GLOBAL

Italia, presa da clase política e da débeda

A tormenta e as inundacións que o día 5 de novembro golpearon a cidade de Xénova e causaron 12 mortos parecían o enésimo desastre que case todos os anos acompaña o outono italiano coa chegada das primeiras choivas.

Con todo, a tormenta deste ano revelouse só o comezo dunha das semanas máis intensas, inestables e revolucionarias dos últimos vinte anos. Outra tormenta, económica e despois política, caíu sobre o país e sacudiu os cimentos do seu sistema de goberno.

O luns 7 de novembro o valor dos títulos da débeda pública italiana nos mercados financeiros redúcese drasticamente. O valor do spread (o diferencial cos bonos alemáns) alcanza a cota 576, moi por enriba do valor que dou paso ao rescate de Irlanda, Portugal e Grecia. O martes 8 de novembro o Parlamento vota o consuntivo do orzamento 2011 do Estado. O texto resulta aprobado, pero con 308 votos, por debaixo da maioría absoluta de 316. Durante a votación Berlusconi busca coa mirada aos 8 “traidores” do seu partido. Logo resígnase a se desprazar ao Quirinale, a residencia do Presidente da República Giorgio Napolitano, para consultarse con el.

Napolitano pide a Berlusconi xestionar a aprobación no Parlamento da Lei de estabilidade orzamentaria, que inclúe as medidas de axuste esixidas pola Unión Europea, e de seguido dimitir. Hai que lanzar unha mensaxe de confianza aos “mercados” e a Bruxelas.

De feito, no mesmo día chega a Roma un grupo de inspectores da Comisión Europea. A súa misión: comprobar que o Goberno estea preparando as reformas acometidas nunha carta presentada por Berlusconi durante a reunión del Consello europeo do 26 de outubro. Na mente dos italianos, os inspectores simbolizan a troika que xa se instalou en Grecia para vixiar os axustes do Goberno. É evidente que Europa xa non se fía do Goberno italiano e das súas promesas.

O xoves 10 de novembro empeza a circular o nome de Mario Monti como novo xefe do executivo. Na tarde do sábado 12 os deputados aproban a Lei de estabilidade. Ás nove da noite Berlusconi volve ao Quirinale para dimitir. O Goberno Berlusconi, que nos últimos dous anos resistira a todos os escándalos públicos e privados do seu presidente, derrubouse nunha semana baixo os golpes da emerxencia económica.

¿Cómo é posible que un país que ata os anos 90 foi a quinta potencia económica mundial e segue sendo a terceira economía da zona euro, chegue ao borde da intervención económica por parte da UE e o FMI?

Unha crise política e de credibilidade antes que económica

A débeda pública de Italia é a segunda máis alta da zona euro despois de Grecia. Representa arredor do 120% do PIB e o Estado gasta 20 billóns de euros ao mes para financiala. É o resultado da imprudente política de déficit-gasto levada a cabo a partir dos anos 80. O país viviu durante anos por enriba das súas posibilidades. Os italianos sentíanse ricos, o Estado endebedábase cada vez máis para soster a renda das familias, pero a costa das xeracións futuras.

Con todo, a estructura económica do país sigue sendo sólida. A riqueza colectiva das familias é de 8.600 billóns de euros. A diferencia de España, o sistema bancario viuse pouco afectado pola burbulla inmobiliaria. O país conta cunha rede de pemes cunha gran capacidade exportadora. A moda, o design, os productos alimenticios, a promoción do estilo de vida italiano son as súas fortalezas

A estrutura económica do país segue sendo sólida

Italia ten capacidade para rexenerarse. Pero dende fai vinte anos o país necesita unha serie de reformas estructurais: da administración pública, as infraestructuras, o sistema decisional e a articulación territorial do Estado. Reformas que a clase política non tivo a coraxe de facer e que os cidadáns prefiren aprazar.

Para algúns italianos os acontecementos dos últimos días son un déjá vu. No verán de 1992, coa metade da clase política no cárcere ou baixo xuízo pola operación “Mans limpas” contra a corrupción política, a lira italiana converteuse no branco da especulación financeira e tivo que saír do Sistema Monetario Europeo (o antepasado do euro). O goberno do país pasou da man dos políticos á dos tecnócratas: Giuliano Amato, destacado constitucionalista e profesor na prestixiosa LUISS de Roma, e despois Azeglio Ciampi, ex gobernador do Banco de Italia. Para recuperar a confianza dos “mercados”, aprobouse un axuste de até 50 mil billóns de euros.

Pasado o apuro, os años ´90 empezaron coa promesa e a vontade de reformas responsables, para recuperar a competitividade do país. Pero a chegada ao poder de Silvio Berlusconi en 1994 e a súa maneira de facer política cambiaron as cousas.

Berlusconi cativou aos italianos coa promesa dun nuovo miracolo italiano (outro boom económico como o dos anos 50 e 60) e dunha revolución liberalista. Vendeu a ilusión de que cada italiano, sen a carga dos impostos do Estado e dos malgastes da clase política, podería converterse coma el nun empresario de éxito. Como comenta o periodista da Stampa Massimo Gramellini, “o italiano medio non era una vítima de Berlusconi, senón un Berlusconi máis pobre”.

Arredor de Berlusconi aglutinouse un bloque social heteroxéneo. As grandes empresas de Confindustria atraídas pola promesa de privatizacións. Os padroncini (pequenos emprendedores) das provincias do Norte que odiaban os impostos de Roma e sensibles á propaganda independentista da Liga Norte, aliada de Berlusconi. Os mozos e mozas desempregados do Sur e as súas familias, convencidos pola promesa de “1 millón de postos de traballo”. As amas de casa atraídas polo sorriso cativador que Berlusconi lanzaba desde as súas tres canles de televisión. Una Italia individualista, á que Berlusconi soubo vender a ilusión de seguir vivindo o soño de riqueza típico dos anos 80.

Berlusconi soubo vender a ilusión de seguir vivindo o soño de riqueza típico dos anos 80

Con todo, paulatinamente resultou evidente que os intereses persoais do Xefe do Goberno tiñan prioridade sobre os intereses dos italianos.

A pesar diso, Berlusconi puido gobernar Italia durante 12 anos (1994-95; 2001-2006; 2008-2011) e foi o protagonista da vida política durante case 20. ¿Por qué os italianos continuaron a votalo? Como explica Beppe Severgnini, periodista do Corriere della Sera, Berlusconi foi capaz de parlare allapancia (responder aos instintos) dos italianos. Berlusconi non dicía o que non é xusto facer, máis ben era condescendente cos vicios de moitos italianos. Por exemplo, cando afirmou que entendía á xente que non paga impostos, porque a carga fiscal en Italia era demasiado elevada.

En realidade, quen tirou do poder a Berlusconi non foi a maioría dos italianos, senón os “mercados financeiros”, a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional, cansados das continuaspromesas de reforma do Goberno italiano. Non en vano, Mario Monti, o probable substituto de Berlusconi, é presidente da Universidade Bocconi de Milán (principal think-tank económico do país), ex Comisario europeo para a competencia e asesor de Goldman Sachs. Unha cara respectable para aquel mundo que xa non confía en Berlusconi.

Un país sen clase política

As portadas dos últimos números de The Economist e Time son a síntese da crise de credibilidade que está vivindo Italia. Nas palabras dalgúns comentaristas Italia transmite a imaxe dun estado á deriva. O problema é que o país non dispón dunha clase política con capacidade e credibilidade para contrarrestala.

No partido de centro-dereita encóntranse só pretorianos de Berlusconi, que dificilmente poñen en dúbida a palabra do xefe. Para moitos deles o cargo político é unha prebenda recibida a cambio do seu voto no Parlamento. Por outro lado, a área de centro-esquerda é unha aglomeración de varios partidos que non conseguen atopar unha lideranza común.

A formación do goberno técnico de Monti representa unha nova derrota para a clase política italiana. Como no 92, os técnicos semellan a única opción viable. Pero non pode ser duradeira.

A solución está nas mans dos italianos. Despois da tormenta, saberán resistir á tentación de poñer outra vez o destino do país nas mans dun salvatore della patria (salvador da nación)? De no ser así, o perigo é que todo acabe como na novela Il Gattopardo de Tomasi di Lampedusa. Que todo teña que cambiar para que nada cambie.

Avatar of Domenico Tinelli

Licenciado en ciencias política, na especialidade de economía internacional, pola Università degli Studi de Bari. Consultor en proxectos de desenvolvemento.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011