Tempos Dixital | «Cómo hacer crac»
OPINIÓN

«Cómo hacer crac»

Fermín Bouza Pena

O último traballo do «crooner» asturiano chámase «Como hacer crac«. Nunha primeira escoita, un dáse de conta que son as mesmas pantasmas de sempre as que flutúan polo universo de Vegas: culpabilidade, indefensión, derrota, tenrura… En definitiva, unha visión escéptica do ser humano que comeza dende si mesmo.Dende logo a prosa poética mana de Nacho sen falta algunha de musa nese marasmo de derrota persoal que neste traballo tamén engloba ao mundo, e máis concretamente a España: «se anuncia alegremente hoy una nueva guerra en toda la prensa neoliberal». Así reza unha das frases máis grandilocuentes de «La fiesta», terceiro corte deste breve pero intenso álbum no que, como xa comentei, a reflexión íntima do autor prima sobre todo, pero que ten o punto de mira posto nas dobres morais que asolagan a nosa cultura, e por suposto, na nova- vella dereita que ilumínanos dende o TDT. «En mi nueva vida» amósanos claramente ese espírito xeral do disco, no que a redención é unha arma de dobre gume que pode conducirnos á hipocresía e ao cinismo.

Dende a primeira canción podemos escoitar unha frugalidade na produción do disco, cousa que o diferenza levemente do son conseguido no seu recentísimo «La zona sucia» (Marxophone, 2011), onde as cancións medran dende ambientes moi pequenos ata puntos épico-dramáticos.

 Neste «Como hacer crac»(Marxophone, 2011) o son procurado para as cancións está mais preto do acabado confesional do seu xa clásico «Actos inexplicables»(Limbo starr, 2006).

 A conclusión é que Nacho Vegas segue a ofrecer o mesmo aliño e a mesma ensalada, algo que nalgúns casos podería ser negativo, pero no seu é máis unha virtude que me obriga a recomendarvos que, se sodes seguidores seus, non tardedes en recoller esta nova colleita que non defraudará, e se aínda non vos achegáchedes ás súas cancións non teñades problema, nunca é un mal momento para achegarse porque a súa coherencia e talento permanecen intactos para os novos navegantes.

 Iso sí, unha advertencia, na derradeira pista do álbum «Dos bandos», Nacho dinos en ton gospel/irónico: «Siempre hay dos bandos, siempre hay dos bandos, dime si estás en el que estoy yo. Siempre hay dos bandos, uno el vencido y otro el vencedor»…Ti en que bando estás?.


Fermin Bouza Pena

Cantante e guitarrista no grupo donostiarra Correos. Crítico musical en Tempos Dixital
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011