OPINIÓN

O custe da democracia

Xesús Veiga

Teoricamente, o debate sobre política xeral que se celebra anualmente no Parlamento galego constitúe –xunto coa discusión dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma- unha das citas mais relevantes da actividade desta institución básica do autogoberno do noso País. Nesta ocasión, o que escoitamos e vimos non se compadeceu con esa importancia que cabe atribuír a tal evento.

Colocado ante a ruda realidade dunha economía que non ofrece ningún síntoma serio que permita pensar no comezo dunha dinámica expansiva e ante o gravísimo panorama que debuxan as cifras do desemprego e da progresiva perda de benestar que están experimentando sectores da sociedade galega que ate agora non coñecían, en carne propia, as feridas da crise, o presidente da Xunta optou por deseñar unha espectacular e inesperada fuxida para diante. A primeira parte de semellante estratexia tivo como protagonistas sorprendentes a dous cativos concellos –Oza e Cesuras- que foron obxecto da voracidade mediática presidencial sen que existira constancia previa de que os seus gobernos estiveran traballando nun horizonte de fusión de ambas entidades administrativas. A tan invocada autonomía municipal ficaba perdida na axenda “ad hoc” establecida polos asesores de Núñez Feijoo: o importante era conseguir a primacía nos titulares dos telexornais e das portadas. Todo o demais resultaba secundario.

Pero había algo mais no caixón da retórica do presidente: o anuncio da eliminación do Consello Económico e Social e do Tribunal Galego de Defensa da Competencia así como a desaparición dos tres vicevaledores adscritos á figura do Valedor do Pobo. A razón utilizada para promover esta poda na arquitectura institucional galega foi o aforro –aínda non precisado na súa contía específica- que se conseguiría na partida de gastos de funcionamento da Comunidade Autónoma. Esta programada exhibición de austeridade estivo acompañada do estrondoso silencio que gardou Alberto Núñez a respecto da eventual supresión das Deputacións provinciais a pesar de que unha operación desa natureza suporía, previsibelmente, unha diminución de maior consistencia no gasto público. De dúas unha: ou a calculadora presidencial estaba averiada ou foi programada para salvar da queima a eses viveiros de clientelismo político que tan ben coñecen os dirixentes do partido da gaivota.

En calquera caso, a proposta formulada no pazo do Hórreo revela unha preocupante concepción do propio funcionamento do sistema democrático porque esas institucións que se pretenden anular total ou parcialmente foron creadas para facer efectivas unha maior participación do tecido social na vida política e un control mais acaído das prácticas económicas que aseguran a vixencia do principio da libre competencia.Unha democracia de calidade non é gratuíta.Ten un custe económico que, sen dúbida, debe ser permanentemente revisado para garantir o uso eficaz e eficiente dos recursos públicos. Pero unha cousa é salvagardar as obrigadas boas prácticas na xestión das institucións e outra moi distinta é desfacer unha parte do edificio para buscar, a calquera prezo, a imaxe de gobernante austero que logo non se acredita cando se trata de facer fronte ás inercias pouco democráticas que habitan noutras instancias perfectamente prescindíbeis.

Xesús Veiga Buxán

Profesor de Económicas na USC. Membro do Consello Nacional do BNG, foi deputado do Parlamento Galego e asesor económico da Vicepresidencia durante o goberno bipartito.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011