OPINIÓN

A cociña da política

Iolanda Veloso

A pesares do que poida parecer polo título do artigo, non vou falar da famosa cociña na que se xuntan as elites das organizacións políticas para chegar a acordos sobre futuras accións con maior ou menor repercusión para a cidadanía ou para a militancia dos partidos. Esa é a cociña dos grandes chefs, os que gañan estrelas Michelín, teñen programas de televisión e poden dedicarse a deconstruír a tortilla para reconstruíla en forma de escuma. Eu da que quero falar é da cociña onde se fai a comida de todos os días, feita con cariño, dedicación e imaxinación, sobre todo en tempos de crise, pero que non goza do recoñecemento de ninguén. Non vaia ser que a cociñeira se empoleire e pretenda poñer tamén a Toque Blanche. Si, quero falar da cociña das mulleres ás que se nos concedeu máis participación en política, como no chiste, ampliando a cociña.

Os avances sociais que tiveron lugar nos últimos anos na loita pola igualdade de dereitos entre mulleres e homes incluíron unha maior participación das mulleres en política. A obriga de cumprir coas cotas de participación polas que en todas as listas (é preciso que haxa unha proporción 60%-40%) e a adopción das chamadas “listas cremalleira” por algunhas forzas políticas aumentou a representación das mulleres en todos os niveis institucionais. Porén, co paso do tempo, isto non supuxo un aumento das mulleres nos cargos máis de maior responsabilidade e proxección pública nin nas institucións nin nas propias forzas políticas, non levou consigo un aumento do poder político das mulleres, non houbo unha subversión do poder simbólico. As mulleres en política seguimos sendo intercambiables, as que aguantan non poder avanzar con criterio propio no seu lexítimo dereito de acadar maiores cotas de poder e representatividade, como os seus compañeiros homes, quedan eternamente no lugar no que están e as que non, marchan por onde volveron e son substituídas por outras novas. Cuestionadas como políticas por seren mulleres feministas e cuestionadas como mulleres feministas por seren políticas.

Na situación actual non se albiscan avances senón retrocesos. Todo reforzo dos estereotipos tradicionais é un retroceso e estamos sendo bombardeadas por unha imaxe cunha enorme carga simbólica desde a chegada do Partido Popular ao poder no goberno estatal. Mudamos a imaxe das mulleres en política como persoas autónomas, dinámicas, positivas á que se apuntaban Soraya Saénz de Santamaría e mesmo a propia Dolores de Cospedal, profesional de mediana idade, nai solteira, preparada, enérxica, ao cuestionamento deste papel das mulleres en política como superficial e pernicioso para os tempos duros que vivimos. Descualificadas as mulleres sexys, glamurosas e vestidas de cores foron substituídas por mulleres serias, sacrificadas, ríxidas e austeras ao servizo dunha causa maior e que aparecen nos medios de comunicación vestidas de rigoroso negro, co pelo recollido ou mesmo mal peiteado, sen case maquillaxe e sen alfaias, como a nova sección feminina dirixida pola mesmiña Bernarda Alba, que traballan ao servizo dos seus dirixentes masculinos para a salvación do país. Falaba hai pouco cunha militante desas que adoitamos chamar histórica porque sempre estivo aí, cociñando, ata que cansou, claro, de que parecía que volvíamos a ese debate de hai 20 anos, iso de discutir sobre que é antes, a liberacion do país ou a da muller, e me dicía que quen nos dera estar aí….

Aproveito para dar as grazas e o meu profundo recoñecemento a todas as cociñeiras que estiveron aí, enchéndose de graxa e pasándonos receitas ás que íamos chegando, ás que seguen cociñando porque honestamente lles quita o sono o que está pasando e máis aos homes que nos últimos tempos van arremangándose e nos acompañan porque é imposible gañar espazo se ninguén o cede.

Iolanda Veloso Ríos

Iolanda Veloso é concelleira do grupo municipal do BNG en Vigo. Na anterior lexislatura foi concelleira de Igualdade, Normalización Lingüística e Mocidade. É tradutora.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011