OPINIÓN

Lingua de trapo

Unha pintada nos arredores dun instituto: “Se aínda somos galegos é grazas ao idioma”. Para quen nada significa ese pouso identitario e diferencial, nada importa que o galego estea cada vez máis sometido a unha dieta compulsiva de adelgazamento. A foto fixa que vén de facer pública o IGE desafía tódalas estatísticas á baixa coñecidas até agora. Nos últimos cinco anos, os nenos que nunca falan galego pasaron do 29,59% ao 47,09, porcentaxe que acada o 33% entre os adolescentes e mozos de 15 a 29 anos. A tendencia ao monolingüismo en castelán xa vén de atrás –entre 1992 e 2003 pasou do 10,6% ao 18,5–, pero avanzou ralentizadamente nos seguintes sete anos e acelerou a partir do 2009, ano no que collen o goberno de Galicia os mesmos que se manifestaban detrás da pancarta que, con argumentos acientíficos e politicamente insolidarios, enarboraban os galegofóbicos de Galicia Bilingüe. Coa matraca absolutamente falsa da imposición como pretexto, desandaron o camiño do consenso ao que chegaran o fraguismo e a esquerda, e por un puñado de votos decretaron o que na práctica, como agora queda ao descuberto, non é senón a ruptura violenta da transmisión xeracional da lingua nun dos ámbitos, o escolar, no que se definen con máis empuxe os factores de identidade que naturalizan, e lexitiman, unha comunidade de pertenza.

Que agora boten balóns fóra para sacudirse o morto, como veñen de facer no Parlamento e na prensa que os apoia o presidente Feijóo e o conselleiro Vázquez, non deixa de ser mesquiño e politicamente amoral. Porque aínda que é certo que a ruptura da cadea lingüística que debera manter activada a lingua entre as distintas xeracións de galegos ten en todos e cada un dos ámbitos sociais, e de maneira moi significativa nas familias e nos medios de comunicación, eficacísimos executores, non o deixa de ser menos que é na escola onde os elos desa cadea se solidifican. Retorcer a dramática realidade que amosan as estatísticas oficiais deducindo delas un “alto equilibrio no uso das dúas linguas cooficiais” non só é falso de toda falsidade, senón tamén un acto de covardía política. Porque é agora cando se constata, cos datos na man, o que os sociolingüistas por unha banda, e a cidadanía máis concienciada dos perigos que para culturas e linguas minoritarias  representan os fluxos homoxeneizadores da globalización, pola outra, denunciaran a eito. Non recoñecer pese a todo que estaban equivocados, e non dar marcha atrás en consecuencia, tanto para retomar o consenso político e social que dinamitaran como para afrontar, sen prexuízos, un reactualizado proceso de defensa e discriminación positiva e socialmente transversal do galego, localizaría definitivamente o goberno de Feijóo e o PP que o sostén entre os seus verdugos.

O mesmo papel que lles correspondería a cantos, estando como están á fronte de institucións que teñen, entre outras obrigas, as de seren activos enerxéticos na batalla que libran no espazo do glocal, de maneira tan desigual, os axentes da globalización homoxeneizadora e os axentes subversivos que actúan desde dentro das identidades, linguas e culturas nacionais, se non levantan a voz e encabezan un movemento social, cultural e político de contestación contra os que, de persistiren nesa actitude covarde, optan por deixar que o galego se converta nunha lingua de trapo.

Un Nadal de ficción

Van a por todas. Sábense cercados por mareas de indignados, e simultanean dous movementos que non poden senón anularse entre eles: disparan ao aire para amedrentalos –coa lei mordaza– e chaman a rebato para que todos converxamos, espidos de maldade, no Nadal de felicidade que vén de anunciar, urbi et orbe, o presidente menos aceptado da democracia. Eles, que tan pouco aprezo teñen pola cultura, sérvense da escenificación teatral para tecer argumentarios a gusto dos seus máis adictos consumidores. Lei e orde para calmar os do seu particular tea party –medios de comunicación e familias do réxime que aínda non deron superado o canguelo democrático que lles entrara coa transición–, e entreguismo económico para alimentar a fenda que está facendo de España unha campioa nos indicadores de desigualdade –ocupa o posto trinta entre os países máis avanzados, só por diante de Hungría, México e Turquía. As escandalosas cifras da pobreza, e máis aínda a infantil que pasou do 28,2% en 2008 a máis do 36,3 en 2013 (Unicef), contrastan por iso cos datos que achega Intermon Oxfam: no último dos anos citados, os vinte máis ricos de España aumentaron a súa fortuna en 12.230 millóns de euros.

Unha escenificación, xa que logo, trufada de esperpento. Non doutra maneira hai que cualificar a bravata de Rajoy identificando este Nadal co da definitiva recuperación. Véselle demasiado o plumeiro. Por autoritario e entreguista. Por moitas cestas de turrón e mazapán que regalen ás portas dos albergues, nos que Núñez Feijóo quere recluír ás 3.600 persoas sen casa detectadas por Cáritas/Foessa en Galicia –onde medrou a desigualdade ata un 14,4 por cento en cinco anos– non van poder ocultar a dramática realidade. A do paro e a desigualdade, en primeiro lugar. Pero tampouco a da corrupción, que os ten coa soga ao pescozo. Ese Nadal que pintan é de ciencia ficción.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011