OPINIÓN

Rubalcaba ou o medo ao cambio

Xoán Antón Pérez Lema

Rubalcaba foi elixido Secretario Xeral do PSOE cunha moi curta maioría (51,1%-48,8%) entre os 956 delegados  federais, máis ben representativos das elites burocráticas do Partido ca das bases militantes e, sobre todo, dos simpatizantes. Tratábase, sen dúbida, de escolleren a máxima responsabilidade orgánica e non a candidatura á Presidencia do Goberno do Estado.

E tamén é certo que Carme Chacón, a alternativa, partillou con Rubalcaba o pecado de integrar o Goberno Zapatero, responsábel da viraxe neoconservadora de maio do 2010. Mais o que non se pode negar é que a burocracia socialista pensou nomeadamente en si propia ao escoller o candidato máis fracasado desque o PSOE voltara á legalidade,no 1976.  

Lóxica conservadora e burocratizante

Na escolla por Rubalcaba agroma unha lóxica conservadora moi perigosa para o PSOE. Porque esta vitoria non sería  posíbel sen botar mán de todos os arteiros trucos propios da peor tradición do  felipismo e do guerrismo, incluíndo unha reportaxe abxectamente parcial a catro  páxinas o último domingo anterior ao Congreso no xornal de PRISA, alén doutras informacións contra Chacón que lle foron inducidas ao xornal dereitista de Pedro J. Ramírez.

O acto de votación dos burócratas compoñentes do 51% de Rubalcaba tentou, desafortunadamente, non xa parar as agullas do reloxio da historia,senón mesmo atrasalas para voltar aos felices 80 das maiorías socialistas. Non hai reflexión ningunha a respecto dos feitos nacionais periféricos da España plural, porque-afirma Rubalcaba- a mensaxe socialista hase escoitar “coas mesmas verbas e o mesmo acento en todos os territorios españois”.

Por outra banda, tampouco hai achegamento ningún á realidade do paro xuvenil, ao movemento dos anoxados do 15-M, aos emprendedores, ao drama das familias afundidas pola escaseza e o desemprego. E si hai un aceno de desprezo ao ditame popular do 20-N. Aínda por riba de obter Rubalcaba o peor resultado electoral da historia moderna do PSOE os mandaríns escollérono para Secretario Xeral. A mensaxe ao cidadán potencial votante socialista é nidio:  “vos non entendedes de política, nós si

Este PSOE recentralizador, burócrata e afastado da cidadanía vaino pasar moi mal de hoxe en diante. Porque a súa capacidade de constituir o polo de atracción dos españois de centro-esquerda e esquerda pertence xa á historia. Dende xa haberá competir duramente e quizais non sempre con avantaxe con EU, Equo e as forzas nacionalistas de Galicia, Euskadi, Catalunya, Nafarroa, Illes Balears e País Valenciá.

Quizais esta escolla de Rubalcaba marque definitivamente ao bipartidismo como un sistema do pasado.

 

Catalunya  e Galicia

Alén diso, a derrota de Carme Chacón proxecta unha sombra alongada a respecto da sempre difícil relación entre PSC e PSOE. A frialdade de Rubalcaba cos socialistas cataláns prognostica tensións moi importantes. Por outra banda, semella que Carme Chacón vaino ter difícil para manterse como alternativa até as primarias do 2015. Semella que a nova dirección vaille negar o pan e o sal e tampouco ten doado atopar cuarteis de inverno cómodos na súa casa de orixe: o PSC.

Canto á Galicia o resultado constitúe un evidente reforzo de Pachi Vázquez e dos seus até de agora circunstanciais aliados, os alcaldes de Vigo e Lugo. O Congreso do PSdeG está practicamente decidido,ao se sumar ás forzas da rúa do Pino ás de Ferraz. Fran Caamaño haberá agardar mellor ocasión, quizais baixo o abeiro da Secretaria Territorial da circunscrición coruñesa. Agás que se produzan, despois do Congreso Nacional do PSdeG, eventuais movementos de converxencia entre os sectores críticos do BNG e do PSdeG,o que é posíbel,mais pouco probábel.

Como conciliará este PSdeG dominado por Pachi no seu próximo Congreso galeguidade con socialdemocracia? Pois semella que moi mal, á vista do recentralizador discurso de Rubalcaba e do incoherente relatorio congresual  do exconselleiro Méndez Romeu a prol dunhas Deputacións Provinciais que constitúen o máis ineficaz, impopular e caciquil sistema de xestión territorial deste País que chamamos Galicia.

Xoán Antón Pérez Lema

Avogado de profesión. Foi secretario xeral de Relacións Institucionais durante o goberno bipartito, baixo a dirección de Anxo Quintana.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011