OPINIÓN

A pedagoxía de Conde Roa

Xesús Veiga

Se a “prima de risco” é unha medida técnica que rexistra –nos mercados financeiros- a diferenza do nivel de confianza da débeda española a respecto da alamana, habería que inventar un indicador que servira para expresar a distancia existente entre as prácticas dominantes nos sistemas políticos que conviven no actual mapa da UE. As comparacións resultarían demoledoras: mentres que en Alemaña –gobernada por un partido inequivocamente conservador- un presidente da República dimite por recibir un préstamo bancario en condicións vantaxosas e un ministro de Defensa abandona o cargo porque se descobre que a súa tese de doutoramento é unha copia de anteriores traballos académicos, aquí o partido teoricamente afín – mesmo na explícita reivindicación da súa preferencia relixiosa- traslada ao territorio xudicial o baremo definitivo para administrar os ceses ou dimisións dos seus cargos institucionais.

O “affaire” Conde Roa é a penúltima demostración da lóxica que habita no universo do PP. Imaxinan vostedes que sucedería se o alcalde de Berlín ou o de Frankfurt recoñeceran non ter ingresado na Facenda Pública case 300.000 euros cobrados en aplicación do IVA? Cantas horas durarían nos seus despachos? Non sería preciso agardar polas vicisitudes xudiciais porque os seus xefes políticos –da CDU, do SDPD e dos demais partidos parlamentares- non tolerarían demoras derivadas das hipotéticas habilidades técnicas dunha boa –e cara- equipa de avogados. Pero Santiago – e Galiza e o Estado – son sitios distintos. Tanto que mesmo non suscita reproche mediático a utilización feita por Conde Roa das dependencias municipais para comunicar os argumentos da súa defensa xudicial. Se ademais da ética rexeran os criterios da estética, a comparecencia do presunto delincuente tería lugar na sede do PP ou nun recinto privado porque as actividades que provocaron este escándalo foron realizadas na súa condición de promotor inmobiliario. A perversión de confundir o público co privado –co gravísimo correlato de subordinar o primeiro ao segundo- segue presente nunha boa parte da elite política gobernante.

E para completar o cadro dos despropósitos, o episodio protagonizado polo actual alcalde de Santiago coincide coa aprobación dunha amnistía fiscal –a pesar de que o ministro Montoro gosta de practicar os xogos verbais e fala de “regularización”- para os que teñen agachados millóns de euros e co inicio da campaña anual de tributación polo IRPF. A pedagoxía non pode ser mais irritante: mentres os asalariados somos requiridos a cumprir coas nosas obrigas fiscais –xa saben:”Facenda somos todos”- ábrense as portas para recibir –ao módico gravame do 10%- a unha parte dos fillos tránsfugas que preferiron disfrutar deses paraísos onde o diñeiro é o principio e o fin de todas as cousas. Conde Roa quería formar parte desa nómina de fuxidos que regresan á legalidade coa discreción que desexan. Non tivo sorte. Foi descuberto a tempo e por iso botou man do plan B: facer pública defensa da xudicialización da política e ditar el mesmo a sentenza. É inocente porque seica non tiña intención de defraudar. Xa veremos o que din os xuíces profesionais pero mentres tanto, é moito pedir que se comporte como se fora un alcalde alemán? Se aceita que Merkel sexa a guía fáctica do modelo de construción europea, por que non se aplica esa filosofía con todas as consecuencias?

Xesús Veiga Buxán

Profesor de Económicas na USC. Membro do Consello Nacional do BNG, foi deputado do Parlamento Galego e asesor económico da Vicepresidencia durante o goberno bipartito.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011