OPINIÓN

Estratexia reaccionaria

A condena do rapeiro Valtonyc, o mesmo que os procesos seguidos con anterioridade contra os tamén músicos Pablo Hesel e La Insurgencia, contra os titiriteiros de Madrid ou contra os tuiteiros Strawberry e Cassandra –á que o Supremo vén de declarar absolta–, deriva ao meu ver dunha pésima comprensión do exercicio da liberdade de expresión. Non é raro escoitar ou ler, mesmo nalgunha sentenza, que ese dereito hase exercer nos límites do decoro e do bo gusto. Entenderíase, pois, exclusivamente como o dereito a dicir ou expresar só ideas agradables. As que non cheirasen mal e por iso non molestan. Sendo así, non merecería figurar como un dereito fundamental e inalienable nos tratados internacionais e nos textos constitucionais de medio mundo.

Pero non. A liberdade de expresión comporta o dereito a disentir. A provocar. A molestar. Comporta expresar opinións non necesariamente compartidas por aqueles que mandan ou teñen poder de decisión no espazo público. Por caso, a opinión dun artista plástico que decide darlle a unha vintena de encarcerados a condición de presos políticos. Aos ollos do ministro Catalá, a obra do artista Santiago Sierra que o presidente de Ifema censurou e ordenou retirar da feira de Arco é «un delito político» porque pon en cuestión a independencia da xustiza. Se o cree así, non sei por que non demanda aos que veñen de presentar en Bruxelas o ránking da independencia da xustiza en Europa, no que España ocupa o cuarto peor posto, só por diante de Bulgaria, Croacia e Eslovenia.

O secuestro do libro «Fariña», unha crónica do narcotráfico que tampouco di nada novo sobre o que xa se sabía, marcou tamén a axenda dos ataques contra ese dereito, que lles dá base e fundamento á liberdade de opinión e á liberdade de información. Tres das columnas que sosteñen a andamiaxe da democracia.

O sucedido ten na deriva autoritaria do goberno de Rajoy a súa causa e senrazón. Os ministros de Xustiza apuntan. O grupo parlamentar do PP lexisla (endurecendo o Código Penal, ameazando coa Lei Mordaza). E os xuíces da súa corda ideolóxica executan. A pouco que continúen nesa estratexia, ninguén poderá sentirse seguro. Non cabe outra alternativa que desmantelala. Por reaccionaria.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011