OPINIÓN

Estamos a sufrir en silencio excesivo e sen saber até cando

Os que nos formamos aprendendo dos escritos de Xaquín Álvarez Corbacho, os que tivemos a oportunidade de traballar con el, e os que aínda o acompañamos, de vez en cando, para tomar un café en Compostela, agora que a política municipal cobra especial relevancia pola proximidade dos comicios electorais, agradecemos o seu novo libro.

O ensaio «Educación democrática ou barbarie», publicado por Edicións Laiovento, nace «para coñecer mellor a economía municipal e para reforzar a educación democrática».

O que fora alcalde de O Grove, catedrático de economía aplicada da Universidade de A Coruña, e membro do Consello de Contas de Galicia, comenta con detalle, no libro, a distribución das subvencións autonómicas aos concellos. E rememora que ese foi obxectivo prioritario cando asumiu o cargo de conselleiro da área de corporacións locais. De feito, o primeiro informe analizou as subvencións entregadas polas diferentes consellerías nos exercicios 1998-1999, incorporando os datos nunha táboa que molestou a unha parte do pleno da Institución. O informe non sería aprobado, pola negativa de retirala. Sen embargo, despois de varios plenos consensuouse eliminar a táboa, pero incorporando como anexo as contías e concellos beneficiarios.

Cando se fixo público o informe, Xaquín escribiu un artigo no xornal El País (cadro incluído) onde se amosaba que os concellos gobernados polo PP recibiron o 92,3% das subvencións da Xunta (tamén do PP). A resposta foi o silencio parlamentario, do Goberno e da sociedade. Esta labazada permitiulle entender mellor a dimensión do problema e danos derivados cando fracasa a cultura democrática.

A obra examina tamén outras cuestións de rabiosa actualidade, como a crise demográfica, os problemas do financiamento, as vellas políticas das deputacións, as miserias que xorden cando o urbanismo non está e as urxencias dunha nova planta municipal. Problemas básicos que, en palabras do autor, «estamos a sufrir con silencio excesivo e sen saber até cando».

Porque, a estas alturas da película, preocupa, e moito, a obsesión interesada do Goberno do Estado polo equilibrio orzamentario, que debilita ao municipio, como tamén o fai o reforzamento do papel das deputacións en detrimento dos concellos; así como a inactividade da Xunta de Galicia e a preguiza da Federación galega de municipios e provincias, para diagnosticar e se enfrontar aos verdadeiros problemas que afectan ao municipalismo galego.

Pero, como di o «peixe intelixente» que figura na portada do libro «os concellos abrirán camiño». Porque é no municipio onde reside a forza dos pobos libres. E porque, os concellos, son a mellor escola de convivencia democrática. Xa o dicía Alexis de Tocqueville e o repite, sempre, Xaquín Álvarez Corbacho.

 - Domingo Guerra é Economista e especialista en economía pública e política económica pola USC.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011