OPINIÓN

A fábula do lobo

As dereitas poñen o berro nos escenarios televisivos: tal como se puxeron as cousas, no 2030 será imposible que o Estado poida seguir pagando as pensións. E dan a alternativa para cando chegue ese fatídico día: que cada quen se amañe co seu seguro privado. Confesouno con inmisericorde brutalidade a deputada conservadora Celia Villalobos, que preside a comisión do Pacto de Toledo, nos narcotizantes Desayunos de TVE. Nada como meter o medo no corpo para que os nove millóns e medio de pensionistas actuais asuman a necesidade de revisar á baixa o modelo, e para que os que se xubilen despois garantan desde xa o negocio das aseguradoras.

Que vén o lobo! É o berro co que poñen en vergonzante solfa o «non se pode». A fábula para xustificar o que o goberno de Rajoy, sempre en liña cos mandaríns do máis cruel neoliberalismo, mantén activado na súa axenda secreta. Non se poderá coas políticas depredadoras que vén aplicando desde que tomou posesión, que levaron a que a Seguridade Social entrara en quebra a partir do 2016. Velaí en que deu o remedio da austeridade fronte á crise: o traballo precario, a exigüidade dos salarios, os beneficios fiscais que desnutren o sistema, a exclusión da mocidade máis preparada mediante a emigración forzosa… E co Fondo de Reserva a cero, tendo que recorrer aos préstamos bancarios para cumprir cos últimos pagos. A 15.000 millóns por ano, a masa de intereses acabará sendo inasumible.

Pero pódese con outras políticas –e co PP fóra do poder. As que serven para atallar a gangrena sobre a que Rajoy e o PP armaron o relato do non se pode. Os expertos máis independentes téñeno claro: romper a cláusula do Pacto de Toledo para que o financiamento das pensións non dependa exclusivamente das cotizacións dos traballadores; derrogar as sucesivas reformas que laminaron o sistema de pensións e que ampliaron os anos de cómputo para o 100% da base de cotización; sincronizar de novo o IPC e a suba do actualmente conxelado índice de pensións; a suba de salarios; en vez de regalos fiscais a partir do imposto de sociedades e IRPF, impostos solidarios coas pensións; ou que os contratos de traballo por períodos ridículos non teña vantaxes na cotización, senón penalización…

Verémoslle as orellas ao lobo, pero impedirémoslle que entre a saco no curral.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011