OPINIÓN

A fraude nas débedas públicas

O argumento que utilizan cantos se amosan contrarios a flexibilizar as condicións que a troica lles impón aos países bebedores, retorcéndoo a conciencia en relación con Grecia, é que deben pagar as consecuencias dos dispendios cometidos antes da crise. Que han ter que aceptar o castigo que merece a súa irresponsabilidade. Con ese látego político alimenta o goberno alemán a eurofobia dos seus compatriotas, que apoian maioritariamente ese difamador discurso nacionalista. Porque as débedas públicas dos países do sur –a grega estaba en decembro último no 176 por cento do PIB, a portuguesa no 131,5 por cento e a española no 97,7 por cento– non acabaron converténdose na soga do aforcado por unha enfermiza tendencia ao suicidio, nin porque gregos, portugueses e españois acabaron bébedos e perderon o sentido gastando o que non tiñan nos casinos do vicio. O groso de tan elevadas débedas explícase fundamentalmente porque foron as vítimas propiciatorias dunha estratexia especulativa ideada e desenvolvida con éxito polos bancos alemáns que con tanto ardor guerreiro protexe a señora Merkel e polos bancos doutros países prestamistas.

Prestixiosos economistas críticos, historiadores e investigadores dos sistemas empresariais e financeiros contradín nos seus estudos o argumento da irresponsabilidade como a causa que non só explicaría a profunda depresión sufrida polas cidadanías deses e outros países do sur europeo, senón que tamén xustificaría as receitas neoliberais impostas pola troica sen ningún tipo de miramentos humanitarios e sociais. Aluden en primeiro lugar aos antecedentes do drama: os grandes grupos económicos europeos conseguiron establecer un modelo de unión monetaria moi imperfecto e asimétrico que deseguida reproduciu e agrandou as desigualdades orixinais entre as economías que a integraban. Amais diso, e grazas á súa gran capacidade investidora e ao poder dos seus respectivos gobernos, conseguiron facerse con grande cantidade de empresas, mesmo de sectores enteiros dos países da periferia, como España. Dando de si fortes déficits industriais nestes últimos e superávit nos países do norte e sobre todo en Alemaña. En paralelo, os sucesivos gobernos alemáns concentraron aínda máis a renda no cume da pirámide social, incrementando o seu xa alto nivel de aforro.

Que sucedeu cando a crise chamou ás portas de Europa e acabou poñendo de xeonllos os países, pobos e cidadáns da periferia empobrecida? Que os bancos alemáns aproveitaron as inxentes cantidades de diñeiro das que dispoñían nese momento –uns 700.000 millóns ata 2009, segundo o Banco Internacional de Pagamentos– e usárono non para mellorar e reequilibrar o mercado interno alemán, senón para financiar a débeda dos bancos irlandeses, a burbulla inmobiliaria española, ou o endebedamento das empresas gregas. E para especular, o que fixo que a débeda privada se disparase na periferia –a débeda española ao comezo da crise era maioritariamente privada. Cando estourou a crise financeira, tamén os bancos alemáns se resentiron, pero conseguiron que a súa insolvencia, en vez de manifestarse como resultado da súa imprudencia e irresponsabilidade, a presentaran como o resultado do dispendio e a débeda pública dos países nos que operaban os bancos aos que eles lles prestaran diñeiro a cachón.

O que veu despois é de libro para quen, como o goberno presidido pola señora Merkel, o FMI e o Banco Europeo que a dirixente alemá veu controlando ao seu antollo (entre outras cousas para impedirlle que cortara de raíz os ataques especulativos contra a débeda da periferia), teñen por doutrina a ortodoxia neoliberal para salvarse eles e os axentes estratéxicos de poder aos que protexen en medio das grandes treboadas. Por caso, rescatar bancos para que non caian no remuíño do dominó, a mellor maneira de garantir non a posta a salvo das cidadanías dos países máis indefensos, senón para asegurar que os diñeiros prestados a través dos gobernos da periferia saneen a insolvencia dos seus respectivos bancos nacionais e os bancos alemáns recuperen axiña o que lles prestaran. E cos rescates –como o que se concertou entre a troica e o goberno de Rajoy, que colgou sobre as costas de todos o que finalmente custou resucitar Bankia e desfacerse de Caixa Galicia, a máis escandalosa das operacións político/financeiras habidas na Galicia dos últimos corenta anos–, o austericidio, que devolveu sociedades como a española, a grega, a portuguesa, e mesmo a irlandesa e a italiana, a tempos pretéritos de desigualdade e pobreza crónica que pensabamos superados.

Non é estraño pois que o economista Stiglitz, premio Nobel de Economía 2001, afirmara recentemente, en medio do embrutecido proceso de negociación entre Bruxelas/troica e os novos dirixentes helenos, que “o problema é Alemaña, non Grecia”. Que gobernos como o español e o portugués estean aliñados neste momento cos do látego e non cos da flexibilidade –pola que avogan aínda que sexa en voz baixa Francia e Italia– non ten outra explicación que a da submisión ao que con verdadeiro entusiasmo viñeron acatando sen outra compensación que a de ter certos privilexios político/partidarios en medio da posta en escena e da liturxia protocolaria nas que tan ben se moven os ortodoxos que miden a súa capacidade de influencia e poder a través dos dogmas nos que se afianza a ideoloxía neoliberal.

As outras causas da débeda pública nos países periféricos nunca terían dado nas porcentaxes, algunhas delas xa case inmanexables, de non ser polo que queda explicitado. Certo que detrás está a moi baixa presión fiscal neses tres estados do sur, que carga sobre as rendas do traballo e permite o escamoteo de case o 75% das rendas do capital, unha situación que se agravou coas políticas de axuste impostas durante os anos da crise. Outra causa está ligada a que se trata de estados que importan máis do que exportan, sufrindo por iso balanzas de pago claramente deficitarias. Porén, é nas causas externas xa citadas onde van engordar as débedas, que en España agrandou precisamente por mor de ter transferido ás arcas públicas unha parte moi relevante da débeda privada dos bancos.

Flexibilizar a devolución desas débedas non sería senón un acto de xustiza para coas poboacións que padecen as súas consecuencias coas carnes abertas, feridas, humilladas e empobrecidas non porque vivían por enriba das súas posibilidades, ese mantra propagandeado polo poder valéndose da complicidade cos medios de comunicación, senón porque foron os pagáns da especulación financeira. Flexibilizar o proceso e as condicións impostas no seu día pola troica é o pago por semellante irresponsabilidade.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011