OPINIÓN

Reféns da corrupción política

Somos, por activa e por pasiva, reféns da corrupción política. A política vive por mor diso as súas horas máis baixas. E con ela, a democracia, que non garante a honradez na xestión pública. Unha especie de pandemia continental, española e galega que a Comisión Europea vén de denunciar. Lonxe de recoñecelo, e de render contas nun saudoso exercicio de autocrítica e rexeneración, os partidos bloquean tódalas vías –as xurídicas, as administrativas e tamén as propiamente políticas– de osixenación democrática. O PP, que ten na Gürtel, e nas tramas galegas que toman dela métodos e patróns en miniatura, o seu máis endiañado verme destrutivo, non só tira balóns fóra –inutilmente, como se encarga o xuíz Ruz de demostrar un día si e outro tamén–, tamén riza o rizo inventándose atallos para redondear o monopolio do poder, facéndose así impermeable á acción da xustiza e dos máis altos tribunais. Non ten capacidade o PSOE, que vén do frío e arrastra a cruz dun pasado non precisamente exemplar, para abortar esa progresiva apropiación das institucións, convertidas así nos burladeiros da dereita española -e galega.

Velaí como a pesar da Gürtel -que ten a súa conexión galega na ramificación pontevedresa de Pablo Crespo e máis tarde, en 2006 xa con Feijóo á fronte do PPdeG, do ex xerente Modesto Fernández aos conseguidores en negro do empresariado que máis contrataba coa administración autonómica-, e a pesar das máis enguedelladas tramas de corrupción nestes pagos –da unipersoal montada por Baltar durante vinte anos en Ourense, e das que seguiron no resto do país cos nomes de Arena, Orquestra, Muralla, Retablo, Carioca, Campeón, Pokémon, Patos…–, nin o PP nin o PSdeG moven ficha, escudándose na presunción de inocencia xurídica –que non política– dos seus moitos imputados.

Supeditan a estabilidade das institucións á seguridade das respectivas organizacións. De maneira especialmente perversa, o PP, partido que monopoliza en moi alto grao o poder en España –o lexislativo, o gobernamental, o xudicial, o mediático–, e tamén en Galicia, limitando así o exercicio real da democracia. E por iso, limitando tamén a capacidade de participación e de control sobre o funcionamento dos partidos, que non se verán por iso forzados, obrigados, á rendición de contas. O caldo de cultivo no que se fan máis frecuentes as desviacións de poder. A corrupción, en definitiva, nas súas múltiples variables. Iso, e as moitas lagoas que ten a lexislación española e galega ao respecto, é o que agranda as marxes de impunidade que a sociedade detecta e rexeita –no último Barómetro Global da Corrupción aparece España como o segundo país do mundo no que máis empeorou a percepción sobre a corrupción, e tanto a  Enquisa Social Europea como o último barómetro do CIS no que a corrupción ocupa o segundo posto entre as preocupacións dos españois. Sen que os dous grandes partidos, e cantos están nos cuarteis de mando, se dean por sabidos. Malia verse tamén relegados nesas e noutras sondaxes, nas que aparecen claramente penalizados.

Existe un moi amplo consenso á hora de apuntar causas de fondo que permitan explicar a fenomenoloxía da corrupción en España e Galicia. En primeiro lugar, a estrutura dos partidos políticos e o seu financiamento. A necesidade de recursos económicos para afrontaren os sucesivos procesos electorais aumentou a voracidade dos partidos, que non escatimaron fórmulas para cubrir los altísimos costos de campañas absolutamente desproporcionadas. Lonxe de concordar normas de transparencia e control público, o que fan é blindarse tras o Código Penal como única ferramenta para sancionar as condutas ilícitas. Unha estratexia que, como estamos constatando, derivou no espectáculo de políticos imputados e mesmo condenados en diversas instancias xudiciais que dirixen concellos ou ocupan escanos parlamentarios.

Non é de recibo. Enmascarar baixo o disfrace xurídico da presunción de inocencia o que politicamente non ten xustificación, e por iso demandaría dimisións ou cesamentos nas institucións que presuntamente traizoaron, non fai outra cousa que amortecer interesadamente o golpe á custa do desgaste que inevitablemente se produce nelas. Porque os tempos da xustiza e da política non teñen por que coincidir. Máis ben, todo o contrario. Sobre todo nun país no que os procesos xudiciais teñen recorridos sorprendentemente lentos e longos, o que comporta en moitos casos carpetazo por prescrición. Velaí a degradante imaxe dun parlamento como o de Valencia no que unha cuarta parte dos deputados, todos eles do PP, están imputados. Ou a do concello de Santiago, no que a imputación pesa como unha lousa sobre o alcalde e boa parte do seu equipo de goberno.

A lei de Transparencia xa aprobada, primeiro, e a proposta que o goberno de Rajoy vén de levar ao Parlamento para afrontar a corrupción, agora, son iniciativas forzadas polo estado de opinión que pon partidos e políticos aos pés dos cabalos. Porén, chegan sen consenso. Sen dúbida, polo medo que ten o PP –e por extensión, o PPdeG– a verse obrigado a abandonar a estratexia enmascaradora que tan bos resultados lle veu dando até agora. Explícanse así as lagoas que se observan nos seus respectivos articulados, moi especificamente aquelas que tocan de cheo os partidos e gobernos por eles apoiados –por caso, a lei de transparencia non consagra o acceso á información como un dereito e o órgano de vixilancia dependerá directamente do goberno, que pode seguir escudándose no silencio administrativo cando queira ocultar responsabilidades. É un gran avance o de prohibir as condonacións de débedas e tamén as doazóns de particulares, pero o gozo nun pozo se as fundacións dos partidos seguen a ser a porta traseira que permite burlar as restricións da lei, e se non se lle outorga ao Tribunal de Contas as competencias de inspección e independencia que necesita para manter a finanzas dos partidos a raia.

É o que sucederá se a proposición de lei non varía o seu articulado na tramitación parlamentaria. É preciso manter activada a vixilancia e facer presión para que os partidos da alternancia non eludan a radicalidade moral e política que lles demanda a sociedade contra a corrupción -a que radica na estrutura das organizacións e a que radica na ambición desordenada de cargos públicos-. Empezando xa por excluír imputados e sancionados das institucións e das listas electorais. E seguindo por unha lexislación que someta a partidos e políticos á transparencia e a rendición de contas.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011