tempo, tenra «Miss Europa», onde Eladio recupera un aire folk que muda en “bluegrass” de estadio para «Con el corazón en la mano», o tema máis rabioso do disco, que reza: «No sé que estamos haciendo, no se que está pasando, no sé si estamos ardiendo o algo se esta quemando». Sen esquecer «Las madres estan cansadas», a marabillosa nana para as nais que pecha o repertorio. Tamén hai unha magnífica versión en galego do seu «clásico» (para min éo) «No quiero perderte», que xa formou parte do primeiro L.P cantado na lingua de Cervantes e que agora muta en «Non quero perderte» sen despeitear demasiado os espíritos esquizofrénicos que aluman o noso cerebro de neno que aínda se atreve a soñar en horario laboral.

En fin, odio as críticas de discos que son mera enumeración adxectivada das cancións, pero cando un álbum ten tantas delas dignas de mención coma o de Eladio, e pouco doado fuxir dise cliché. So direi que Eladio é unha referencia indispensábel da escena pop galega e un autor de cancións maiúsculo que ninguén debería deixar de escoitar e que nunca debería deixar de escribir.

 

Fermin Bouza Pena

Cantante e guitarrista no grupo donostiarra Correos. Crítico musical en Tempos Dixital
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011