OPINIÓN

Feijóo e a cultura

Luis Álvarez Pousa

Malia a retórica utilizada nas solemnidades de ritual, para Núñez Feijóo a cultura é máis un estorbo que unha oportunidade. Abonda con constatar o valor que lle vén dando nos orzamentos -en tres anos, case un cincuenta por cento menos-, e tamén o desdén co que afronta as demandas do sector. Ou a reubicación da Consellería á sombra de Educación, sacrificando o que en boa lóxica, e en consonancia cos discursos que lle escriben e que el verbaliza, simboliza unha das principais razóns de ser do autogoberno, o diferencial que nos singulariza nun mundo cada vez máis homoxeneizado. Mesmo baixo que responsable político delega a gobernanza cultural, quérese dicir, as políticas que sirven para incentivala e democratizala.
Relegouna desde o momento en que conformou o seu goberno á hora de delimitar administrativa e politicamente as competencias que lle atribúe o Estatuto. Talvez para eludir compromisos cun sector pouco proclive ás súas teses contra-identitarias, e por iso difíciles de dixerir. Talvez porque segue atado a un concepto de cultura que bebe exclusivamente das fontes humanísticas, que a dulcifican, e non de todo un sistema de relacións -políticas, económicas, sociais, tecnolóxicas- que forzosamente a tensan e a fan conflitiva. Velaí a súa dimensión económica, dando pé ás cada vez máis sectorializadas e fragmentadas industrias culturais. E a súa dimensión política, na que toman corpo as políticas culturais, chamadas a afianzar os procesos democratizadores tanto no referido aos niveis de creatividade como de receptividade ou de acceso á cultura.
Que o presidente do país amague con xustificar o estado de abandono e postración do que por diversas causas está sendo vítima o sector animando ao ascetismo, coa consabida monserga de que nunca como na escasez brota con maior forza o acto de creación, é politicamente obsceno. Sucedeu hai poucos días, no acto de entrega dos premios culturais da Deputación coruñesa. Autoabsolvéndose con esa disparatada teoría, que deriva dunha anquilosada e irreal maneira de entender e valorar a cultura, como se nada fose con el, nin co seu goberno, refrenda a idea dun gobernante fast food. Nada que non poida ser destinado ao consumo rápido ten valor para el. Cos seus largos procesos creativos, necesarios para transpirar a complexidade do mundo contemporáneo, e poder conectar asi coas necesidades interpretativas dos que acceden ás súas múltiples e diversas manifestacións, a cultura non vende tanto e tan rapidamente como a el lle interesaría.
Facer do Gaiás unha escusa, mentres entra en estado de shock o tecido cultural, o creativo e o industrial, é cínico e irresponsable. Convertilo nun refuxio ao que van dar os orzamentos máis sustanciosos, por aquelo de cubrirlle as espaldas a Fraga Iribarne -seica un modelo como o definiron Rajoy e Feijóo de racionalidade política-, e tamén canta ocurrencia chega en formato populista ao despacho presidencial e reciba o plácet de quen ten como única preocupación enchelo de espectadores, vólvese un boomerang contra el e o seu partido. De pouco serve que o conselleiro Vázquez teña a desfachatez de cargar ese morto nas costas do bipartito. Porque non se atreven a cortar de raíz o fluxo de diñeiro público que absorbe día a día ese inmenso contedor, pero tampouco a apostar por convertilo en proxecto estratéxico de país con tódalas consecuencias. Pola contra, non paran de degradalo obrigándoo a recepcionar todo o que non cabe noutros espazos institucionais -por caso, funcionarios da Xunta- e museísticos, enmascarando a súa inactividade con actos do santoral, espectáculos circenses, maxia e montaxes de escasísima calidade. Máis que Cidade da Cultura o que fan dela é unha cidade para os desguaces.
Algo positivo, aínda que con enorme retraso. Veñen de anunciar, á fin, a integración das competencias do audiovisual no Agadic, que desta maneira pode chegar a ser unha verdadeira axencia das industrias culturais. Sen que se entenda como, despois de dar este imprescindible paso reunificador, que ten en Cultura o departamento máis acaído, non fan o mesmo coa filmoteca de Galicia (CGAI), que vai seguir ao parecer en Presidencia. Tanto o audiovisual como as filmotecas dependen en toda Europa dos correspondentes departamentos de Cultura.
Diso falaremos outro día.

Luís Álvarez Pousa

Vila de Rei, Trasmiras (1948). Profesor de Xornalismo na USC e doutor en Historia. Ocupou cargos de responsabilidade como xornalista no Grupo Voz durante 23 anos, foi fundador da revista Teima e de Tempos Novos, que dirixe na actualidade. Director Xeral de Cultura no primeiro goberno galego.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011