OPINIÓN

Atrapados

O que se deu en chamar a Internet das cousas (IoT, as súas siglas en inglés) conforma un novo escenario no que todas e cada unha das persoas que dispoñemos dun teléfono móbil ou interaccionamos con dispositivos electrónicos sensibles estamos subministrando datos de forma simultánea e continua á velocidade que nos permita a conexión. Esa acumulación de datos, ou mellor, esa maneira de xerar, almacenar e procesar os datos de todos e cada un dos cidadáns, está transformando a comunicación, pero tamén a sociedade.

O time line dunha conta de Twitter que se ocupa de compartir toda a información etiquetada como BigData faise eco, principalmente, da amabilidade e vantaxes que ofrece ese escenario no que se lle confía á IoT a conformación dun mundo pretendidamente mellorado, máis eficiente, máis seguro, máis transparente. Tanto as redes sociais como as aplicacións de mensaxería instantánea ou as de xeolocalización ofrecéronnolas como inocentes xogos que viñemos adaptando á nosa vida cotiá coa ilusión de estarmos mellor informados e conectados. Tanto na esfera persoal como profesional. Porén, ao tempo que experimentamos esa ilusión, comprobamos que en realidade o que fan é xerar problemas que nunca chegaramos a imaxinar.

A pretendida inocencia destas e outras aplicacións, o mesmo que a considerada ou pretendida neutralidade dos datos e da tecnoloxía, non é tal. Na era do Big Data, moitas das decisións que condicionan o día a día das nosas vidas non as tomamos nós. Tómanas diversos modelos matemáticos que non só están sendo programados senón tamén adestrados para adoptar decisións de forma independente. Á marxe de nós mesmos.

Son tres as interrogantes ás que nos aboca esa nova realidade dixital. A primeira delas ten a ver coa propiedade dos datos e coa súa venta. A segunda deriva do feito de teren pasado tanto a privacidade como a protección de datos sensibles a depender en boa parte das empresas, que desprazaron o Estado no seu cometido de velar pola seguridade dos cidadáns. E a terceira, a que vén da dificultade para identificar o suxeito moral, quérese dicir, o suxeito que debe asumir a responsabilidade polas consecuencias que produza a súa acción, suceda esta durante a xeración, a xestión ou a utilización posterior do coñecemento que derive do tratamento deses datos. O drama é que, cando menos polo de agora, son preguntas sen resposta.

A figura mitolóxica do Minotauro, transformado agora en algoritmos de adestramento que lles ensinan ás máquinas a aprender o mellor e o peor dos humanos, precisa atopar unha ética adaptada aos retos tecnolóxicos, dixitais, do século XXI. E uns profesionais dos datos capaces de poñela en práctica de maneira cotiá. Un novo Teseo, en definitiva.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011