OPINIÓN

Esquerda Nacionalista

Paulo Carlos López

Teño que admitir que comecei en Esquerda Nacionalista por reacción. Estaba en segundo de carreira, e con pouco máis de catro anos de militancia no Bloque, chegara á conclusión de que a única forma de intentar transformar o BNG era organizándose internamente: a sinxela premisa de achegarse aos e ás que pensan de xeito análogo a ti, nas coordenadas do nacionalismo cívico e da esquerda democrática.

Ou o que é o mesmo, facer país cun plantexamento progresista en contraposición a postulados dogmáticos e herméticos. Estabamos a finais do 2005, e un pequeno Citroën Saxo verde (creo lembrar) chegara un chuvioso día a Betanzos. Da súa parte de atrás saíu Xoán Bascuas, que cun lixeiro apretóns de mans saudoume de xeito efusivo. Coñecíao dunhas xuntanzas do “Sí crítico” á Constitución europea e dalgunha que outra noite por Compostela. Sinceramente, os alí presentes non tardaron moito en facerme asinar a ficha para entrar a formar parte das súas xuventudes. Xa tiña referencias de Esquerda Nacionalista dende pícaro, por meu irmán Xabier, que militaba dende o momento en que Flor Maceiras llo pedira naquelas maratonianas asembleas en Bergondo. Eran outros tempos vaia; daquela, sendo eu adolescente, escoitaba falar e falar da Asemblea da Coruña, de traizóns, de expulsións, de candidaturas, de reproches, de abandonos. Seica Esquerda Nacionalista quedara tocada de morte, aínda que logo o tempo diría o contrario. O partido de Beiras sen Beiras. Cousa curiosa: Esquerda Nacionalista fundárase no ano 1992 ideoloxicamente a medida do que fora líder do BNG naquel momento, coas premisas básicas dun nacionalismo con vocación de goberno e aberto á sociedade.

O tempo proseguiu, e teño que admitir que a miña militancia en Esquerda Nacionalista foron os meses máis proveitosos da miña curta experiencia partidaria: viaxes por todo o País e os magníficos discursos do mestre Antonio Oca mesturábanse con leccións maxistrais de moitos compañeiras e compañeiros que facían do partido unha auténtica escola de formación de cadros. En maio de 2006, logo da V Asemblea Nacional, seguimos a traballar politicamente para recompoñer unha organización que aínda arrastraba as consecuencias das traumáticas baixas de facía uns anos e non era quen de incidir o suficiente nun BNG na Xunta de Galiza. Por cuestións do destino, un ano máis tarde, asumín a Portavocía da súa organización de mocidade, nun momento tamén fortemente convulso: en poucos meses a xente moza decidíramos acompañar a algúns dos nosos maiores, escindirnos e formar o Espazo Aberto, e logo, o Espazo Socialista Galego. Visto con perspectiva, dende logo, podiamos ter actuado doutro xeito ben diferente, pero daquela existía unha tensión latente que, ou ben se resolvía, ou ben mandaba para casa a varias xeracións de socialdemócratas galeguistas. Separarnos para logo volver xuntarnos en Máis BNG, logo Máis Galiza e o que veña. Dende logo, si, foi necesario.

O día 14 de abril Esquerda Nacionalista celebra en Compostela un xantar con sabor a despedida, no que estaremos todos e todas os e as que algún día pasamos pola súas filas. Ponse fin, baixo a fórmula de «conxelamento de siglas», a 20 anos dun partido que estivo chamado a liderar un cambio no nacionalismo galego dentro do BNG e que por diversas circunstancias do que todos e todas somos culpables, non foi así. Ou si. Quen sabe. Lonxe queda o abril do ano 1992, no salón de actos do Instituto Xelmírez I de Santiago de Compostela, onde se celebraba a Asemblea Constituínte dunha nova organización política que nacía no seo do BNG. Os seus trazos máis característicos eran os da asunción dunha concepción cívica de nación, o da aposta pola independencia nacional en forma de República dentro do marco europeo e dun modelo que apostaba polos dereitos individuais, pola democracia participativa e pluralista, ademais da defensa do reintegracionismo lingüístico. A súa militancia nutríase maioritariamente de independentes do Bloque e moitos ex do PSG, querendo EN herdar a súa visión de país. De aí o lema que moitos dos seus dirixentes acertaban a dicir e que tomarían dos pexegos: «os socialistas galegos somos nós».

Algúns poden pensar que isto é un acto de derrota colectiva e de certificación dunha defunción; de baixar o telón, de apagar as luces e de darse apertas de despedida antes de marchar para casa. Nada máis lonxe da realidade: Esquerda Nacionalista, agora en Máis Galiza, o que significa, moita da súa xente, da que está, da que estivo, subxace máis viva que nunca. O única que cambian son as siglas. Que máis ten! Ao fin e ao cabo, os partidos fanos as persoas e o que perdura no tempo, o que agroma, o que arraiga, son as ideas, as políticas, os sentimentos. E as arelas dunha Galiza máis libre, máis xusta e aberta ao mundo estarán sempre presentes. Agora, o que moitos e moitas de nós anceiabamos como Esquerda Nacionalista, como Espazo Socialista Galego, como Máis Galiza teremos a oportunidade de levalo a cabo. Ponderar o noso peso real nas urnas. A peito descuberto.

Parabéns por estes 20 anos, Esquerda Nacionalista.

Paulo Carlos López

Xornalista, politólogo e investigador. Doutorando en comunicación política.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011